O Ribeiro, situado en torno ao curso medio do río Miño, ao oeste da provincia de Ourense e limítrofe coa de Pontevedra, mostra ao visitante un variado repertorio de atractivos culturais, paisaxísticos e gastronómicos que fan desta zona unha das máis interesantes da Galicia interior.

A localidade máis importante é Ribadavia, ben comunicada por autoestrada e ferrocarril con Ourense e Vigo, das que dista 25 e 65 km, respectivamente.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A auga, tanto a dos seus ríos como a dos seus balnearios e a dos seus encoros, xoga un papel fundamental na personalidade da zona. Ao seu paso por estas terras, os ríos Miño, Arnoia e Avia dan lugar a sucesivos remansos e gargantas, conformando deste xeito a paisaxe emblemática do Ribeiro. Nos vales fluviais aséntase a maior parte da poboación. O relevo móstrase suave ante os nosos ollos, sendo o Faro de Avión, de 1.154 metros, o punto máis elevado. Aínda que non existen grandes alturas, a natureza agasallou a esta zona con varios miradoiros desde os que contemplar a paisaxe de viñedos e hortas tan propia desta comarca. Abundan os espazos naturais de gran valor, como Pena Corneira e as marxes do Miño, do Arnoia e do Avia.

A súa localización na parte meridional de Galicia, a salvo da influencia das borrascas atlánticas e afastada tamén dos rigores da montaña, dota a esta zona dun clima de transición oceánico - mediterráneo.

A vexetación é o resultado da acción combinada da natureza e a man do ser humano. A primeira proporcionou as condicións necesarias de solo fértil e clima benigno, e a segunda foi adaptando aos poucos o contorno ás súas necesidades. Os bosques frondosos acompañan os canais dos ríos. Entre todos os cultivos da comarca, frecuentemente dispostos en vistosos bancais ou socalcos, destaca a vide. As diversas variedades proporcionaron aos viños destas terras unha reputación de calidade xa recoñecida en tempos do Imperio Romano.

O paso dos séculos deixou unha gran riqueza monumental en forma de poboacións medievais, mosteiros, igrexas, conventos e pontes. Os numerosos restos arqueolóxicos, como túmulos, dolmens e castros, indícannos a presenza do ser humano desde tempos remotos. Durante a Idade Media, Ribadavia acolleu unha numerosa comunidade xudía, a influencia desta pódese sentir mesmo hoxe na gastronomía da comarca. Na actualidade, O Ribeiro dispón dunha completa oferta de lecer na que non faltan os eventos culturais, a gastronomía, as actividades de recreo en contacto coa natureza ou o termalismo.

Percorrido

Propomos unha ruta de dificultade baixa, coa axuda dun vehículo, realizando percorridos curtos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de tres días. A distribución de tempos deberá tomarse a modo de exemplo, xa que cada persoa poderá variala en función das súas preferencias.

Día 1º

A primeira xornada da nosa ruta dedicarémola a coñecer os numerosos atractivos turísticos de Ribadavia. Esta localidade, capital do Ribeiro, ocupa a confluencia dos ríos Avia e Miño, no camiño entre Ourense e Vigo. A paisaxe que a rodea é de vales fluviais, viñedos e suaves outeiros.

Foi capital do Reino de Galicia co rei Don García I no século XI. No XII comeza o seu período de expansión comercial e demográfica, aproveitando o pulo dos mosteiros de San Clodio e Melón. En 1164 recibe o Foro Real e en 1375 convértese en sede do Adiantado Maior do Reino de Galicia. No ano 1476 pasa a ser Vila Condal. A súa vida económica, moi próspera entre os séculos XV e XVII, estivo sempre ligada ao viño. Os seus caldos son recoñecidos en Europa desde a antigüidade e foron exportados ao Novo Mundo tras o Descubrimento.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Tantos séculos de vida deixaron en Ribadavia un legado artístico e cultural de gran riqueza. En 1947, o seu casco vello foi declarado Conxunto Histórico-Artístico. Segundo o texto orixinal, esta denominación comprende "a vila de Ribadavia, na parte comprendida entre o castelo e o río Avia, e a parte posterior das casas levantadas na marxe esquerda da estrada de Vilacastín a Vigo, así como a rúa e praza ou atrio coa igrexa da Oliveira e o convento de San Domingos con todas as dependencias, arredores e escalinatas que desde a estrada lle dan acceso".

O inicio perfecto para o noso percorrido é a Oficina Municipal de Turismo. Está situada na Praza Maior, no antigo Pazo Condal, unha edificación barroca do século XVII. Seranos de grande utilidade facérmonos cun pequeno plano da vila no que veñan marcados os puntos de interese. Desde alí desprazarémonos a pé, sen dificultade, entre os seus numerosos monumentos.

A lista é extensa. Entre as construcións civís destacan o castelo dos Condes de Ribadavia, o Barrio Xudeu e as murallas. O repertorio relixioso consta da xa mencionada igrexa e convento de San Domingos, a igrexa de Santiago, a igrexa de Santa María de Oliveira, a igrexa de San Xoán e a capela de Nosa Señora do Portal.

Á marxe da arquitectura, Ribadavia conta con outros moitos atractivos culturais. O Museo Etnolóxico, albergado no Pazo de Baamonde, do século XVIII, posúe unha excelente colección e un dos mellores fondos bibliográficos en temas históricos de Galicia. Mostra, ademais, exposicións temporais.

A Festa da Istoria é unha celebración cuxa orixe se remonta ao século XVII. Perdeuse no 1868 e foi recuperada para o gozo de veciños e visitantes en 1989. Durante un día, o último sábado de agosto ou o primeiro de setembro, Ribadavia retoma o modo de vida da Idade Media. Desaparecen as roupas do século XXI e volven os traxes e costumes da época. Hai bailes e música medieval, mercado, postos de artesanía, vodas xudías, etc. E mesmo se adopta o marabedí como moeda oficial.

Outros acontecementos que cómpre ter en conta son a Mostra Internacional do Teatro e a Feira do Viño do Ribeiro.

Día 2º

No noso segundo día de ruta polo Ribeiro, abandonamos Ribadavia pola estrada OU-504, en dirección ao Carballiño. A 4,2 km, tras pasar unha gasolineira, atopamos un desvío á man esquerda que nos leva a Beade pola OU-212.

Este é o punto final do vía crucis que comeza no atrio da igrexa parroquial e que é moi coñecido por que foi debuxado por Castelao, egrexio galeguista e artista do século pasado. Consta de catorce cruceiros de distintas características e distribuídos de forma desordenada. O Calvario mostra ao crucificado franqueado por dúas cruces que representan ao Bo e ao Mal Ladrón, diferenciables pola súa posición e a expresión das súas caras.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Continuamos o noso camiño pola estrada OU-212 en dirección a Berán, xa no municipio de Leiro. O desvío que nos achega ata o balneario está situado á man dereita, a 1,2 km da igrexa parroquial de Beade. Aos poucos metros, atoparemos o acceso a este edificio, temporalmente pechado, con augas sulfurosas recomendadas para tratar os problemas dermatolóxicos. Dous quilómetros máis adiante atoparemos a aldea de Berán. Os seus puntos de interese son o seu trazado medieval, a súa fermosa igrexa e varias casas situadas nas proximidades.

A 2,8 km de Berán atopamos un cruce desde o que, se viramos á esquerda, chegaremos a Leiro. Unha vez alí, atravesamos esta poboación e, despois de cruzar a ponte sobre o río Avia, desviámonos para dirixírmonos ao mosteiro de San Clodio, hoxe restaurado e convertido en Hotel Monumento. Cómpre saber que a igrexa do mosteiro está aberta para celebracións litúrxicas os sábados pola tarde e domingos pola mañá, sendo necesario consultar os horarios previamente á visita. A poucos metros atópase a ponte de San Clodio.

Volvendo a Leiro, podemos tomar un desvío que nos levará a Pazos de Arenteiro, situado a poucos quilómetros. Esta poboación é un importante conxunto monumental polo seu bo número de igrexas, pazos e pontes, nun contorno natural de gran beleza. Especialmente fermoso é o paseo polo río Arenteiro, desde a ponte medieval ata o coñecido como Pozo dos Fumes.

Achegámonos de novo ao centro de Leiro, onde veremos un indicador que sinala cara á dereita o camiño das aldeas de Lamas, Serantes, Paredes e Lebosende. Tomamos o desvío e a 1,5 km atopamos, á man dereita, a igrexa parroquial de San Miguel de Lebosende. Á esquerda podemos gozar dunha preciosa panorámica sobre Leiro e o seu contorno. A este lugar se lle coñece como o Balcón do Ribeiro. A 3,2 km de Leiro atópase Paredes, lugar no que existen numerosos hórreos e unha cadea de seis muíños no curso do regato do Foxo. Grazas a construcións deste tipo, hoxe podemos coñecer mellor o modo de vida tradicional da Galicia rural.

Continuamos o noso percorrido e chegamos a Serantes. A 800 m de Paredes atopamos un pequeno desvío que nos leva á fermosa igrexa de Santo André. Data do século XII e o seu atractivo está tanto no exterior, de fermosa decoración, como no interior, xa que aínda conserva un interesante baldaquino de pedra.

O lugar de Lamas está situado no km 2,4. Despois da aldea queda, á esquerda, a igrexa de Santa María, unha nova mostra de arquitectura relixiosa románica. Pasando por diante da igrexa, ao seu lado poderemos gozar dunha gran zona de lecer, moi axeitada para facer unha pausa na nosa ruta. Atrás deixamos as terras baixas do val e as grandes formacións rochosas anúncianos a proximidade das maiores elevacións da comarca, como Pena Corneira, de 600 m de altura, culminada por unha fabulosa formación granítica.

Tres quilómetros máis adiante, seguindo pola mesma estrada, chegamos a unha encrucillada. Se ollamos cara á esquerda, podemos divisar Pena Corneira. Á dereita, tomamos a dirección que nos levará, despois de percorrer oito quilómetros a Avión. De camiño podemos desviarnos cara á praia fluvial. Pola marxe dereita da estrada albiscaremos os denominados Canóns do Avia. Ao chegar á aldea de Beresmo, visitamos a capela de San Xosé e o conxunto de hórreos existentes no lugar.

En Avión deterémonos na súa igrexa románica, pero tamén sorprende a suntuosa presenza de varias casas de edificación moderna, propiedade de persoas orixinarias desta zona que fixeron a súa fortuna emigrando a México.

Desde Avión e fóra deste itinerario, paga a pena ascender en coche ata a serra do Suído para visitar as rutas dos chouzos, como a de Cernadas e San Xusto. Os chouzos son edificacións orixinarias da Idade Media, moi sinxelas e robustas, que servían como refuxio de pastores para aproveitar os pastos nos meses máis favorables do ano.

Finalmente, damos a volta sobre os nosos pasos e nos diriximos cara a Beade pola OU-212. Son 18 km nos que teremos a oportunidade de ver de novo Pena Corneira. Ademais, entre As Regadas e Beade, onde hai un bosque autóctono protexido, contemplaremos unha fermosa paisaxe. Ao chegarmos a Beade, tomamos a OU-504 que nos leva de novo a Ribadavia para terminar a xornada.

Día 3º

A nosa terceira xornada de visita á comarca do Ribeiro parte de novo de Ribadavia. Saímos pola OU-801 en dirección a Francelos.  Na saída de Ribadavia, seguimos un indicador que nos sinala San Xes de Francelos e a súa igrexa. A poucos metros, aparecen as primeiras casas de Francelos. A 1,1 km do cruce hai un indicador á esquerda. Cruzando a aldea chegamos á praza, onde podemos deixar o noso vehículo e a igrexa está a uns pasos.

Volvemos a Ribadavia, da que nos afastamos algo máis dun quilómetro. Unha vez alí, tomamos a N-120 en dirección a Vigo. Tras percorrer 5,9 km chegamos a Quins. Á dereita, vemos a igrexa de Santa María, un conxunto de hórreos e o vía crucis. A igrexa de Santa María conta con varias imaxes ben conservadas, como San Bieito e San Bernardo. Ao chegar ao centro da aldea, cara á esquerda, vemos unha fonte-lavadoiro e varios hórreos. Desde aquí subimos a pé e chegamos a un campo onde se atopa o conxunto de cruceiros que forman o vía crucis. O calvario ten a peculiaridade de que as dúas cruces laterais teñen o brazo horizontal lixeiramente inclinado cara ao exterior da composición.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desde Quins sae un itinerario de ida e volta de 11 km para ascender pola ladeira da montaña e descubrir dous dos conxuntos de hórreos máis senlleiros de Galicia. Seguir as indicacións “Canastros de Negrelle e “Cabaceiros de Vivenzo”. Na primeira aldea atopamos 16 hórreos feitos en pedra e madeira. Na segunda consérvase un grupo de 10 cabaceiros, pequenas estruturas  de trabes de carballo con polas de castiñeiro e carballo, cubertas por un teito de colmo e apoiadas en tres pés de granito. Esta tipoloxía construtiva para garda-lo millo é menos usual que os hórreos de catro patas. En Vivenzo é mellor deixar o coche á entrada da aldea e seguir a pé ata a parte alta da poboación.

Retomamos a N-120 e dirixímonos a Melón, a 3,9 km Nesta poboación érguese a bucólica construción do mosteiro de Santa María. No centro, pasando por diante da Casa do Concello, hai un peto de ánimas e un calvario pouco común, xa que as cruces laterais teñen o brazo horizontal inclinado e carecen da parte superior.

Retornamos unha vez máis a Ribadavia. O traxecto comprende 6 km. Marchamos cara á Arnoia (a 4 km) e Cortegada (a 15 km) pola estrada OU-352. Cruzamos o río Avia pola ponte de San Franciso. Xusto polo lateral do mosteiro do mesmo nome desviámonos cara á Arnoia. Un cartel de benvida na Arnoia ofrécenos unha boa definición da localidade: "Benvido á Arnoia, onde a auga reza, o viño fala e a pedra cala".

Antes de chegar, atopamos un peto de ánimas coa imaxe da Virxe do Portal. A pouca distancia deste punto atopamos á man dereita o desvío que nos levará á Vila Termal, un establecemento hoteleiro con balneario. De novo na estrada, pasamos A Laxa e A Paixón, onde atopamos un indicador que sinala a Área Recreativa As Poldras, activa en verano como praia fluvial. Outros atractivos desta localidade son a igrexa parroquial de San Salvador e a casa reitoral, convertida nun atractivo aloxamento de turismo rural.

Afrontamos agora o traxecto que separa A Arnoia de Cortegada, de 7,8 km. Cruzamos a ponte sobre o río e encamiñámonos a Meréns, localidade á que chegamos despois de 4,6 km. Subindo 200 m por unha pista estreita situada á man esquerda atopamos un peto de ánimas e o escudo armeiro máis grande de Galicia. Antes de chegar a Cortegada podemos tomar un ramal que sae á dereita para acceder ao santuario de San Bieito de Rabiño, onde non podemos esquecer visitar o humilladoiro situado na parte posterior.

Entramos en Cortegada. Baixando por diante da Casa do Concello imos dar a unha pista moi empinada que desemboca na beira do encoro de Frieira. Alí atoparemos un palacete modernista restaurado con servizos termais e un privilexiado emprazamento sobre o río Miño.

Desandamos o camiño e volvemos á Arnoia, desde onde vamos a Castrelo de Miño, a 6 km de distancia. Xunto ás comportas do encoro vemos nun alto a igrexa parroquial de Santa María. Á esquerda e 1,6 km máis adiante está situado o complexo náutico deportivo, a praia fluvial e o paseo que rexistran moita actividade no verán.

Continuamos pola estrada OU-402 en dirección a Ourense. A parroquia de Astariz atópase a 9 km Tomamos un desvío á man esquerda que nos leva á igrexa de Santa María. Por último, volvemos a Ribadavia, rematando así a ruta.

Como complemento a este itinerario faise imprescindible unha extensión ata o Parque Arqueolóxico do Mundo Castrexo de San Cibrao de Las, no concello de San Amaro. Este novo museo de sitio vai ser inaugurado no segundo semestre do ano 2012 para converterse, sen dúbida, nunha referencia para a interpretación das citanias ou cidades castrexas como a de San Cibrao, unha das máis importantes do Noroeste peninsular.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba