Descrición
Viaxando cara ao norte, o viaxeiro atópase coa
ría de Corme e Laxe que, a xeito de monstro
prehistórico, cunha ampla cabeza e cola estreita e
retorta, se interna polo curso inferior do río Anllóns.
Ao camiñar polas súas beiras, podemos admirar
outro sector marcado pola verticalidade dunha costa
acantilada, rochosa, labrada sobre granitos, coas súas
formas caprichosas, que semellan ser esculpidas pola
man paciente dalgún ser misterioso. Cilindros que se
introducen nos penedos, ocos que asemellan pías de
igrexa, niños que parece que foron labrados por mil
avespas... aglutínanse para lle dar á paisaxe unha
sensación de misterio neste tramo da Costa da
Morte. O contorno de Roncudo, por exemplo, é un
bo lugar para comprobalo e, ao mesmo tempo, para
admirar unha paisaxe campesiña cabalgando sobre
un acantilado marcado pola súa verticalidade.
As vilas de Corme e Laxe, dous importantes
portos pesqueiros, sitúanse a ambas as dúas marxes
da ría. Na primeira, na que sobresaen as actividades
pesqueiras, destaca a estrutura pechada do seu
núcleo e as súas rías estreitas e empinadas, ás que se
asoman tanto novos edificios como vellas casas
mariñeiras pintadas -unha vez máis na costa
galega- con vivas cores. En Laxe, máis comercial,
é de destacar a súa igrexa do século XIV, cun
fermoso deseño, e a ría Real, con restos do seu
pasado señorial.
No fondo da ría, na desembocadura do río
Anllóns, máis alá do monte Branco, outro lugar no
que o vento e a auga xerou unha espectacular paisaxe
areenta, atópase Ponteceso. Neste lugar naceu o
poeta Pondal que, con gran mestría, lles cantou non
só a estas terras, senón que compuxo a fermosa letra
do Himno Galego.