O Centro BTT Ribeira Sacra sitúase no límite entre as provincias de Ourense e Lugo. O Canón do río Sil é o principal protagonista desta travesía, pero este territorio esconde moitos máis atractivos como o seu gran patrimonio arquitectónico, representado polo legado transmitido polos monxes que habitaron este lugar noutras épocas. Os Mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil) constitúen dúas das principais construcións sacras que podemos visitar. Esta é unha zona BTT moi esixente, que nos obriga en ocasións a cargar coa nosa bicicleta para superar algunhas zonas de viñedos construídos en terrazas, coñecidas localmente como socalcos. Con todo, outros tramos están formados por amplas pistas forestais que nos conducen suavemente por preciosos bosques de castiñeiros e pequenas aldeas, nunha amena travesía.
Nesta viaxe, os encargados de transportarnos a través da abafadora beleza da paisaxe son Pablo Cordo, ao que lle encanta descubrir novos destinos coa súa bicicleta de montaña, e Guti Martín, responsable da Oficina Técnica dos Centros BTT Galicia.