A Terra Chá é especial por moitas razóns: pola súa particular orografía e paisaxe que lle dan nome, por ser o lugar onde nace o río máis importante de Galicia, o Miño, así como por outras manifestacións da vida humana que se foron asentando co tempo.

Nesta comarca, atopamos tradicións e gastronomía ligada aos froitos destas terras e destas augas. E falando de augas, este itinerario non remata aquí, senón que se achega dende o interior ata a costa de Lugo, un final perfecto para este percorrido.

“¿Quen dixo, craro río Miño
que naces en Fumiñá,
se xunt-a Monterredondo
xa pasas, feito un rapaz?”
Avelino Díaz

“Río Miño, río Miño,
pasa amodiño
non me despertes
o meu meniño”.
Cantiga popular

“En Gaioso, ollando a Chá,
hai dúas penas ergueitas
¡Semellan non ser de verdá
Redondeces tan ben feitas!”
Manuel María, A Terra Chá

Otros datos de interés...
- Museo-Fortaleza de San Paio de Narla: 982 375 156. Los lunes permanece cerrado.

Día 1º

Aproveitando que a nosa viaxe parte da capital da provincia, reservaremos o comezo da xornada para achegarnos á Muralla de Lugo, declarada no ano 2000 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e recordo permanente que deixaron os fundadores da cidade. Entrade ao recinto amurallado de Lucus Augusti, nome que os romanos lle deron a este asentamento, e subide ao adarve para percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario.

Camiñar por esta obra romana transportaravos a outros tempos, pero sen dúbida a xente paseando, falando ou facendo deporte fai que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta pequena cidade encantadora. Se vos cadra de chegar aquí no solsticio de verán ou a primeiros de outubro, poderedes mesturarvos co bulicio dos miles de visitantes que acoden ao Arde Lucus, unha celebración na que evoca o pasado romano da cidade, e ás festas patronais do San Froilán, respectivamente.

En Lugo, atoparedes tamén o Miño, o máis importante dos ríos galegos. Máis adiante descubriremos o lugar do seu nacemento, pero antes atoparemos outros tesouros nos arredores da capital provincial, alí onde comeza a Terra Chá. Imos primeiro ao concello de Guntín para visitar o mosteiro de Ferreira de Pallares. Co fresco son do río Ferreira como acompañante, camiñade sen demasiado esforzo ata a chamada Ponte Cabalar. Desde aquí, achegádevos ao cenobio para apreciar o valor deste recinto fundado no ano 909 polos condes don Ero e dona Laura. Visitade o claustro e o mausoleo dos Taboada e, no exterior do templo, bebede da auga que cae nun sepulcro antropomorfo convertido por casualidade en pía bendita. Quen sabe, mesmo pode ter propiedades máxicas…

Tamén moi cerca de Lugo capital, a só 14 quilómetros, descubrimos agora outra curiosidade que nos deixa a arquitectura do pasado: a igrexa de Santalla de Bóveda. Este templo cristianizado data da época romana e, xusto no centro da súa planta rectangular, ten unha pequena piscina. Esta estrutura, única no occidente europeo, provocou diversas interpretacións da súa orixe: lugar de baños, ninfeo ou conxunto monumental levantado de acordo co rito romano de honrar a Cibeles, venerada na capital do Imperio como a gran nai dos deuses.

Poñemos agora rumbo ao norte e, se o tempo acompaña, contemplade a beleza exterior da igrexa románica de Bacurín, da segunda metade do século XII, para despois encamiñarvos cara ao Museo-fortaleza de Friol. Xa se sabe que por moitas veces que se pase por un sitio, os nosos ollos sempre o poden ver de maneira diferente e descubrir novos segredos. Esta inmensa capacidade de marabillarnos podédela poñer en práctica cando esteades dentro deste castelo do s. XIV, reconstruído na súa maior parte, un século despois e convertido en museo. Do s. XVI son a maioría dos apeiros de labranza, armaduras, carrozas de cabalos e instrumentos de cociña. Case vos cansaredes de contar as armas que teñen expostas e poderedes imaxinar a penuria e a angustia dos prisioneiros aos que botaban pola pequena entrada do foso. Percorrede sen recato os cuartos, como se estiverades nunha casa amiga, os salóns, a cociña con forno de granito e a lareira e para acabar, subide exhaustos á torre para deleitarvos coas vistas da contorna.

A auga fixo da Terra Chá unha zona moi produtiva e, dende antigo, as comunidades asentáronse nestes vales máis fértiles. Para darlles grazas á deusa Terra e ao deus Sol seguro que se achegaron os antepasados ás Penas de Rodas, no concello de Outeiro de Rei. Estes dous grandes bolos de granito foron un lugar de culto prehistórico e, ao mellor, tamén estación astronómica para configurar un calendario agropecuario nestas fértiles terras do Miño. Chegaredes ás penas despois de percorrer os primeiros quilómetros dunha ruta de sendeirismo homologada. Se aínda conservades forzas, podedes continuar ata o Miradoiro da Terra Chá desde onde divisaredes unhas impresionantes vistas.

Xa que estades en Outeiro de Rei, probade as súas deliciosas anguías fritidas e aproveitade para ir ata Bonxe e levar convosco un recordo dunha das olerías máis importantes de Galicia xunto con Buño (A Coruña), Gundivós e Niñodaguia (Ourense). Outra artesanía característica desta comarca son as zocas feitas con madeira de bidueiro e, no que se refire á comida, un dos alimentos básicos da dieta galega, a pataca. O verán será un bo momento para ver os inmensos campos de cultivo.

Día 2º

Comezamos esta segunda xornada de camiño indo un pouco máis cara ao norte da provincia. No municipio de Castro de Rei atoparémonos de novo co pasado. Co pasar dos milenios, os habitantes destas terras deixaron de ser nómades e asentáronse en poboados castrexos, como o de Viladonga. Pasade ao interior do museo e collede as claves para comprender a vida que algunha vez houbo nestas ruínas de vivendas e de rúas.

Moi preto de aquí, avanzamos na liña do tempo por esta parte de Lugo, visitando o mosteiro de Santa María de Meira. O recinto, coa súa presenza sobria e austera, é testemuña pétrea do asentamento da orde relixiosa do Císter en España. A paisaxe tranquila e as terras fértiles invitou ao asentamento desta comunidade nesta zona e seguro que tamén atoparon no nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia, na Serra de Meira, outra vantaxe para seguir a súa principal premisa Ora et labora. Do antigo mosteiro, só se conserva o tramo dunha porta que dá ao claustro das procesións, parte do claustro renacentista, e á igrexa. Fixádevos nas ferraxes románicas da porta da fachada, do s. XII. É unha das poucas do seu estilo que se pode ver na actualidade en toda España. E virádevos para ver a curiosa espadaña de tres campás no alto do muro.

Dando de novo un chimpo no tempo e no espazo, a evolución da sociedade tamén se aprecia nas obras de enxeñería civil. O aumento da poboación fixo que se mellorasen as formas de moenda. Os muíños de man, que constan de dúas pedras de acción manual, dan paso aos muíños hidráulicos. Un exemplo atoparédelo no roteiro de muíños de Castroverde. A visita ao enclave é unha boa opción para gozar da paisaxe de media montaña en toda a súa beleza e quizais, ver algún corzo esquivo... Dividide o camiño en dous tramos para explorar mellor o lugar. Xusto no comezo do segundo está o Muíño de Lamela, un dos poucos de Galicia con nora exterior.

Seguindo a auga e as súas múltiples formas de aparecer na natureza, a nosa seguinte parada é a lagoa de Cospeito onde contemplaredes a súa variada riqueza natural. Aproveitade para descansar, descubrir algunha das moitas especies de paxaros que aquí aniñan e algún que outro animal agochado neste sorprendente hábitat. Buscade un recuncho, descalzádevos e sentide como a liberdade e a frescura vos soben polos pés libres, mentres vos recreades na imaxe da braña e a mente comeza a asociar ideas… Será certo que debaixo destas augas hai unha aldea somerxida?

Día 3º

Nesta terceira e última xornada de viaxe, seguiremos a auga ata unha das antigas capitais de provincia lucense, Mondoñedo.

O son característico das moas xa non acompaña o curso do río Valiñares ao seu paso polo barrio dos Muíños, pero aproveitade para percorrer os camiños que comunican as casas pegadas á corrente e a armazón de pontes e corredores que fan que entre os mindonienses se coñeza esta zona como a "Venecia".

Xa que estades en Mondoñedo, aproveitade para dar un paseo polo seu encantador centro antigo e levar convosco un saboroso recordo: a famosa torta de Mondoñedo, con base en follado, biscoito, améndoa, froitas en xarope e cabelo de anxo.

Outro templo relixioso, o mosteiro de San Salvador, será o que motive a nosa visita ao fértil val de Lourenzá, famoso polas súas fabas que teñen a súa correspondente festa o primeiro domingo de outubro. No cenobio está gardado o sepulcro do seu fundador, o conde Osorio Gutiérrez, máis coñecido como Conde Santo. Conta a lenda que metendo un dedo polo burato da parte baixa da urna, aquel que consiga tocar os ósos, verá cumprido un desexo. No día da festa grande, o último sábado de agosto, é longa a fila de xente co desexo de comprobar a veracidade da historia a pesar da incerteza de saber que hai dentro do oco. E vós, atrevédesvos?

Imos rematando o camiño xa no territorio da Mariña, en concreto no municipio de Foz. Visitade primeiro a basílica de San Martiño de Mondoñedo. Con vestixios do s. VI e estrutura definitiva de finais do s. XII, está considerada a catedral máis antiga de España. Dade unha volta pola contorna e tocade os impresionantes contrafortes que suxeitan impasibles os muros e mollade as mans con devoción na fonte da Zapata. Segundo a lenda, o bispo san Gonzalo tirou unha zapatilla xusto onde agora está o manancial e de alí brotou auga con poderes milagreiros.

Os nosos pasos rematarán xusto ao pé do mar, no municipio de Foz, para contemplar estrañados e marabillados o castro de Fazouro. Este é o único asentamento primitivo escavado e musealizado na costa cantábrica galega. Pasade sobre a ponte do río Ouro para chegar á península de Punta do Castro. A acción erosiva do mar foi labrando parte do recinto, pero coa experiencia recollida en Viladonga, poderedes descubrir elementos similares que vos axuden a interpretar a visita.

Se o tempo, a hora e os vosos propios desexos volo permiten, un baño salgado na praia de Arealonga permitirá refrescarvos. Será tamén a escusa perfecta para deitarvos tranquilos a xuntar e recordar todos os segredos descubertos nestes tres intensos días.

 

Arriba