A serra dos Ancares é un dos lugares de Galicia que máis sorprende pola súa beleza. Está situada no este da provincia de Lugo, na fronteira coas comunidades veciñas de Castela e León e O Principado de Asturias.

Ao longo das máis de 50.000 hectáreas, unha infinita rede de carreiros cruza profundos vales e ascende ata cumios de 2.000 metros de altura. No inverno, esta zona permanece cuberta pola neve. Coa chegada da primavera, as augas do desxeo flúen desde os cumios ata as zonas baixas, dando vida a numerosos regatos e pequenas fervenzas. Ata o final do verán, a montaña alcanza todo o seu esplendor. En outono o manto vexetal adquire tons encarnados.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Pola súa paisaxe e biodiversidade, Os Ancares constitúen unha zona de incalculable valor para os amantes da natureza.

En épocas pasadas, as recónditas montañas dos Ancares serviron de hábitat á última comunidade de osos de Galicia. A posta en marcha dun complexo programa de recuperación da especie fai que se comecen a ver os primeiros exemplares por estas terras. Outras especies que podemos atopar no noso paseo pola serra son o xabaril, o cervo, o coello, a curuxa, o raposo, o gato montés e o esquío.

 

Percorrido

A duración estimada desta ruta que propomos, de dificultade baixa, é de tres días. O itinerario é apto para calquera viaxeiro e ideal para realizar en familia.

Hai que levar un vehículo e facer ademais percorridos curtos a pé. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada persoa pode variala en función das súas preferencias.

Aconsellamos empezar a viaxe como está sinalada no mapa, aínda que quen queira pode facer a ruta no sentido contrario ao que propomos e visitar as aldeas leonesas de Suárbol e Balouta, xa que a baixada do río desta última aldea, é dunha grande beleza e se aprecia moito mellor se seguimos o itinerario no sentido aconsellado. Nesa zona, tamén destacan pola súa espectacularidade as vistas de Murias de Rao e de Rao desde o alto.

Accesos á zona...

  • Desde a N-VI á altura de Becerreá desviámonos cara ás Pontes de Gatín para penetrarmos na Serra dos Ancares.
     

Día 1º

Comezamos a nosa ruta polos Ancares na vila de Becerreá. Tomamos a estrada provincial LU-722, localizada á esquerda da N-VI en sentido Madrid (á dereita en sentido á Coruña).

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Xa na estrada LU-723, as primeiras localidades que encontramos son A Borquería e As Pontes de Gatín. Ao chegarmos ao lugar de Liber, encontrámonos con sinais que nos indican "Os Ancares por Doiras a 30 km". Nese punto, desviámonos á dereita.

A partir de aquí, a primeira aldea que encontramos é Lama de Rei. Sucesivamente pasamos O Mosteiro, O Fabal, Vilanova e, despois de percorrer os 30 km anunciados, chegamos á localidade de Doiras. Durante os meses de inverno, nese punto, debemos prestar atención aos carteis que nos indican se, por mor da neve, o porto de Piornedo ou o do Portelo están abertos ou pechados.

Na aldea de Doiras encóntrase o castelo do mesmo nome, unha fortificación do século XVI. É de propiedade privada e non se pode visitar. Outro monumento de interese é a ponte romana sobre o río Cervantes.

Un quilómetro e medio máis adiante encontramos un cruzamento. Viramos cara á esquerda en dirección Degrada, poboación que se encontra a 11,2 km de Doiras, a medio camiño entre Castelo de Frades e Cela. Ao chegar á Degrada e A Campa da Braña, localidade coñecida polas Brañas de Brego e o Club de montaña Os Ancares, encontrámonos á dereita a encrucillada que nos leva cara a aula da natureza do Parque Natural dos Ancares.

Un dos itinerarios que podemos seguir desde o lugar da Degrada é a subida ao pico dos Tres Bispos, chamado así porque parece ser que era o lugar onde se reunían os bispos das tres dioceses limítrofes. Nesta zona, existen bosques de acivros, árbores de espectacular beleza. Debido a que esta especie de flora está en perigo de extinción, actualmente sanciónase a súa poda e recolección no campo.

Continuando todo para a fronte, dirixímonos a Piornedo, fin da nosa primeira xornada.

Día 2º

O noso segundo día de ruta comeza en Piornedo, onde visitaremos as pallozas, o conxunto etnográfico e a capela de San Lourenzo. Xusto na entrada deste lugar está situada unha fonte, construída a través de contribución popular e na que aparece a seguinte inscrición: "Hízose en 1787. Viva Piornedo". Tras a visita a esta localidade desviámonos no punto onde se encontra a devandita fonte. A quilómetro e medio de distancia, entramos na provincia de León. Desde o alto da montaña gozaremos dunhas impresionantes vistas sobre as aldeas de Suárbol e Balouta.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Suárbol, rodeado de bosques e montaña, encóntrase a catro quilómetros de Piornedo e é "o pobo dos sons". Está bordeado por dous regatos que o envolven nunha evocadora melodía. A isto hai que engadir o escintileo das chocas das vacas, que a primeira hora da mañá e á tardiña van e volven dos seus pastos. Entre os monumentos máis destacables desta localidade, están a Casa das Cadeas e a igrexa de Suárbol.

Se continuamos por esa estrada encontraremos un cruzamento cun indicador a Ponferrada (49 km). Seguindo recto chegaremos a Balouta. Antes diso, porén, é aconsellable desviarse para visitar as Brañas de Pan do Zarco e o Pico Surcio, situado xusto en fronte.

Ao regresarmos, continuamos en dirección a Balouta onde podemos visitar algunha palloza. As pallozas, xenuínas mostras de arquitectura tradicional, son herdanza dun modo de vida non tan distante, caracterizado pola súa dureza e illamento, desenvolvido en continua loita cos elementos.

Despois de percorrer o primeiro treito da garganta do río Rao (denominado Balouta en León) chegamos a Murias de Rao e a Rao, onde pomos fin ao noso segundo día de percorrido polos Ancares.

Día 3º

O punto de partida do noso terceiro e último día nos Ancares é a localidade de Rao. Trátase dun lugar de grande importancia etnográfica. Nel encontraremos vivendas tradicionais, ferrarías e muíños.Unha das construcións máis importantes desta poboación é o templo parroquial de Santa María. No seu interior hai dous retablos de gran riqueza.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Neste lugar é moi frecuente atopar os denominados “cortíns" ou alvarizas. Son conxuntos de colmeas pechados por un muro de forma xeralmente circular, construídos con pedra e lousa, pensados para resistir os ataques dos animais, sobre todo dos osos pardos. Hoxe en día, dada a práctica desaparición desta especie, a súa función perdeu sentido.

Proseguimos o noso camiño ata A Proba de Navia. Alí visitaremos o seu castelo, unha construción de orixe medieval. Durante a Revolta dos Irmandiños foi atacado e destruído. Posteriormente procedeuse á súa reconstrución.

Na mesma localidade, tamén dedicaremos tempo a coñecer a súa ponte. Atravesa o río Navia cun só arco, constituíndose nunha das pontes máis interesantes de Galicia.

Uns quilómetros máis adiante, seguindo a estrada LU-722, desviámonos á esquerda para visitar o castro de Santa María de Cervantes. Trátase dun ben histórico de grande valor que testemuña a existencia de poboacións máis o menos estables na zona desde tempos moi remotos.

Finalmente dirixímonos a Becerreá. Alí, no mesmo punto no que comezamos a nosa ruta tres días atrás, poñemos fin ao noso percorrido polos Ancares.

Arriba