Os concellos que integran este xeodestino son: A Bola, Baltar, Bande, Calvos de Randín, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, Muíños, Os Blancos, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Tramiras, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Celanova é terra de poetas como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, sen dúbida inspirados pola beleza da contorna. A Praza Maior de Celanova está presidida polo maxestoso mosteiro de San Salvador, unha das xoias do barroco en Galicia. Nos arredores, o castro de Castromao e Vilanova dos Infantes, vila medieval con casas señoriais arredor dunha antiga torre.

Cara ao sueste, estas terras fúndense coas da Limia, onde se cultivan as mellores patacas de Galicia. En Xinzo de Limia celebran por todo o alto dúas grandes festas. Unha é o Entroido, que transcorre durante 5 domingos e é un dos carnavais máis antigos e estrambóticos de toda España. A outra é a "Festa do Esquecemento", que conmemora a pasaxe do río Limia polas tropas romanas. As lexións que chegaron ata aquí negábanse a cruzalo crendo que quen o facía perdía memoria... Ata que Décimo Xunio Bruto o cruzou e desde a outra beira foi chamando a cada soldado polo seu nome. Así acabou coa lenda e así comezou a festa.

Patrimonio

No imaxinario colectivo queda o paso por aquí das lexións romanas. En efecto, no Itinerario de Antonino figura a Vía XVIII ou Vía Nova, que unía Braga con Astorga. Desde terras portuguesas salva a que hoxe é fronteira por Portela de Home e rapidamente baixa. Unha parte foi reconstruída para ter unha idea de como era entón, xusto logo da maior concentración de miliarios que existe en Galicia.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Non tan lonxe hai que ir no tempo para atopar un convento emblemático: Celanova, que mostra a particularidade de que no seu recinto encerra un minúsculo templo posto baixo a advocación de San Miguel e que se encadra na arte prerrománica. Como prerrománica é tamén Santa Comba de Bande.

Pola súa banda, a chaira da Limia está defendida por catro torres. Tres delas non deixan indiferente a ninguén. Son: Sandiás (un exemplo de como desafiar a verticalidade), A Pena (en Xinzo, dominando a parte máis setentrional e en moi bo estado) e A Forxa (concello de Porqueira), e unha máis da que quedan ruínas no alto dun monte que permite admirar toda esa chaira (Celme, en Rairiz de Veiga). Fai falta citar polo menos tres fortificacións máis: o castelo dos Araúxo, en Lobios, do que só quedan uns restos mais nun lugar que domina unha panorámica espectacular; a torre de Vilanova , en Celanova, que chegou a acoller ata as oficinas do concello; e o inaccesible castelo de Sande (Celanova tamén).

 

Espazos naturais

É fácil deducir que predominan as paisaxes espectaculares nunha natureza pura, que o home domesticou pero non transformou nada máis que nas partes baixas.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Aí está para confirmalo o cada vez máis visitado Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, que se prolonga cara ao norte por outro espazo protexido de nome Baixa Limia, ademais de en territorio luso polo Parque Nacional da Peneda-Gerês (formando un parque transfronteirizo).

No Xurés, onde foi introducida novamente a cabra salvaxe, mandan non só as serras altas como a de Santa Eufemia, senón tamén os enclaves baixos como o do río Caldo coas súas augas termais. Transfronteiriza tamén é a Reserva de la Biosfera de Gerês-Xurés que está formada por seis concellos galegos e outros cinco portugueses. Unha minúscula veiga onde todos os anos recalan as cegoñas é tamén Rede Natura: a de Ponteliñares, xa no concello de Rairiz de Veiga e pegada á canle polo que corre o Limia.

A foto non queda completa se non se cita que dous concellos, o mencionado de Rairiz de Veiga, o da Bola e o de Vilar de Santos, forman parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz. E por certo, neste xeodestino atópase tamén a fervenza máis alta de Galicia, o Corgo da Data, fronte á aldea de Torneiros (interesantes hórreos ou canastros).

Festas e gastronomía

O Entroido de Xinzo de Limia (que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional) é unha cita que cada ano atrae máis xente. De Interese Turístico Galego é a Romaría da Saínza, un incruento combate xa varias veces centenario que anualmente enfronta nesa minúscula localidade (pertencente a Rairiz de Veiga) a mouros e cristiáns, coa esperada derrota dos primeiros a pesar de que ocupan de partida o castelo, unha pequena e singular construción (celébrase pola Mercé, en setembro).
 
Unha festa de carácter etnográfico chamada Raigame ten lugar desde hai anos na pequena e reconstruída aldea de Vilanova, outrora a máis importante de Celanova. Ese día, sempre o 17 de Maio (coincidindo pois co Día das Letras Galegas), danse cita alí non só polbeiras e charangas, senón e sobre todo moitos artesáns chegados de toda Galicia.

DESTACADO: Historia viva

O pequeno tesouro do xeodestino Celanova-Limia chámase San Miguel de Celanova. Esta pequena construción mantívose intacta durante máis dun milenio dentro do gran mosteiro galego e é o seu único recordo da época na que o rexentaba o case mítico San Rosendo. É o único monumento altomedieval español que non sufriu ningunha modificación desde que se construíu no século X. O pequeno oratorio cuxa disposición non ten precedentes na arquitectura cristiá, recorda a disposición dos oratorios musulmáns ou a dun baño doméstico de Medina-Azahara.  Outra das xoias desta zona é a Igrexa de Santa Comba de Bande, que constitúe posiblemente o elo máis importante que aínda se conserva para poder estudar toda a arquitectura visigoda do século VII.

Pero a cultura castrexa tamén está presente no xeodestino Celanova-Limia en enclaves como o xacemento arqueolóxico de Castromao que pasa por ser un dos principais referentes da cultura dos castros do Noroeste peninsular, tanto pola súa longa presenza no tempo (polo menos desde o século V a.C. ata o século II d.C.), como pola riqueza documental que saíu á luz a partir das sucesivas escavacións e investigacións que se levaron a cabo nel. En Castromao apareceron pezas tan singulares como o trisquel calado, unha tábula, unha figura zoomorfa e un tesouriño de moedas do século I, todas elas conservadas no Museo Arqueolóxico Provincial. 

Arriba