Os concellos que integran o xeodestino son: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.

Este xeodestino, situado ao sur da maior das Rías Baixas (a ría de Arousa) é unha sabia mestura de natureza, arte, tradición mariñeira e hoxe en día, do mellor ocio. Prodúcense aquí algúns dos mellores viños brancos de España, dentro da D.O. Rías Baixas. Mais non todo está na ría de Arousa, o concello de Sanxenxo sitúase na beira norte da ría de Pontevedra: o municipio de España con máis praias de bandeira azul (17 en 2023), máis de 30 hoteis de 3 e 4 estrelas e tres portos deportivos.

Toda esta península conserva todo o encanto dunha beleza natural. Así o testemuñan as súas excelentes praias e illas como Cortegada, Arousa ou A Toxa

O señorío de Cambados, capital do albariño, coa impresionante praza e o Pazo de Fefiñáns. Na visita a Vilagarcía de Arousa, nada como desfrutar do turismo mariñeiro achegándose ao veciño porto de Carril para coñecer os mellores criadeiros de marisco de Galicia. Imprescindible probar alí mesmo a súas famosas ameixas.

Patrimonio

O convento de Armenteira (Meis), rexentado por unha comunidade relixiosa feminina, é o monumento de maiores dimensións. Pero hai outro convento en pleno centro urbano de Vilagarcía de Arousa o convento de Vista Alegre. A el hai que sumar unha case interminable relación doutros menores entre os que fai falta deixar constancia de Santa Mariña Dozo (Cambados), a capela de San Caralampio na Illa da Toxa (O Grove), que ten a particularidade de estar recuberta de cunchas de vieira, e a capela de Nosa Señora da Lanzada en Sanxenxo.

Na vila de Cambados, cuxo centro está declarado conxunto histórico, temos unha construción senlleira: o Pazo de Fefiñáns.

A Ruta de la Camelia ten neste xeodestino tres xardíns pertencentes a outros tantos pazos: os de Quinteiro da Cruz en Ribadumia, os do Pazo de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa e os do Pazo da Saleta en Meis.

Varios museos móstrannos a importancia do mar neste xeodestino como o conxunto da Salgadeira de Moreiras ou o Centro de interpretación da pesca e da salga, ambos no Grove, ou o Centro de interpretación da conserva na Illa de Arousa. Podemos entender a transcendencia da viticultura na península do Salnés no Museo etnográfico do Viño de Cambados.
Non se pode acabar sen lembrar que a ría de Arousa ten desde os anos 60 do século pasado o único vía crucis marítimo do mundo, xa que esas augas definen un Camiño de Santiago, a Ruta do Mar de Arousa-Río Ulla, que conmemora a chegada a Galicia por mar do corpo do Apóstolo Santiago o Maior. En efecto, por aquí chegou a Galicia o corpo sen vida do Apóstolo na barca de pedra na que viñan tamén dous dos seus discípulos predilectos. Actualmente esta Ruta do Mar de Arousa-Río Ulla converteuse nun polo de atracción turística de xentes chegadas de todo o mundo.

Espazos naturais

O Salnés é máis que un xeodestino. É unha referencia no mundo do turismo por dúas razóns: porque a ría de Arousa está considerada a máis rica do mundo e esa riqueza acaba nos fogóns, e porque ten un conxunto de praias ben coñecidas e moi frecuentadas. No fondo da ría, fronte a Carril (Vilagarcía de Arousa) está a illa de Cortegada (pertencente ao Parque Nacional dás Illas Atlánticas). Pero no seu interior alberga outra porción de terra unida ao continente por unha ponte desde hai case catro décadas: A Illa de Arousa, co espazo natural de Punta Carreirón.
Outro espazo integrado na Rede Natura é o complexo Ons-O Grove, unión de dous ecosistemas de rica biodiversidade: as augas marítimas e as do interior da ría. E xa no fondo da ría, a desembocadura do Ulla pertence ao sistema fluvial Ulla-Deza.
Para os amantes da bicicleta, no Campo de Golf de Meis contan co que foi o primeiro centro BTT de Galicia, con dez rutas para coñecer a riqueza paisaxística e monumental do Salnés.
A beleza natural das rías podémola desfrutar desde o Miradoiro de Siradella no Grove, desde onde se pode ver a famosa praia da Lanzada. Esta é unha das moita e de diversa tipoloxía que fan desta zona un bo destino de praia.

Festas e gastronomía

Moitas festas salpican este xeodestino. Destaca a do Viño Albariño (Cambados) declarada Festa de Interese Turístico Internacional. E dúas Festas de Interese Turístico Nacional, o cal quere dicir as patronais de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a de Exaltación do Marisco (O Grove). Por último, as de Interese Turístico Galego, e aí inclúense a Semana Santa de Paradela en Meis, a Festa da ameixa de Carril (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Vieira (Cambados).
Con todo isto á vista non é moi difícil deducir como é la gastronomía desta zona: na que se basea no que dá o mar, e en primeiro lugar os diversos mariscos, cuxa extracción é a principal fonte de riqueza das xentes que viven neste xeodestino.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!