O xeodestino Comarca de Lugo - Terras de Ulloa abrangue os concellos de Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade.

Estes municipios rodean o concello da capital, Lugo, e esténdese pola comarca da Ulloa, cara ás provincias da Coruña e Pontevedra.

Mostras da gran riqueza ecolóxica que caracteriza este territorio é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, que coas súas áreas recreativas e fluviais facilitan o desfrute dos bonitos sitios que atravesa este río.

Patrimonio

Dentro do patrimonio relixioso destaca a igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas con interesantes pinturas góticas e a tamén igrexa monacal de Santa María de Ferreira de Pallares en Guntín. Outro exemplo notable de arquitectura relixiosa é a igrexa de Santa María de Vilabade en Castroverde.

Varios son os exemplos de arquitectura defensiva neste xeodestino. Desde a torre-fortaleza de Castroverde ata a torre de Miraz en Friol. Pero o castelo máis famoso é o de Pambre en Palas de Rei, recentemente rehabilitado.

Espérannos varios museos para mostrarnos a súa riqueza etnográfica: o museo da fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, ou o museo parroquial de Monterroso, entre outros.

Espazos naturais

Son varios os espazos naturais protexidos nos que están incluídos municipios deste geodestino: o de Parga-Ladra-Támoga (Friol, Outeiro de Rei e Rábade); a Serra do Careón (Friol e Palas de Rei) e o Miño-Neira (O Corgo, Guntín e O Páramo). Ademais da xa citada Reserva da Biosfera Terras do Miño, cos municipios de Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, O Páramo e Rábade.

Á parte dos espazos naturais podemos gozar das vistas do miradoiro do Farelo en Antas de Ulla. Ou darmos un paseo pola Insua de Seivane ou ben practicarmos sendeirismo pola PR-G 155 Ruta Miradoiro da Terra Chá, ambos en Outeiro de Rei.

Os ríos destas terras móstrannos os seus cadoiros, como a Fervenza das Torrentes de Mácara en Palas de Rei.

Festas e gastronomía

Dúas son as festa de interese turístico: a gastronómica Feira do queixo e do pan de Friol e a moi popular Feira de Santos en Monterroso, que se celebra o día de Todos os Santos, 1 de novembro.

Arriba
Axúdanos a mellorar!