O xeodestino Courel está composto polos concellos de Folgoso do Courel, O Incio, Samos e Triacastela.

O Courel caracterízase polas súas paisaxes exuberantes, os seus bosques frondosos e o seus ríos cristalinos que serpean entre as montañas. Cunha rica diversidade de flora e fauna, este lugar é un paraíso para os amantes do senderismo, a observación de aves e aqueles que buscan mergullarse na serenidade da natureza.
Estas terras ofrecen paisaxes que parecen doutro tempo, localidades de conto. Todo isto levou á serra do Courel a ser integrada na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel. E unha deliciosa sorpresa arquitectónica: a igrexa de San Pedro Fiz do Hospital do Incio, a única igrexa románica de mármore que hai en España.

Patrimonio

O Courel non só é un espectáculo de beleza natural, senón tamén un tesouro de riqueza histórica e cultural. Este enclave montañoso alberga unha variedade de recursos patrimoniais que narran a súa historia e identidade.

Existen no Courel concentracións poblacionais moi singulares da montaña lucense. Exemplos da vida tradicional destas comarcas son aldeas como a de Froxán, en Folgoso do Courel, cuxa arquitectura e construcións populares, xunto ca conservación das súas tradicións e costumes convertérona en Ben de Interese Cultural. Outra das reliquias etnográficas desta zona é a aldea de Seceda, sita tamén no mesmo concello, que é un verdadeiro museo vivente que se encontra moi preto do Castro da Torre de Sobredo, un dos mellor conservados da zona cun entorno natural que o transforma nunha xoia etnográfica.

O Camiño Francés entra neste xeodestino por Triacastela, pero a ruta non o abandona ata descubrir un dos seus tesouros máis prezados, o convento benedictino de Samos, considerado como un dos máis antigos de Occidente coa súa igrexa e a singular capela do Salvador, chamada tamén do ciprés polo exemplar desta especie que ten a carón e que supera os mil anos de vida. Sen esquecermos o xa citado templo parroquial de San Pedro Fiz do Hospital do s. XII e construído polos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalem ou a igrexa de Santa María do Mao, ambas no Incio.

 

Espazos naturais

É O Courel un curruncho máxico onde a natureza desprega todo o seus esplendor. Situado contrafortes dos montes do Courel, este sitio ofrece unha experiencia única para os amantes da beleza natural e a tranquilidade.
Espazos como a Devesa da Rogueira (Folgoso do Courel), a contorna do Encoro de Vilasouto (O Incio) ou a Fervenza de Santalla (Samos) permiten realizar uns paseos e gozar destas xoias naturais.
A espectacular natureza de montaña do Courel forma parte dos tesouros que Galicia esconde para seren descubertos por viaxeiros curiosos. Ninguén mellor que o poeta Uxío Novoneyra para debuxar con palabras a que é a súa terrra natal:

"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home..."

Festas e gastronomía

Entre as tradicións populares desta terra destaca como festa etnográfica o Filandón de Músicas do Courel e como festa gastronómica a Festa da Castaña, ambas Festas de Interese Turístico de Galicia e no municipio de Folgoso do Courel.

Arriba
Axúdanos a mellorar!