Desprazámonos agora cara ao sur, para coñecer as Illas Cíes. Trátase dun dos arquipélagos pertencentes ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xunto coas Illas de Ons, Sálvora e Cortegada.

A riqueza tanto faunística coma vexetal, xunto coa espectacularidade das súas paisaxes, fan que estas illas constitúan un importante patrimonio tanto cultural coma natural de gran valor.

Falar das Illas Cíes é falar de natureza no seu estado puro. Acceder a elas desde os portos de Vigo, Cangas ou Baiona desde os que, en temporada alta, os catamaráns de liña regular saen cara a este arquipélago, permitirannos observar a súa  impoñente imaxe ao fondo da ría de Vigo. Como ancestrais leviatáns, agrestes e indomables, esta estampa transportaranos a outro tempo, un tempo no que só importamos nós e o que nos rodea, un tempo para gozar.

Unha vez a bordo do barco que vos levara ás illas, gaivotas, corvos mariños, mascatos e os sempre xoguetóns golfiños serán os vosos compañeiros de viaxe, acaparando a vosa atención durante toda a travesía. Unha morea de  pequenos barcos de pesca artesanal salpicarán o mar durante a viaxe, demostrando así a riqueza case inesgotable dos fondos mariños galegos.

A mellor fotografía das tres illas, -a Norte, o Monteagudo, a do Medio ou do Faro e a Sur ou San Martiño-, queda pequena ao lado da beleza natural á que vos iredes aproximando conforme o catamarán chegue a destino, no embarcadoiro situado xusto ao lado da praia de Rodas. Este pode considerarse o centro neurálxico desde o que comezar a explorar este paraíso, que xa Ptolomeo alcumou como as “Illas dos Deuses”.

Unha vez atracados, podedes optar polo descanso no fermoso areal da praia de Rodas ou achegarvos a un máis tranquilo, como o de Figueiras. As súas claras e ricas augas farán as delicias de todo aquel que guste de somerxerse nelas. Sargos, robalizas, pintos, maragotas, invertebrados de todo tipo, algas de todas as cores. Vida por todas as partes será o recordo que levaredes tras mergullarvos no paraíso submarino que forman as Cíes.

De obrigado cumprimento é a visita ao Centro de Interpretación, onde vos darán toda a información relativa a este paraíso, así como a visita aos seus faros. O camiño que conduce ata calquera deles é unha camiñada que os amantes das rutas de sendeirismo non esquecerán en moito tempo, xa que este se desenvolve nun marco natural e de tranquilidade case intemporal. Pero, se houbera que recomendar un só, sería aquel que se atopa no cumio do Monte Faro, non ten igual. Como non podía ser doutra maneira, as vistas estarán coroadas por unha paisaxe de postal. Se toda esa panorámica a enmarcamos nun solpor, entón esa imaxe quedará gravada nas nosas retinas de por vida.

Interésache...
- Máis info en www.iatlanticas.es
- Saídas dende os portos de Baiona, Vigo e Cangas

Chegado o final do día, despedídevos deste reduto de paz e de vida mentres o mar das Cíes se vai confundido co ceo xa avermellado e só o ronsel do voso barco vos une con este paraíso celestial na terra.

Arriba
Axúdanos a mellorar!