Unha oportunidade de descubrir coa nosa bicicleta unha terra marcada polos ríos Miño e Sil que, ao seu paso entre as montañas, van moldeando unha das paisaxes máis espectaculares de Galicia.

O Centro BTT Ribeira Sacra atópase no canón do río Sil, no límite das provincias de Lugo e Ourense. Cinco percorridos circulares e 110 quilómetros de diferentes niveis de dificultade, desde a beira do río Sil ata o cumio da serra de Cabeza da Meda, que permiten coñecer os municipios de Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Un territorio cunha atmosfera máxica para coñecer lugares tan especiais coma Santo Estevo de Ribas de Sil, un mosteiro totalmente rehabilitado e integrado na Rede de Paradores Nacionais; San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de toda Galicia que está escavado en roca viva ou o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, localizado nun fantástico bosque de castiñeiros coñecido como o souto de Meiral.

Déixate levar polo encanto da Ribeira Sacra, polas súas espectaculares paisaxes de bosque autóctono, polos impresionantes canóns dos ríos Sil e Mao, polas vilas de montaña e polo románico das súas igrexas e mosteiros. Coñece a historia e o patrimonio etnográfico das súas vilas. Goza da súa gastronomía, acompañada dos seus afamados viños con denominación de orixe, goza dos seus viñedos en socalcos cultivados nun empinado sistema de bancais e, sobre todo, goza desta terra escollida desde a antigüidade como un lugar de retiro e entretemento.

Arriba