O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés dálle nome a este Centro BTT, que ofrece un total de seis rutas, cinco delas polo concello de Muíños e a sexta compartida co concello de Lobios.

Xunto ao veciño Parque Nacional da Peneda-Gerês (Portugal), forman un espazo protexido de carácter transfronteirizo único en Europa, declarado ademais Reserva da Biosfera, onde as serras frondosas e os desertos graníticos parece que medraron ao mesmo ritmo.

Os puntos máis elevados ascenden ata os 1.500 metros de altitude, combinando as formas suaves dos vellos montes galegos con cumios máis abruptos en forma de agulla. Destaca a presenza de formacións rochosas e de bolos (grandes pedras de granito).

Atoparemos monumentos megalíticos, aldeas abandonadas e o testemuño do paso dos lexionarios romanos pola calzada XVIII ou Vía Nova; construcións populares, como muíños, colmeas amuralladas, cabanas de pastores, hórreos, fornos comunais, camiños e cercados, que revelan a alma máis creativa dos seus poboadores.

Trátase dun destino BTT único que ofrece rutas de diferentes niveis de dificultade. No Parque Forestal de Outeiro da Cela, na contorna do Punto de Acollida do Corgo, pódese gozar dun agradable paseo bordeando o encoro das Conchas. A Ruta Megalítica que parte desde As Maus de Salas é un percorrido moi sinxelo, apto para toda a familia e que nos traslada á época do Megalitismo. Os ciclistas máis expertos poderán percorrer parte do trazado da Vía Nova ao seu paso por Lobios, así como internarse nos picos de Fontefría e percorrer algunha das poboacións máis singulares, como A Cela, Prado de Limia, Requiás ou Guntumil.

As terras de Celanova e da Baixa Limia ofrecen unha interesante variedade de atractivos turísticos que as converten nun destino excepcional. O conxunto de torres ao longo da Limia (A Pena en Xinzo, A Forxa en Porqueira e a Torre de Sandiás) mostran o carácter estratéxico e defensivo deste territorio. A capela de San Miguel, na contorna do mosteiro de Celanova, e a igrexa de Santa Comba de Bande constitúen dous exemplos perfectos do prerrománico en Galicia. O mosteiro e a súa igrexa barroca, así como a zona vella de Celanova, son unha visita ineludible desta parte da provincia de Ourense. E nas proximidades desta vila recoméndase visitar o encantador núcleo medieval de Vilanova dos Infantes e o poboado castrexo de Castromao, pertencente á Idade de Ferro, que nos permite coñecer como foron os primeiros asentamentos do noroeste peninsular. Destacamos dúas experiencias turísticas moi diferentes: relaxarse nas augas termais do río Caldo, preto de Lobios, e gozar do Entroido en Xinzo de Limia.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba