O Baixo Miño débelle o seu nome, a súa paisaxe e a súa personalidade á presenza do río Miño, o máis importante dos cursos fluviais galegos. Esta zona, situada no extremo suroeste da provincia de Pontevedra, fusiona de forma harmoniosa tres tipos de paisaxe: o litoral, o monte e o río.

A costa desta zona combina fermosas praias con puntos agrestes, como o Cabo Silleiro.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desde o cumio do Monte de Santa Tegra o visitante pode percorrer cos seus ollos a liña de costa, comezando ao norte, coa Ría de Vigo e as Illas Cíes, e finalizando pasada a desembocadura do Miño, xa en Portugal, cara ao sur. Outro monte, o Aloia, é quizais o lugar máis valioso do Baixo Miño desde un punto de vista medioambiental, con permiso do esteiro do Miño e as Gándaras de Budiño, por citar só dous exemplos. As súas ladeiras dan acubillo a multitude de especies animais e vexetais, nun contorno moi coidado e pensado para ofrecerlle todo o necesario ao visitante. Tanto o Monte de Santa Tegra como o Aloia, ambos situados estratexicamente, constitúen inmellorables miradoiros naturais desde os que gozar de preciosas vistas sobre estas terras, en calquera dirección na que miremos.

O Miño é a fronteira sur desta comarca, ao tempo que o seu elemento central.

No seu último tramo, tras deixar atrás as terras interiores de Galicia, o río adopta un discorrer máis pausado, como preparándose para unirse amorosamente co Océano Atlántico. O seu leito, liña de fronteira entre Galicia e Portugal, sálvase por varias pontes, modernas e antigas, que conectan localidades de ambos os países.

O Baixo Miño alberga un variado catálogo arquitectónico de todas as épocas. No xa mencionado Monte de Santa Tegra atópase un dos castros máis valiosos de Galicia. Aínda que o poboado ten unha antigüidade de máis de 2000 anos, esta zona podería estar poboada desde hai uns 8000 anos. Falando xa de épocas máis recentes, practicamente cada vila do Baixo Miño conta cunha igrexa de interese, na súa maioría románicas. Tui é en si mesma un xoia cultural, repleta de obras excepcionais entre as que destaca a catedral de Santa María. Outras localidades que merecen a atención do visitante son Baiona, Tomiño e A Guarda, cada unha por motivos propios e diferentes.

En Oia visitaremos o seu mosteiro, fonte de progreso material e espiritual para a comarca a través dos séculos. Ás comunidades monacais que o ocuparon debémoslles, por exemplo, os muíños do Folón e O Picón. Tamén se dedicaron os monxes de Oia ao cultivo da vide no val do Rosal. A base de dedicación, boas condicións naturais e, nos últimos anos, tecnoloxía empregada sabiamente, hoxe os viños do Rosal alcanzaron un excelente nivel de calidade, dentro da D. O. Rías Baixas. Serven de perfecto complemento para a oferta gastronómica da zona, na que non faltan todo tipo de produtos do mar, carnes e variadas sobremesas.

Percorrido

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa, co apoio dun vehículo, realizando curtos percorridos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración calculada é de tres días. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada un pode variala en función das súas preferencias.

Día 1º

Empezamos a nosa ruta polo Baixo Miño na localidade de Baiona, denominada tamén Baiona A Real en virtude dos privilexios que lle foron concedidos polos reis Alfonso IV e Juan II de Castela para o comercio marítimo.

Ao entrar en Baiona podemos subir por unha pequena estrada uns 500 metros, ata o cruceiro da Trindade, fermoso pola súa talla e por ser un dos poucos que se encontra debaixo dun baldaquino de pedra de forma piramidal. Penetramos en Baiona, á man dereita temos a fortaleza de Monte Real, onde se encontra o Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Despois de pasear polo casco antigo, non podemos deixar de visitar a colexiata de Santa María e a capela de Santa Liberata, situada en fronte. A primeira encóntrase aberta ao público en horario de mañá e tarde, mentres que a segunda só pode ser visitada en datas determinadas.

Baiona converteuse nunha das localidades máis importantes da navegación deportiva de toda a Península Ibérica. O seu porto alberga numerosas embarcacións, que lle dan un vistoso aspecto, e serve de base para a regata Príncipe de Asturias, celebrada a comezos de setembro.

Á saída de Baiona subimos á Virxe da Rocha, estatua de pedra de grandes dimensións construída por subscrición popular e realizada polo arquitecto galego Antonio Palacios e o escultor Mariano Benlliure. Neste lugar dispoñemos de numerosas grellas e mesas que poden utilizarse para pasar o día. Unha escaleira ascende polo interior da estatua e desemboca no barco que sostén a virxe, un balcón que nos permite contemplar Baiona, a península de Monte Real e as Illas Cíes en todo o seu esplendor. Para os que queiran visitar o Parque Nacional marítimo - terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, non hai que esquecer que Baiona é un dos portos de saída para os barcos que se achegan ás Illas Cíes na tempada alta.

Abandonamos Baiona pola PO-552. Aos poucos quilómetros, sempre co mar á nosa dereita, chegamos ao Cabo Silleiro. Neste contorno existe un miradoiro situado ao pé do faro, a 85 m sobre o nivel do mar. A estrada bordea a costa, pegada ao mar, e as vistas desde este punto son impresionantes.

Ao longo da costa, entre Baiona e A Guarda, a serra arrímase todo o que pode ao Atlántico. Falamos da serra da Groba que acada os 663 m de altitude, coñecida polas súas paisaxes agrestes e por acoller a maior concentración de cabalos de raza galega en liberdade.

A 17,8 km de Baiona chegamos á poboación de Oia, onde á nosa dereita veremos o mosteiro de Santa María. Á altura do mosteiro situámonos no carril da esquerda, pasamos por un pequeno túnel e desembocamos no lateral do mosteiro. A igrexa pódese visitar seguindo as indicacións que aparecen na porta de entrada. Actualmente o mosteiro está en mans privadas, aínda que podería seguir o camiño doutras moitas construcións similares existentes noutros puntos de Galicia e converterse en establecemento hoteleiro.

Despois de Oia partimos cara á vila da Guarda, da que nos separan 17,7 km Continuamos bordeando a costa, o que nos garante unha fermosa paisaxe. Na Guarda visitamos o monte Santa Tegra e paseamos polos paseo marítimo para degustar algúns dos numerosos produtos gastronómicos da zona. Poñemos fin á nosa primeira xornada.

Día 2º

O noso segundo día de ruta discorrerá pola ribeira do Miño ata chegar a Tui.

O Rosal goza dun clima e unhas condicións óptimas para as actividades vitivinícolas. Aos lados da estrada vemos numerosos viñedos, na súa gran maioría de uva albariña. Os viños do Rosal están incluídos dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Nesta localidade podemos visitar tamén a súa igrexa parroquial, aberta en horario de culto.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Ben desde O Calvario, capital do concello do Rosal, ben regresando á PO-552 para desviarse á esquerda, chegamos aos muíños do Folón e do Picón. Este conxunto de 60 muíños en cascada unidos por unha senda homologada de 3,5 km son de grande interese etnográfico, polo que foron declarados Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 98.

Desde aquí volvemos á PO-552 e continuamos o noso percorrido. Chegamos ás parroquias de San Xoán e San Miguel de Tabagón, onde podemos visitar as súas interesantes igrexas. Nas inmediacións de San Miguel, fronte á escola, encóntrase un dos cruceiros máis particulares de toda a zona. Volvendo á PO-552, a uns 500 m á dereita, encóntrase o famoso calvario de Tabagón, situado nun miradoiro que permite deleitarse coa bonita paisaxe do esteiro do río Miño. Na súa base vemos un mapa realizado en cerámica que nos indica a situación de cada poboación, monte e lugar que vemos desde este punto.

Achegámonos ata Goián para visitar a fortaleza do mesmo nome. A poucos metros atópase o embarcadoiro de Goián, desde o que sae o transbordador que une esta localidade con Vilanova de Cerveira, situada na outra beira do río, xa en terras portuguesas.

Despois de percorrer 1,5 km pola PO-552 desviámonos cara a Figueró. Alí visitaremos o santuario de San Campio de Lonxe, denominado así debido ás grandes distancias que percorren a pé os romeiros para chegar a este lugar de culto. Os moitos devotos do santo, protector dos mozos que ingresan no exército, atribúenlle todo tipo de facultades curativas.

Retomamos a PO-552, percorremos 4,7 km e volvémonos desviar para visitar Tomiño, onde merece especial mención a súa igrexa de orixe románica. Desde Tomiño percorremos 12,3 km para chegar a Tui, unha localidade repleta de lugares que coñecer, cousa que faremos na nosa terceira xornada.

Día 3º

Comezaremos o noso percorrido por Tui visitando a catedral e o Museo Catedralicio. Despois baixaremos pola rúa da Misericordia contemplando a capela de San Telmo, patrón de Tui. Continuaremos pola rúa do Corpo Santo para subir polo pasadizo das Monxas e visitar o convento das Encerradas, onde merecen especial atención as reixas das ventás. Non esquezamos que este convento é de clausura, razón pola que só poderemos visitar a igrexa, aberta en horario de culto. Preguntaremos as horas concretas no convento, posto que varían en función dos horarios doutras capelas ou igrexas.

Tamén visitaremos a igrexa do convento de San Domingos. Este templo alberga dous fermosos retablos e serve de escenario para distintas exposicións. Nesta igrexa encóntrase o sepulcro de don Diego de Zúñiga e Sotomaior, bispo de Ourense e Zamora no século XVII.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A pouca distancia de Tui, na saída cara a Vigo, podémonos desviar cara á igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns. Xusto fronte ao templo encóntrase un cruceiro admirablemente tallado. Introduciremos unha moeda no aparato temporizador que acenderá as luces da igrexa uns minutos. Se descendemos por unhas escaleiras accederemos ás escavacións situadas baixo o templo.

A última tarde dedicarémola a gozar do Parque Natural Monte Aloia. Para chegar ao parque sairemos de Tui en dirección á Guarda. A pouca distancia hai un indicador á dereita que nos sinala o camiño. Despois de pasar a primeira aldea encontrámonos xa dentro do parque. O mellor punto para comezar a nosa visita ao parque é o Centro de Interpretación da Natureza - Casa Forestal Enxeñeiro Areses. Está situado no ascenso, á man dereita. Nestas instalacións poderemos recoller guías das distintas rutas de sendeirismo do parque, información sobre especies naturais e todo o necesario para coñecer o valor medioambiental deste lugar. Existe a posibilidade de realizar visitas guiadas. Ademais, este centro serve de lembranza e homenaxe a Rafael Areses, personaxe que dedicou a súa vida á defensa do patrimonio natural galego. Aínda hoxe se conservan no centro obxectos que utilizou nos seus paseos polos montes, como unha navalla e un bastón.

O Parque Natural Monte Aloia dispón das dotacións necesarias para dar a benvida ao visitante: mesas, lugares de lecer, zonas delimitadas para facer lume, etc. Ademais, existe un restaurante ao lado da ermida de San Xulián. Despois de pasar a tarde no parque baixamos a Tui e damos por finalizada a nosa ruta.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba