A Costa da Morte ocupa o segmento noroeste do litoral galego, estendéndose ao longo de ducias de quilómetros, dentro dos límites da provincia da Coruña. Nesta costa, atoparemos praias desertas, enseadas e cantís. Os cabos, como o de Fisterra, Touriñán e Vilán, penetran nun océano bravío e de augas axitadas.

Todo isto forma unha paisaxe inconfundible, sinal de identidade deste lugar.

As súas aldeas convidan ao paseo tranquilo e a observar os labores dos homes e mulleres do mar. É unha terra de misterio, de lendas e mitos. A súa beleza paisaxística e o interese cultural convértena nunha zona única e de especial encanto para o visitante.

Polo seu valor ecolóxico, esta parte de Galicia alberga dous Lugares de Importancia Comunitaria (a costa da Costa da Morte case na súa totalidade e o Río Anllóns) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (Illas Sisargas), así como unha Paisaxe Protexida (Penedos de Pasarela e Traba). Cara ao interior, a terra forma suaves outeiros, tapizados de campos de millo, pastos e forestas.

A personalidade da Costa da Morte está marcada pola súa condición de límite occidental de Europa. Desde a antigüidade, o ser humano considerou este lugar como o Finisterrae, a fin do mundo, a porta ao Máis Alá. Tras a súa chegada a este lugar, os romanos presenciaron e relataron o espectáculo do sol afundíndose no Océano Atlántico, unha escena gravada na imaxinación colectiva dos antigos desde tempos moi remotos.

É unha das zonas máis ricas de Europa en mostras de cultura megalítica. A visita ao dolmen de Dombate ou ao castro de Borneiro, enclaves de gran valor, faranos recuar miles de anos no tempo, para coñecer algo máis da vida dos nosos ancestrais. Coa chegada do cristianismo, moitos dos lugares sagrados dos primeiros poboadores destas terras adaptáronse ás novas crenzas.

Mesmo nas celebracións relixiosas de hoxe en día, é posible percibir o alento ancestral panteísta e pagán que as anima. No santuario da Virxe da Barca, en Muxía, reúnense cada ano milleiros de fieis nunha das romarías máis importantes de Galicia.

Fronte a estas costas navega unha boa parte do tráfico marítimo do Atlántico Norte. Se temos en conta que a liña da costa é moi recortada e que as tormentas e temporais son habituais durante os meses de inverno, comprenderemos por que a Costa da Morte foi escenario de multitude de naufraxios. Fronte ao mar é posible ver cruces que lembran as súas vítimas. O cemiterio dos Ingleses debe o seu nome aos numerosos afogados que causou o afundimento do buque inglés Serpent en 1880.

A forma de vida dos habitantes da Costa da Morte está estreitamente ligada ao mar. A súa economía baséase na pesca e no marisqueo. Unha das imaxes máis representativas desta zona é a do traballo dos percebeiros, que saltan de rocha en rocha esquivando os golpes de mar. Como non podía ser doutro xeito, a gastronomía destes lugares saca partido da gran calidade e variedade dos seus peixes e mariscos.

A Costa da Morte mantén as tradicións dos seus antigos oficios e labores de artesanía. O encaixe de palillos, sobre todo o de Camariñas, mais tamén o doutras localidades, recibiu mostras de recoñecemento a nivel internacional. Por outra banda, Buño é famoso xa desde hai séculos pola súa importante actividade oleira.

Percorrido

Propomos unha ruta de dificultade baixa. Coa axuda dun vehículo, realizamos percorridos curtos a pé aptos para todos os públicos e ideais para realizar en familia. A duración aproximada é de tres días. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada persoa pode variala en función das súas preferencias.

Día 1º

No primeiro día da nosa viaxe partimos de Buño, poboación de recoñecida tradición oleira. Os visitantes non deberían perder a oportunidade de adquirir unha peza da súa cerámica. Os establecementos de venda adoitan ser, ao mesmo tempo, obradoiros, de forma que poderemos presenciar en vivo o traballo co que os oleiros de Buño crean as súas pezas.

Deixamos Buño e saímos en dirección a Malpica. O traxecto, preto de 9,5 km, levaranos poucos minutos. Ao chegar a Malpica, dirixímonos ao porto, un bo lugar para respirar o ambiente mariñeiro e observar a curiosa morfoloxía do núcleo de poboación. As casas están penduradas das rochas, con vistas para o porto e as augas do Atlántico. Despois dun agradable paseo polas rúas estreitiñas da parte vella, dirixirémonos cara á parte alta. Desde alí gozaremos dunhas boas vistas.

Abandonamos Malpica e seguimos o noso camiño para nos achegar ao cabo San Adrián, situado a escasos 4 km. Nas súas inmediacións atópase o santuario de San Adrián do Mar. Cada mes de xuño, este enclave é escenario dunha romaría celebrada con gran devoción. A ela acoden incontables romeiros para solicitar ou, no seu caso, agradecer os favores do santo. O santuario constitúe un privilexiado miradoiro natural sobre Malpica e as Illas Sisargas, situadas xusto diante.

Desde alí baixamos de novo a Malpica e dirixímonos cara a Ponteceso, localidade situada a 13,2 km Transitaremos por unha estrada local que percorre as localidades de Beo, Mens, Cores e Nemeño. En Mens debemos deternos para ver o antigo castelo do mesmo nome. As Torres de Mens, que así se lle chama á fortaleza, foron construídas no século XIV e restauradas conservando gran parte da súa estrutura orixinal. O castelo está visible desde a estrada e non se permiten visitas do público, ao se tratar dunha propiedade privada. Pódese visitar a igrexa románica de Santiago, do século XII, próxima á torre. Mellor confirmar hora e dispoñibilidade chamando ao 981 714 588.

Minutos máis tarde chegamos a Ponteceso, berce do grande escritor galego Eduardo Pondal, un dos personaxes chave do Rexurdimento (renacemento da cultura e das letras galegas durante o século XIX). Ao pasear polas súas rúas e parques, atoparemos varias mostras da gratitude de Ponteceso cara ao seu fillo máis ilustre. Fóra xa da zona urbana, podemos subir ao Monte Branco, o accidente xeográfico máis emblemático desta comarca. Se tomamos a estrada que se dirixe á praia de Balarés, moi fermosa e situada a poucos quilómetros, divisamos na liña do ceo as poboacións de Laxe, O Porto de Corme, Cabana e o mesmo Ponteceso. Desde a cima poderemos gozar dunha espectacular perspectiva sobre o estuario formado polo río Anllóns no seu encontro co mar. É este un contorno natural que dá vida a numerosas especies, tanto vexetais como animais.

Continuando pola estrada AC-424, sen tomar o desvío cara á praia de Balarés, dirixímonos ao Porto de Corme, outra das típicas vilas mariñeiras destas terras. A pouca distancia, internándose nas perigosas augas do Océano Atlántico, atópase a Punta do Roncudo. Os percebes que nacen sobre as súas rochas son considerados os mellores de toda a costa galega. Mais, ademais do seu excepcional froito, os cantís do Roncudo son tamén coñecidos polo seu perigo. Moitos percebeiros atoparon a morte neste agreste cabo. En memoria destas persoas, fóronse plantando co paso dos anos numerosas cruces sobre as rochas.

O Porto de Corme atópase situado a uns 8 km de Ponteceso. Antes de chegar, na cima do monte, podemos ver un monumento á Virxe do Faro. Desde este punto, teremos unha vista inmellorable para toda a liña de costa. Moi preto da capela atópase un gran monumento a modo de faro.

Desde Corme volvemos a Ponteceso pola mesma estrada. Desde Ponteceso, percorremos 8,4 km ata a localidade de Borneiro. No seu contorno, atópanse o castro da Cibdá e o famoso dolmen de Dombate, dous conxuntos arqueolóxicos que figuran entre os más valiosos de Galicia. Este último está situado a poucos metros da estrada, tomando un desvío á dereita. Recentemente o dolmen foi protexido cun atractivo edificio de madeira e cristal que axuda a unha mellor visualización do monumento, así como un centro de interpretación para unha mellor comprensión do megalitismo na Costa da Morte.

Desde Borneiro, unha ruta de ida e volta achéganos ás Torres do Allo, a poucos quilómetros de Baio, na aldea do Allo. Un pazo do S. XVI, un centro de interpretación e unha oportunidade magnífica de coñecer máis datos sobre A Costa da Morte, por unha banda, e da vida pacega na Galicia rural. Sen esquecer a igrexa de San Pedro, un curioso cemiterio e tres hórreos magníficos coa tipoloxía construtiva da zona.

Volvemos sobre os nosos pasos ata a localidade de Cabana, desde onde nos diriximos a Laxe. Esta vila mariñeira ofrece unha fermosa praia de augas tranquilas, perfecta para o baño dos máis pequenos. O longo areal de case un quilómetro e medio chega ate o mesmo centro da vila. Respecto  ao seu patrimonio cultural, conta cunha igrexa románica e cunha capela, en honor a Santa Rosa de Lima, situada no cumio dun monte. Nas inmediacións de Laxe hai que achegarse á fermosa praia salvaxe de Soesto. De Ponteceso a Laxe hai 11,5 km pola AC- 431.

Día 2º

O segundo día da nosa ruta iníciase na localidade de Laxe, desde onde tomamos o camiño á Ponte do Porto, localidade á que chegaremos despois de 27,2 km. Pouco despois de ter deixado Laxe, desviarémonos para visitar a lagoa de Traba. É de tipo litoral e presenta un punto de saída cara ao mar. As súas dunas dan hábitat a numerosas especies de flora e fauna. En Traba tamén podemos visitar a fermosa igrexa románica.

Volvemos á estrada que nos traía desde Laxe e seguimos en dirección á Ponte do Porto. Ao chegar a esta localidade, cruzaremos a ponte sobre o río Grande para achegarnos a Porto de Cereixo e visitar o agradable conxunto das Torres de Cereixo e a igrexa de Santiago, construída no século XII.

Máis tarde partimos para Camelle, pequena poboación situada a uns 5 km. Alí atópase a denominada Casa-Museo de Man. Manfred foi un alemán que viviu durante décadas en plena sintonía coa natureza galega. A carón do mar, foi reunindo esculturas realizadas por el mesmo a partir de diversos materiais, dispostas en todo tipo de formas e pintadas doutras tantas cores.

A partir deste punto, temos dúas opcións. A primeira delas é volver á Ponte do Porto e desde alí dirixírmonos a Camariñas e Cabo Vilán. A segunda é percorrer uns 18 km, bordeando a costa pola aldea de Arou a través dunha pista de terra que nos conducirá primeiro a Cabo Vilán e despois a Camariñas. Este último traxecto só se poderá realizar se dispomos dun vehículo axeitado. Un todoterreo é a opción máis recomendable. De nos decidir por esta segunda posibilidade, poderemos visitar a enseada de Trece co cemiterio dos Ingleses e o Foxo do Lobo, antes de chegar a Cabo Vilán e gozar dunhas magníficas vistas da costa.

Sexa como for, faremos unha pequena parada en Camariñas. Esta localidade é berce dun prestixioso encaixe de palillos, realizado desde hai séculos polas palilleiras locais. Alén do valor das pezas, asistir ao traballo das artesás e ver os seus dedos manexar habilmente os fíos ao ritmo do seu son característico é un espectáculo en si mesmo.

Día 3º

Para comezar o noso terceiro día na Costa da Morte sairemos de Camariñas e dirixirémonos cara á Ponte do Porto e desde este punto, tras percorrer 9,7 km, chegaremos a Vimianzo.
Nesta localidade poderemos ver o castelo ou Torres de Vimianzo.

O noso seguinte destino é Muxía, situada a 22,4 km Para chegar a ela hai que coller un desvío á dereita na localidade de Berdoias, onde accederemos á AC-440. Antes de chegar a Muxía pasamos polo lugar de Ozón, que forma parte do Camiño de Santiago. A reitoral da igrexa románica de San Martiño de Ozón conta co hórreo máis grande da zona, só superado en toda Galicia polos de Araño, Lira e Carnota.

Deixando atrás Ozón atopámonos coa reitoral de Moraime, construída sobre os restos dun antigo mosteiro, que albergará proximamente un Hotel Monumento. A súa igrexa ten un bo estado de conservación e pode ser visitada en horario de culto.

Desde aquí xa quedan poucos quilómetros para chegar á vila de Muxía. O punto de maior interese desta localidade (case habería que dicir parada obrigada) é o santuario da Virxe da Barca e as famosas pedras milagreiras.

Volveremos a Berdoias pola AC-440 e desde alí seguiremos cara a Corcubión, punto ao que chegaremos tras percorrer 18,7 km. Entre os atractivos desta localidade figuran a igrexa parroquial de San Marcos, o castelo do Cardeal e o Pazo dos Condes de Altamira.

De Corcubión dirixirémonos a Fisterra, percorrendo 11,8 km pola AC-445. Fisterra posúe todo o magnetismo dun dos lugares míticos da antigüidade. Os poboadores de Europa vían neste punto a fin da terra coñecida, a porta cara ao Máis Alá. A imaxe do sol ao poñerse sobre as augas do Océano Atlántico aterraba e fascinaba por igual a toda persoa que se achegara a este extremo occidental do continente. Certamente, os rochosos cantís que rodean Fisterra, en loita constante coas augas do océano, non facían senón contribuír a alimentar a aura lendaria deste lugar. No cabo, a uns 3 km da vila, está o faro aberto ao público. Estamos no mítico lugar ao que chegaban os peregrinos que viñan polo Camiño de Santiago para queimar as súas pertenzas persoais.

Nesta localidade podemos coñecer tamén o Santo Cristo de Fisterra, imaxe que se encontra na igrexa de Santa María das Areas, construída no século XII. Esta igrexa atópase á dereita da estrada, xusto onde comeza a subida ao faro. É posible acceder ao seu interior en horario de 10 a 14 e de 16 a 19 horas, durante os meses de verán, e en horario de culto durante os meses de inverno.

Poderemos deternos tamén no porto da vila e dar un pequeno paseo ata o castelo de San Carlos. Tampouco debemos pasar por alto as numerosas e bonitas praias existentes na zona, como Mar de Fóra, Langosteira, O Rostro...

Na localidade de Fisterra damos por finalizada a nosa ruta pola Costa da Morte.

Arriba
Axúdanos a mellorar!