Neste itinerario polas terras do Ribeiro, iremos descubrindo grandes tesouros etnográficos espallados por unha terra marcada pola auga dos ríos que a cruzan e as cores das súas vides.

Unha noite no muiño,
unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira
eso si que é muiñada.
  Cantiga popular

“Se me queres tratar ben, dame viño do Ribeiro, pan trigo de Ribadavia e mozas do chan de Amoeiro.”
  Dito popular

Día 1º

Poñemos en marcha esta primeira xornada seguindo o curso do río Arenteiro, ao seu paso polas terras do Carballiño. Alí, agárdanos o Parque Etnográfico do Arenteiro formado por muíños rehabilitados e destinados a darnos a coñecer os usos tradicionais do río. Seguindo o paseo fluvial dende a Ponte Veiga chegaremos ao conxunto etnográfico, camiñando por pasarelas de madeira ou ben internándonos en sendeiros de frondosa vexetación.

É un circuíto de 5 quilómetros aínda que, grazas ás pontes que comunican ambas as marxes, podemos ir trocando a beira do río e ir modificando o noso camiño.Para recuperar folgos, sentade a descansar nalgún dos seus bancos e escoitade como o son hipnótico do discorrer da auga se mestura co da follaxe das árbores mexidas polo vento, non é unha sensación agradable?

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

E, xa que estades nunha terra de vides esplendorosas, achegádevos a algún dos establecementos no centro da vila para saborear con calma unha cunca de viño do Ribeiro. Se a fame aperta, acompañádea dunha deliciosa carne richada, dunhas anguías ou dunha ración de polbo á feira polo que é tan coñecido O Carballiño. Como sobremesa, nada mellor que as famosas canas de crema, típicas da zona, ou rosquillas de Ribadavia, de orixe mudéxar.

Continuando o noso camiño cara ao leste, aparece ante nós o concello de Boborás, onde nos agardan pequenas xoias arquitectónicas. A primeira parada farémola no popular santuario barroco da Virxe da Saleta, agochado nunha espesa fraga que emana espiritualidade a cada paso que damos. Sen saír do municipio, atopamos outra pequena xoia, a igrexa románica de San Xiao de Astureses. Fundada polos templarios no século XII, foi incorporada dous séculos máis tarde á Orde de San Xoán de Malta. O templo mantén íntegra a súa estrutura románica: unha soa nave e unha interesante cabeceira semicircular.

Rastrexando as pegadas románicas, chegamos ata a igrexa de San Martiño de Cameixa, unha edificación que, a pesar de sufrir reformas nos séculos XVIII e XIX, aínda conserva ese aire antigo medieval reflectido na pedra tallada e moldeada.

Despois deste percorrido pola pedra monumental, é tempo para unha pequena camiñada. Mergulládevos na natureza frondosa dunha fraga autóctona e seguide o camiño empedrado cara ao cumio onde se agocha a igrexa de San Mamede de Moldes, construída no século XII sobre un antigo castro e integrada no cemiterio. Este santuario destaca tanto pola súa sinxeleza coma polo seu contorno. Aos seus pés atoparedes un interesante conxunto etnográfico composto por un pendello de feira e un antigo camposanto ao que as cores do atardecer lle fan perder a frialdade da súa pedra.

Para poñer fin a esta primeira xornada, dirixímonos ao concello de Leiro onde atoparemos, escoltado por impresionantes e coloridos socalcos, o mosteiro cisterciense de San Clodio. De orixe incerta, este cenobio foi construído no século XII e estivo á disposición dos monxes beneditinos, que o converteron nun núcleo agrícola moi próspero. Precisamente dende este mosteiro introduciuse a vide na zona. Non deixedes de buscar na fachada a cruz de Caravaca, máis coñecida como a "Divina Reliquia", que era venerada polos aldeáns por liberar as vides da sarabia.

Día 2º

Nesta segunda xornada, permaneceremos en Leiro esperando descubrir a gran cantidade de pequenas xoias espalladas que aínda nos agardan. Internándonos na parroquia de Gomariz recíbenos no alto a igrexa de Gomariz, de finais do s. XII, dende a que podemos ver dun xeito privilexiado o serpeante curso do río Avia. Nos meses de febreiro e marzo a esta fermosa paisaxe hai que engadirlle o espectáculo proporcionado polas mimosas: o monte tínguese de cor amarela e imprégnase co seu característico arrecendo.

Do santuario orixinal, vinculado aos monxes do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, en Lousame, aínda poderedes ver o cadeirado do muro e os canzorros do beirado.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Seguindo coa pegada medieval, acudimos á parroquia de San Miguel de Lebosende onde a súa igrexa aínda conserva a portada occidental do románico tardío. Outra mostra do románico rural é o que atopamos na igrexa de San Tomé de Serantes, unha prototípica estrutura deste período que conta cunha soa nave rectangular e o teitume en madeira. O máis destacado desta igrexa é o monumental rosetón de trazaría da fachada occidental. Deste mesmo período tamén é a igrexa de Santa María de Lamas, unha construción de extrema sinxeleza, que presenta a clásica tipoloxía rural de nave rectangular.

A parroquia de Lamas ergueuse, segundo conta a tradición, nas proximidades dun castelo desaparecido no que se supón que estivo cativo Afonso VII. Dende Santa María de Lamas, dous camiños guiarán os nosos pasos ata a propia Pena Corneira e o Miradoiro do Outeiral, ambos a máis de 600 metros de altitude polo que podemos gozar dunhas excelentes vistas de toda a comarca. Partindo do paseo fluvial de Leiro, preparámonos xunto á pasarela para o ascenso ata Lebosende polo chamado Camiño Real. Unha senlleira paisaxe de vexetación autóctona que nos conducirá ata a área recreativa de Pena Corneira onde atopamos os “cornos” de granito que lle dan nome.

E, desta marabilla creada pola natureza, trocamos a unha creada polo home. É obrigada a visita á Encomenda de Beade, un conxunto histórico-artístico de orixe medieval e reformado na Idade Moderna que está composto por unha igrexa, calvario, viacrucis e unha capela popular.

Diriximos agora os nosos pasos cara a Ribadavia que, como o seu propio nome indica, está á ribeira do Avia. Alí, dános a benvida a igrexa de San Xes de Francelos no val do mesmo nome. Datada no século IX, é unha construción única dentro da arquitectura prerrománica. A fachada da súa capela alberga varios elementos moi destacables. Observade con atención o seu arco de ferradura de influencia visigótica, as columnas con capiteis corintios e as dúas escenas de carácter bíblico. Pero quizais o máis interesante sexa a súa célebre celosía, decorada con diversos motivos.

Día 3º

Poñémonos en marcha este terceiro día de xornada dirixíndonos á “Cidade” como é coñecido o castro de San Cibrao de Las, un dos poboados castrexos fortificados de maior tamaño entre os localizados no territorio de Galicia, nos termos de Punxín e Santo Amaro. Unha ocupación continuada que abarca dende o século II a. C. ata o século II d. C. e que se caracteriza polo seu avanzado estado de romanización. O seu nome, rodeado de misterios, remítenos a San Cibrao, un bruxo que se converte ao cristianismo para rematar sendo santo.

Segundo a tradición, San Cibrao é o autor do Ciprianillo, un manual que servía tanto para atopar os tesouros dos mouros coma para desencantalos. O castro está localizado a carón do Monte de San Trocado polo que, a pesar de non poder ver o río Miño dende aquí, si que poderedes albiscar os castros veciños de Santa Ádeda, o de Trelle ou o de Coto do Castro.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desprazámonos agora ata Melón para coñecer o mosteiro cisterciense de Santa María de Melón, unha das xoias menos coñecidas e froito da mestura de varios estilos: románico, renacentista e barroco. O templo, fundado no século XII, pasou por tempos mellores pero, a pesar disto, é moito o encanto que queda atrapado nos seus grosos muros e nos seus dous claustros.

De volta á fermosa vila de Ribadavia, desviarémonos un pouco da ruta para visitar o complexo termal ao aire libre de Prexigueiro. As termas do río Cerves son coñecidas dende antigo, pois xa aparecían mencionadas na documentación do mosteiro de Santa María de Melón, ao que pertencían. Situadas en plena natureza, o contorno convida a seguir algunha das rotas de sendeirismo que transcorren pola ribeira do río. Despois da camiñada, animádevos a poñervos o traxe de baño para probar o circuíto de piscinas de diferentes temperaturas. Un dos mellores momentos para gozar destas augas termais é cando o contraste entre a calor da auga e o frescor da noite empeza a ser máis evidente.

Despois da tranquilidade proporcionada polas augas termais e o contacto coa natureza, poñemos rumbo de novo ao concello de Boborás, en concreto á aldea de orixe medieval de Pazos de Arenteiro. A nosa primeira descuberta será a fermosa Ponte da Cruz sobre o río Avia que, invadida pola natureza, amosa as feridas da loita entre os veciños e as tropas napoleónicas. Pazos de Arenteiro sorprende pola riqueza das súas casas e pazos. De feito, o seu nome fai referencia ao abundante número destas construcións levantadas ás beiras do río Arenteiro, froito da herdanza da súa importancia en séculos pasados. Deambulade polas rúas desta vila saboreando cada recuncho de historia, os monumentos que agocha este Conxunto Histórico-Artístico han vir ao voso encontro. Non perdades a Casa de Arriba, o Pazo dos Feixóo, o de Tizón, o de Currelo ou a igrexa de San Salvador, que acolle os sepulcros das persoas que quixeron ser enterradas aquí, un dereito obtido mediante o pago en viño.

Pero Pazos de Arenteiro tamén debe parte da súa importancia á súa posición estratéxica na comunicación entre Ribadavia e Chantada; unha proba disto é o peto de ánimas apoiado na cabeceira da igrexa medieval onde os arrieiros depositaban as súas moedas para rogar polas benditas ánimas do Purgatorio.

Se aínda vos quedan forzas para seguir camiñando, animádevos a percorrer a ribeira a través dunha frondosa carballeira.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba