Os concellos que integran o xeodestino son: Boiro, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.
Desde a punta da península do Barbanza ata o fondo da ría de Arousa flanqueándoa polo norte. Praias, miradoiros e todo tipo de patrimonio repartidos pola parte sur da península do Barbanza.
A Ruta do Mar de Arousa-Río Ulla no seu percorrido norte pasa por todos os municipios.

Patrimonio

Varios museos permítennos coñecer a historia e a etnografía desta zona: en Rianxo podemos descubrir a cultura marítima no Museo do Mar ou en Ribeira o Museo Etnográfico de Artes. Esta terra é rica en literatos e varios deles teñen museos propios, como o museo de Valle Inclán (A Pobra do Caramiñal) ou a Casa Museo Manuel Antonio (Rianxo), que nos recorda que neste municipio naceron Castelao e Rafael Dieste, a parte do propio Manuel Antonio. A arte está presente no Museo de artes do grabado á estampa dixital en Ribeira.

 

A prehistoria ten destacados xacementos. Do neolítico o dolmen de Axeitos en Oleiros (Ribeira) e de finais da Idade de Bronce os castros de Neixón en Boiro. Da época romana aínda se conserva o empedrado da Vía XX per loca marítima que nos leva ao miradoiro de O Castelo de Vitres en Boiro.

O patrimonio relixioso vai desde o estilo inicial románico da igrexa de Cespón (Boiro) cun cruceiro triplo ata a igrexa de Santiago do Deán cunha mestura de estilos e un fermoso adro e un antigo cruceiro. Pasando pola igrexa de orixe gótica de Santa Comba en Rianxo.

E esta é tamén terra de pazos. En Dodro o pazo de Lestrobe (do século XVI), a mansión de recreo dos arcebispos de Santiago e actualmente un hotel e o pazo de Ermida onde pasaba tempadas Rosalía de Castro.

Espazos naturais

E postos a falar dos espazos naturais, sería imperdoable non facelo do Parque Natural das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde podemos admirar a maior duna móbil de Galicia e comprobar que unha das lagoas é de auga salgada e a outra de auga doce.
E xa no fondo da ría, a desembocadura do Ulla pertence ao sistema fluvial Ulla-Deza. Entre un punto e outro, multitude de praias preparadas para o turismo. Como en Boiro a de Barraña, na Pobra do Caramiñal a de Cabío, en Rianxo a de Tanxil e en Ribeira a de Coroso. E na entrada da ría a Illa de Sálvora pertencente á parroquia de Aguiño (Ribeira) e que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Festas e gastronomía

Cinco son as Festas de Galicia de Interese Turístico neste xeodestino: a de Xesús O Nazareno e Procesión das Mortallas (A Pobra do Caramiñal), a da Virxe de Guadalupe (Rianxo), a da Dorna (Ribeira) e a Romaría de San Ramón de Bealo (Boiro) e a que ten a declaración máis recente a Festa do Percebe de Aguiño (Ribeira) que recoñece o oficio artesanal único que realizan os percebeiros. A gastronomía ven marcada polo el mar e pola importancia da lonxa de Ribeira coa súa importante frota pesqueira. Mais o campo está aí ao lado e ofrece a calidade das súas carnes e produtos da horta.

DESTACADO: Cambados, capital do Albariño

Cambados é coñecida como a capital do Albariño. O seu núcleo urbano, de gran riqueza patrimonial, é o resultado da unión contemporánea de tres antigas e independentes vilas históricas: San Tome, a zona máis antiga e vila de pescadores con fermoso porto; Cambados, o centro administrativo; e Fefiñáns, o distrito aristocrático e núcleo comercial.

Dada a vinculación da vila coa produción vinícola, é moi recomendable a visita do seu Museo Etnográfico e do Viño así como do seu Museo das Rutas do Viño, en ambos os dous pódese profundar na historia, a arte, a xeografía e a cultura popular relacionada co viño que se produce nestas terras.

Arriba
Axúdanos a mellorar!