DIA 3 - SOLPOR NO MONTE PINDO

Amence na terceira xornada da nosa viaxe e comezamos dando un paseo pola praia de Langosteira. De aquí podemos dirixirnos ao faro de Cee, que ofrece unha vista privilexiada do treito da costa que vai dende o faro de Fisterra ata a praia de Carnota; e tamén das illas Lobeiras, fogar de amplas colonias de corvos mariños e gaivotas.

Dende Cee dirixirémonos a Carnota, xusto nos límites da Costa da Morte, onde poderemos visitar o Museo Arqueolóxico Aberto, un espazo natural que transcorre ao longo de máis de 10,5 km, a través dos cales se atopan sete espazos arqueolóxicos de distintas épocas e tipoloxías, seleccionados dentro da gran riqueza cultural que se distribúe polo territorio de Carnota. Este museo ao ar libre acolle, entre outros tesouros, un conxunto de petróglifos -debuxos gravados na propia rocha en época prehistórica- que representan o movemento do Sol, a Lúa e os astros. Antes de xantar aínda teremos tempo de dar un paseo pola praia de Carnota que, cos seus case 7 quilómetros, é a máis longa de Galicia.

Xa pola tarde, volvemos sobre os nosos pasos para non deixar de visitar o lugar do Ézaro, no concello de Dumbría. Aquí o río Xallas dá paso a unha vertixinosa caída do río que se precipita ao mar formando unha colosal fervenza. É recomendable subir tamén ata o miradoiro do Ézaro, dende o que poderemos contemplar unha ampla e fermosísima paisaxe costeira.

Poñemos rumbo cara o monte Pindo, un macizo de granito de grandes dimensións envolto en crenzas e lendas. Tras unha esixente ruta de ascenso chegaremos á gran rocha granítica coñecida como A Moa, que sorprende cunha visión ampla e máxica da paisaxe. Neste lugar, perfectamente aliñado coa cidade de Santiago de Compostela e o cabo Fisterra, o sol pousase no mar bañando co seu brillo de luz dourada todo o horizonte. Estamos ante o derradeiro solpor da Europa continental.

Recomendacións
A aldea de Olveiroa en Dumbría é unha pintoresca localidade que actualmente recibe numerosos peregrinos xacobeos.
A praia de Caneliñas en Cee atópase próxima ao Ézaro e a súa visita supón viaxar ao pasado, cando esta pequena cala era considerada como un dos enclaves máis importantes da industria baleeira.
O faro de Lariño, situado en Punta Ínsua (Carnota), levántase aos pés do océano seguido dun inmenso areal.
Datas destacadas
Derradeiro sol da Europa Continental. Do 24 de marzo ao 23 de abril e do 18 de agosto ao 19 de setembro.
Dende finais da primavera ata finais do verán, nas praias da Costa da Morte, especialmente en Carnota, adóitase dar o fenómeno do Mar de Ardora.
 

Arriba