Esta Semana Santa, tamén “Elixe Galicia, tes que vivila"

Dúas localidades galegas alcanzaron a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional para a súa Semana Santa: a Semana Santa de Viveiro e a Semana Santa de Ferrol. Ademais podes disfrutar de 7 Festas de Galicia de Interese Turístico: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis)Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo.

Para descansar, para gozar das súas tradicións, para comer ben, para perderte nos seus espazos naturais e para sentirte tan acollido como na casa. Participa este ano nas nosas celebracións de interese turístico e descubre a variedade da nosa oferta de aloxamentos.



Semana Santa de Viveiro

Numerosos pasos, algúns deles articulados e de grande interese artístico, protagonizan as solemnes procesións de Semana Santa de Viveiro, nas que confrarías e irmandades enchen de relixiosidade e ambiente íntimo as rúas da localidade. Eucaristías, vía crucis, tamborradas… preceden aos días grandes. Os actos máis rechamantes comezan o Xoves Santo, coa procesión da Última Cea –o paso da Cea foi creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as fi guras dos Apóstolos– e do Prendemento, organizada pola Irmandade do Prendemento, moi rechamante polas súas túnicas e caparuchos de cores vermella e branca. O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro, outra emocionante cerimonia na que participan, xunto ao Cristo que cae, as tallas da Dolorosa, San Xoán e a Verónica, e que é seguida pola multitude desde os balcóns e as rúas con crecente interese. Pola tarde, tras o Desencravo celébrase a procesión do Santo Enterro, a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface.

Semana Santa de Ferrol

Desde o Domingo de Ramos ata o de Resurrección, sucédense sen parar as procesións que rememoran a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús. As rúas de Ferrol énchense de fervor relixioso e bulicio, en torno aos pasos das súas cinco confrarías, herdeiras dunha tradición secular e dun espírito de fondo calado popular que resiste aos cambios sociais e xeracionais. Vistosas, multitudinarias, emotivas e solemnes, destacan entre todas elas as do Venres Santo: pola mañá, o Santo Encontro, na praza de Amboage; pola tarde, a do Santo Enterro, de marcado carácter litúrxico, na que se leva a Santa Urna, toda unha reliquia da Semana Santa ferrolá e, pola noite, a estremecedora procesión dos Caladiños, que percorre as rúas do casco histórico da Magdalena, cos pasos de San Xoán, Cruz Sudario e a Virxe das Dolores, e retírase de madrugada, tras o tradicional canto da Salve.

Festas do Santísimo Cristo, en Fisterra

As festas do Santo Cristo de Fisterra teñen lugar nos días de Semana Santa, con representacións da Paixón de Cristo por parte dun grupo de veciños da vila que son seguidos por milleiros de fregueses, nos arredores da igrexa de Santa María das Areas, na estrada que sobe ao faro. A máis importante delas é a que ten lugar o Domingo de Resurrección. Trátase dun auto sacramental co que se relata o momento no que, diante do sepulcro de Cristo custodiado polos soldados romanos, un anxo notifica ás mulleres a nova da resurrección de Xesús. Entre as manifestacións de gozo e alegría e os aleluias nos que prorrompen os milleiros de asistentes, soan as campás e a música de bandas e lánzanse foguetes e pombas ao voo. Como colofón, báilase a “Danza de Nosa Señora das Areas”, cuxa orixe data do século XVII.

Semana Santa de Cangas

A máis solemne manifestación de relixiosidade en torno á Paixón de Cristo que ten lugar na provincia de Pontevedra son as procesións de Semana Santa de Cangas, que contan con pasos de gran valor histórico-artístico e imaxes articuladas, como a do Nazareno da procesión do Santo Encontro ou o Cristo da cerimonia do Descendemento, que lles dan aos actos un emotivo realismo. As celebracións relixiosas comezan xa o Venres de Paixón, coa festividade de Santísima Virxe das Dores (festa local). Moi vistosa é a procesión do Xoves Santo, co Paso da Mesa, que representa a última cea, con produtos naturais, o da Oración no Horto das Oliveiras e o da Flaxelación, un fermoso conxunto artístico ao que segue baixo palio, pechando a procesión, a Virxe das Dores. O Venres Santo sae pola mañá a procesión da Negación de San Pedro, notable pola afluencia de xente nova, que leva a imaxe de San Pedro ao redor dos Xardíns de J. Félix Soage Villarino, e participa ao final dunha gran chocolatada. A mediodía, o centro da localidade énchese de xente que acode á procesión do Santo Encontro. A medida que se vai relatando a pasaxe histórica da subida ao monte Calvario, van aparecendo as imaxes dos protagonistas dela: San Xoán, A Verónica, María Magdalena, María Cleofás, María Salomé e a Virxe das Dores. O Nazareno, acompañado do Cirineo e de soldados romanos, cae tres veces grazas a un sistema de articulación.

Semana Santa de Paradela

A posta en escena da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo que ten lugar na pequena parroquia de Santa María de Paradela (Meis, Pontevedra) sorprende gratamente polo esmero da posta en escena, o coidado do vestiario e dos escenarios onde descorren os actos. A calidade da interpretación dos actores logra transmitir ao público o sentimento profundo da fe cristiá. Por iniciativa da Confraría de Semana Santa e Pascua, nacida en 1993, todos os fitos que marcan as horas previas á morte de Xesús Cristo e a súa posterior resurrección son coidadosamente representados. O público participa activamente, o que contribúe a darlles aínda maior realismo ás escenas. Así, a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén ao lombo dun burro o Domingo de Ramos, a bendición de ramos e a procesión desde o Campo de Outeiro ata a igrexa parroquial é a primeira dunha serie de representacións que, alternadas cos actos litúrxicos propios destas datas, se suceden o Xoves Santo, o Venres Santo, o Sábado Santo e o Domingo de Resurrección. O xoves pola noite, tras a liturxia, ten lugar a posta en escena da Última Cea, o lavatorio de pés, o prendemento de Xesús e o seu xuízo ante Caifás. Na mañá do venres, veciños e visitantes concéntranse diante do adro da igrexa parroquial para asistir á representación do xuízo de Xesús ante Poncio Pilatos e Herodes e á flaxelación, e participar a continuación nun realista e emotivo Vía Crucis ata o Monte da Croa, onde se representa a crucifixión

Semana Santa de Betanzos

A Semana Santa de Betanzos comeza o venres anterior ao Domingo de Ramos cunha misa na honra á Virxe das Dores. Desde este día ata o Martes Santo a música, especialmente no recoñecido Ciclo de Música Sacra, é a auténtica protagonista. O Domingo de Ramos pola tarde ten lugar a beizón dos Ramos e a procesión coa imaxe da Borriquiña, que é acompañada por numerosos betanceiros cos seus ramos e as súas palmas.

Semana Santa de Mondoñedo

A Semana Santa mindoniense presenta unhas raíces históricas que chegan máis aló do século XVI, é un exemplo de sinxeleza e sobriedade reflexo da Fe popular desta zona de Galicia. A Semana Santa de Mondoñedo é de recollemento e de vivencia interior. A Procesión e Misa de Ramos, Procesión do Ecce Homo, Procesión do Prendemento, Adoración do Santísimo, Procesión do Santo Encontro, Procesión do Santo Enterro, Procesión da Soidade, son as máis destacadas manifestacións públicas desta Semana Santa con tantos séculos de historia.

Semana Santa de Santiago de Compostela

Para a Unesco, Santiago de Compostela é “unha cidade ideal que desborda á vez historia e intemporalidade”. Foi declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade ao considerar que a súa beleza urbana e integridade monumental se engadían aos profundos ecos da súa significación espiritual como santuario e destino da maior peregrinación da Cristiandade entre os séculos XI e XVIII: o Camiño de Santiago. A historia compostelá e os seus escenarios outorgan á conmemoración da Paixón de Cristo un esplendor único e unha solemnidade incuestionable. A excepcional paisaxe granítica, ateigada de torres, balcóns, volutas e gárgolas, imprime espectacularidade e dramatismo ao paso das procesións na escuridade, en especial ás máis tardías, no cabo da medianoite, e ás de carácter penitencial, que avanzan cortando a néboa e marcando o paso sobre a pedra húmida.

Semana Santa de Lugo

A celebración da Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da exposición permanente do Santo Sacramento no altar maior da Catedral. Así, desde o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae de procesión polas rúas da cidade. Do mesmo xeito, na mañá de Pascua prodúcese un encontro excepcional entre Cristo Resucitado e súa Nai. Este privilexio, unido a outros elementos propios, confírelle á Semana Santa lucense o seu carácter singular.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!