A través desta ruta, podes facer un percorrido polas pedras máis antigas de Galicia, coñecendo impresionantes petróglifos, muíños, cruceiros, hórreos, algún que outro castelo e incluso un menhir!

Campo Lameiro está considerado un dos parques arqueolóxicos máis grandes de Europa e o meirande do noroeste peninsular.
 
O Castelo de Sobroso é sede do Museo do Traxe Galego e museo etnográfico. Alí poderedes ver como era a vida dos nosos antepasados e entender mellor a nosa cultura.

Museo do Castelo de Sobroso (horario de visitas): De martes a venres de 10:00 a 13:00 horas. Sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
 
Centro arqueolóxico de Tourón: Aberto unicamente para visitas concertadas. Pódense facer por teléfono (986 767 235), correo electrónico (centroarqueoloxicotouron@pontecaldelas.org) ou a través da Oficina de Turismo de Ponte Caldelas.

Día 1º

As trinta hectáreas que ocupa o bosque de Sobroso van ser a primeira e ampla vista que nos ofreza esta ruta, para despois centrar a visión no Castelo de Sobroso que, o mesmo que a fraga, recibe o seu nome dunha árbore que medra neste lugar, a sobreira.

A orixe desta fortaleza remóntase ao século IX, cando Bermudo II se refuxiou nela durante a batalla de Portela Arenaria, hoxe Vilasobroso, a vila que se ve de fronte. Desde aquela, Sobroso foi testemuña muda das vicisitudes de múltiples personaxes históricas de Galicia, sobre todo polo seu papel de bastión militar, que acabou perdendo. Polos seus corredores andaron os Condes de Galicia en 1095, dona Urraca e don Raimundo de Borgoña; os “irmandiños” durante as revoltas que destruíron o castelo na segunda metade do século XV; ou Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, que o reconstruíu despois…

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Actualmente, este baluarte defensivo é sede do Museo do Traxe Galego e museo etnográfico. Paseade polos corredores e salas para ver, nunha exposición permanente, como era a vida dos nosos antepasados e entender mellor a nosa cultura. Veredes a cociña, cos seus utensilios e a lareira, as estancias nobres, os dormitorios coas súas colchas de liño, antigo traballo artesanal ao que se lle dedica parte da exposición, igual có de cesteiros, zoqueiros, telleiros, carpinteiros…

No percorrido polo contorno, descubriredes que a fortaleza está composta por tres estruturas de diferentes alturas, sobrepostas unhas ás outras que lle dan un aire impoñente. Xa no camiño de volta, se queredes facer un descanso, aproveitade para explorar o arborado do bosque no que conviven preto de 40 especies diferentes, sobre todo carballos e outras asociadas a climas mediterráneos coma a sobreira, o érbedo e as lauráceas. Tamén hai zonas recreativas e fauna en semiliberdade.

Dirixímonos agora ao corazón do concello de Ponte Caldelas para ir un pouco máis atrás na liña da historia. Na Área Arqueolóxica de Tourón atoparedes un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia. Guiádevos polos sinais distribuídos para visitar as cinco estacións onde ver os petróglifos e os gravados sobre a rocha, que datan do Neolítico final-Idade de Bronce. Despois, achegádevos ao Centro Arqueolóxico para ver como se interpretou a paisaxe da época.

Da arte castrexa daremos agora un salto á arte tradicional da nosa terra representada nos muíños de auga. No Rego do Portiño, afluente do río Maior ao seu paso polo municipio de Vilaboa, atoparedes os muíños de Riomaior. Un pequeno, e non moi longo sendeiro, levaravos dun a outro. Son 34 e case todos rehabilitados, acompañados da máxica corrente de auga e de pequenas fervenzas, ata chegar ao último, chamado Muíño de Miguel Lois. De volta, subide polas mesmas pasarelas, pontes e escaleiras de madeira mentres a sombra e a frescura da vexetación vos alivia os pasos.

Podedes aproveitar para xantar nalgún dos establecementos do porto de Vilaboa, con vistas á ría: o peixe fresco e os mariscos son os protagonistas indiscutibles dos seus máis saborosos pratos.

Achegámonos agora cara á costa da ría de Vigo para cruzar a enseada de San Simón ata a península do Morrazo, onde visitaremos o cruceiro de Hío, no municipio de Cangas. Pero antes, aproveitade o camiño para subir ao cumio do Monte Facho de Donón, onde vos atoparedes de novo coa arte rupestre nun antigo castro galaico, con restos do século X a. C. E incluso vos poderedes deleitar uns instantes coas nítidas vistas da costa que acabades de deixar atrás. Cara ao horizonte descubriredes o perfil das illas Cíes, protexendo a ría, e o cabo Home, a punta do continente da que están máis preto.

Do Conxunto Monumental do Hío tamén forma parte a igrexa do mesmo nome, na que identificaredes varios estilos arquitectónicos e formas, como as bóvedas, que recordan ao mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Pero, sen dúbida, a peza máis importante do conxunto é o orixinal cruceiro barroco de finais do século XIX, considerado un dos máis importantes de Galicia. Fronte a el, cada 16 de agosto tras finalizar a misa, interprétase a tradicional “Danza de San Roque” ou “Dos Peregrinos”, do s. XIV e declarada de Interese Turístico Galego.

O noso camiño levaranos agora cara á costa da ría de Pontevedra, en concreto ao municipio de Marín, para atoparnos cos petróglifos do Labirinto de Mogor, moi preto da praia do mesmo nome. Aínda se conservan algúns exemplares con forma de conxuntos de círculos concéntricos asociados entre si, coma un labirinto. Hai varias interpretacións sobre o seu significado. Unhas din que son obra dun mesmo pobo navegante que colonizou o oeste europeo no Neolítico, outras que son un calendario prehistórico ou mesmo que o conxunto non obedece a unha razón práctica de medir o tempo, senón sagrada, artística e simbólica. Calquera que sexa a explicación, axeónllate e percorre cos dedos as liñas marcadas na pedra para sentir o peso do Historia.

A mellor fin para esta xornada é contemplar o solpor dende o paseo marítimo da praia de Mogor.

Día 2º

Deixamos atrás a costa para ir agora cara ao interior da península do Salnés. Aquí, no municipio de Barro, recrearédesvos co son da auga caendo polos máis de 30 metros de desnivel da fervenza do río Barosa, arredor da cal se atopa o complexo etnográfico-medioambiental de Río Barosa.

 

A excepcional topografía deste lugar dálles sentido aos dezasete muíños que forman un gran complexo hidráulico. Poderedes descubrilos mentres subides polo camiño que discorre paralelo á canle baixo a frescura do bosque de ribeira. Case están camuflados, pola paixase e por ter a mesma cor da base granítica da fervenza. O xordo son da auga caendo é intenso incluso no verán, época na que podedes aproveitar para refrescarvos nas pozas, unha oportunidade perfecta para sentir a frescura destas augas na vosa pel.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Moi cerquiña de aquí, a historia do concello de Moraña materialízase nas abundantes manifestacións prehistóricas como a Lapa de San Martiño de Gargantáns do 3 000-2 000 a. C. Este é un monólito de dous metros de altura que dá conta da súa importancia por estar incluído no escudo municipal. Cando vos acheguedes a el, ademais de fixarvos na súa simplicidade e forma cónica con gravados nas dúas caras, darédesvos de conta de que está seccionado, o que leva a pensar que esta non era a súa situación orixinal e que incluso podía medir máis. Descoñecese a súa función exacta pero hai quen o relaciona con signos funerarios, antigas lindes territoriais entre tribos ou mesmo cun monumento ao sol.

A nosa viaxe continúa cara ao interior, a un bo lugar para coñecer de preto a nosa cultura prehistrórica: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Trátase dun conxunto ao aire libre onde atoparedes case cen petróglifos no seu contexto ambiental e máis de 80 paneis interpretativos, así como a recreación dun poboado da Idade de Bronce. Sentirédesvos como se estiverades retrocedendo 4 000 anos no tempo. Campo Lameiro está considerado un dos parques arqueolóxicos máis grandes de Europa e o meirande do noroeste peninsular.

De volta ao noso camiño e algo máis cerca do presente, encamiñámonos agora ao municipio de Cerdedo para atopar a Eira de Pedre. Rodeados pola igrexa, anterior ao s.  XVII, e casas de arquitectura tradicional desta parte da provincia pontevedresa, atoparedes un conxunto de hórreos restaurados na chamada Eira Grande. Este grande espazo comunal, onde o chan está formado por grandes laxas de pedra escura, fálanos da agricultura de subsistencia e da particular economía e organización da xente da época.

A só uns metros, un sendeiro discorre paralelo ao río Lérez. Aproveitade para dar un paseo por este val verde e silencioso xa nas últimas horas do día e ver como a luz se vai apagando mentres vos perdedes nun antigo camiño de peregrinos, entre leiras e pastos. O sendeiro discorre por unha antiga ponte romana, cun curioso chan de cantos. Un final maino para dúas intensas xornadas.

 

Arriba