A primeira parada do noso percorrido polos “10 lugares únicos de Galicia” é a Ribeira Sacra, onde se atopa a meirande concentración de construcións relixiosas de estilo románico en Europa.
A Ribeira Sacra é unha terra marcada polos ríos Miño e Sil que, ao seu paso entre as montañas, van moldeando a súa fermosa paisaxe. Todo isto, unido á fe e á espiritualidade que aínda envolve os numerosos mosteiros espallados por estas terras, fan deste recuncho de Galicia unha aposta segura para os sentidos.
Internádevos nesta atmosfera máxica para coñecer un lugar tan especial como Santo Estevo de Ribas de Sil, antigo convento cuxo edificio foi totalmente rehabilitado e integrado na rede de Paradores Nacionais. Outro dos mosteiros que non podedes perder é o de San Pedro de Rocas, un templo escavado en rocha viva. Ao entrar na igrexa, a sensación é moi similar á de estar nunha cova primitiva. Rodeando o templo, poderedes descubrir sepulturas antropomorfas, ás que a pedra, a choiva acumulada e o lique lles dan un verniz máxico. Pero estes son só dous exemplos de todo o patrimonio que podedes atopar na Ribeira Sacra, hai moitísimo máis agardando por vós nas ribeiras do Miño e do Sil, como as igrexas de San Paio de Diomondi e a de San Miguel de Eiré, ou os mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil e Montederramo.