Conxunto histórico de cascos urbanos declarados como tal. Declarado o 9 de marzo de 1940. Ampliación o 30 de abril de 1976.

Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 4 de decembro de 1985.

Hoxe, cando o viaxeiro, peregrino ou turista, chega a Compostela e alza a vista diante da fachada do Obradoiro, só pode dicir: “Pagou a pena”. Nunca unha frase tan sinxela pode dicir tanto. A cidade de Santiago ofrece un conxunto monumental inigualable. Os seus mosteiros, templos, pazos, rúas antigas e construcións populares típicas, unido ao seu significado espiritual e cultural, merecéronlle a súa inclusión dentro do Patrimonio da Humanidade.

A historia de Santiago comeza o 25 de xullo do ano 813, cando o bispo de Iria, Teodomiro, comproba o descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago nunha aldea, San Fiz de Solovio, que acabaría transformándose na cidade de Compostela. A noticia do descubrimento espállase axiña por toda a cristiandade, ameazada polo perigo das invasións islámicas. Sobre o sepulcro do Apóstolo constrúese unha gran basílica e un continuo fluxo e refluxo de viaxeiros e peregrinos establécese entre Santiago e o resto de Europa. Circula a fe, a cultura, o comercio e a política. Santiago de Compostela e o seu Camiño convértense na “Raíz e o Fundamento de Europa”.

Catro magníficas prazas ábrense diante das catro portas da basílica.

As prazas arredor da Catedral

Praza do Obradoiro...

A principal recibiu o nome de Obradoiro por ter durante case dez anos, de 1738 a 1747, o “obradoiro” onde se labraron as pedras da fachada barroca, que levantou o arquitecto galego Fernando de Casas e Novoa en substitución da primitiva románica. As torres alcanzan unha altura de 74 metros. Ao seu costado consérvase o Pazo de Xelmírez, construído no século XII, ao mesmo tempo ca primitiva catedral románica. A residencia dos cóengos, no lado oposto, alberga na actualidade o Museo Catedralicio.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Outros tres edificios, de diversas épocas e estilos, pechan a praza. O Colexio de San Xerome, fundado polo bispo Fonseca, cunha portada románico-oxival. O Pazo de Raxoi, de estilo neoclásico do XVIII, construíuse para seminario de confesores, residencia de nenos de coro da catedral e casa consistorial da cidade. E o Hospital Real, mandado construír polos Reis Católicos para acoller a peregrinos e enfermos, é un fermoso exemplar de estilo plateresco, pouco frecuente en Galicia, actualmente convertido en Parador de Turismo.

Praza da Acibechería...

A praza da Acibechería é a primeira que encontra o viaxeiro ao entrar en Santiago polo Camiño Francés. Era coñecida como Porta do Paraíso, pero no século XVIII foi substituída pola actual, de estilo neoclásico, recibindo o nome de Acibechería. A arte do acibeche, estreitamente ligada á Peregrinación, floreceu en Santiago desde o século XV. Nesta praza estaban os obradoiros e os postos de venda.

Praza das Praterías...

No lado oposto, a porta do brazo meridional do cruceiro conserva toda a rica iconografía románica da época gloriosa de Compostela. É a porta das Praterías. Ao seu costado álzase a Torre do Reloxo, ou a “Berenguela”, de estilo barroco, como os demais edificios que rodean esta praza, agás o edificio do antigo Banco de España que na actualidade está a ser preparado para acoller o Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Praza da Quintana...

Detrás da catedral esténdese a ampla praza da Quintana. A Porta Santa, que dá a esta praza, ábrese só o Ano Santo Compostelán, cando a festa do Apóstolo, 25 de xullo, coincide en domingo.

 

Ruta do Santiago Románico, Barroco, Romántico e Universitario

Ruta turística

Iniciamos a nosa ruta partindo do Parque de San Domingos de Bonaval, antiga finca e cemiterio dun convento dominico. Ofrece unhas vistas sorprendentes cara a poñente dos teitos da zona monumental. A carón do parque está o Panteón de Galegos Ilustres (cos restos de Rosalía de Castro, Brañas, Asorey, Cabanillas, Fontán e Castelao) e o Museo Etnográfico do Pobo Galego, que alberga unha excepcional escaleira de caracol barroca. Inmediatos a estes edificios aparece o Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Continuamos pola rúa Valle Inclán ata a de San Roque, onde se ergue un antigo Hospital barroco, cunha fermosa portada e coqueto claustro, situado a carón da antiga Porta da Pena, pola que entramos na zona vella. Seguimos a rúa Algalia de Arriba (nela e nas paralelas situábanse a maioría das pensións de estudantes ata ben avanzado o s. XX). Á altura do nº 27 detémonos diante dunha torre gótica (s. XIII) de catro alturas de aire maxestoso que conta con elementos decorativos nalgunha das súas fiestras. Collemos á esquerda a calella dos Truques e tomamos a Algalia de Abaixo, área de animada vida nocturna xunto coas rúas do arredor, onde no nº 29 aparece a casa máis antiga da cidade, do s. XI ou XII, boa mostra da arquitectura medieval con saíntes. Xusto enfronte érguese o pazo barroco de Amarante. Camiñamos pola Compostela máis enxebre: Entremuros, rúa da Oliveira e Praza dos Irmáns Gómez, chegando finalmente á porta da Igrexa de Santo Agostiño, á que lle falta unha torre, derrubada por un raio no s. XVIII.

Ao seu carón está o Mercado de Abastos, de gran colorido e enxebrismo que cómpre visitar, sobre todo se é xoves ou sábado. Nel os campesiños dos arredores da cidade venden os produtos que eles cultivan e elaboran. Ademais, véndese peixe moi fresco e magníficas carnes e froitas. Inmediata aparece a Igrexa de San Fiz de Solovio, con fermosa portada románica, lugar onde vivía o eremita que fixo o descubrimento da tumba do apóstolo. Enfronte érguese o edificio da Universidade Literaria, hoxe Xeografía e Historia. Rodeámolo e desembocamos así na praza de Mazarelos, onde está a única porta que se conserva da antiga Muralla, pola que entraba o viño á urbe. Atravesámola e dirixímonos por Patio de Madres e Castrón Douro ao tradicional barrio de Sar para visitar a Colexiata de Santa María de Sar, Igrexa románica con claustro do s. XIII. No interior sorprenden os muros e piares completamente inclinados que sosteñen as naves, reforzados no exterior por recios contrafortes. Retornamos seguindo as rúas Camiño da Ameixaga e Andújar, abríndosenos amplas panorámicas da cidade histórica, para chegar enseguida ao convento barroco de Belvís e ao parque do mesmo nome, gran espazo aberto a carón do casco nobre e no que mesmo podemos ver hortas cultivadas.

Tomamos a calella da Tafona, que nos deixa na rúa da Virxe da Cerca, moi preto da Porta do Camiño, por onde entraban os peregrinos que chegaban polo Camiño Francés, que continuaba intramuros pola rúa das Casas Reais, cualificativo que adquiriu ao pasar a noite nunha das súas vivendas Xoana “a Tola” e Filipe “o Fermoso” en 1512. Destacan nesta rúa a neoclásica Igrexa das Ánimas e o Pazo de Fondevila (s. XVIII), sede da Obra Social de Caja Madrid. Desembocamos na Praza de Cervantes, na que destacan a Igrexa neoclásica de San Bieito e dous pazos barrocos, un dos cales albergou ao Concello. Tomamos a calella de Xerusalén e saímos á praza de San Martiño Pinario, na que se ergue a magnífica fachada renacentista do mosteiro que lle dá nome, aos pés da cal hai unha excepcional escaleira barroca de dobre entrada. Seguimos pola Rúa da Moeda Vella e chegamos á Praza da Inmaculada, onde está a fachada principal do mosteiro, o máis grande de Galicia, e a fachada norte da Catedral, neoclásica. Dende aquí dirixímonos á Praza da Quintana, na que se atopa a Porta Santa. É un espazo moi sobrio e ao mesmo tempo acolledor. A súa escalinata é o lugar ideal para sentarse a descansar e ollar o animado ambiente urbano.

Entramos na Catedral pola Praza de Praterías, na que destaca a Fonte dos Cabalos e a Portada do s. XII, e no interior topámonos co esplendor románico das súas naves e do deambulatorio. Visitamos a cripta do Apóstolo, abrazamos ao Santo no baldaquino central e achegámonos ás diferentes capelas. Antes de abandonar o templo contemplamos o maxestoso Pórtico da Gloria e descendemos cara á Praza do Obradoiro. É outro espectacular escenario arquitectónico, co Hospital Real (Hostal dos Reis Católicos) plateresco; o Pazo de Raxoi, neoclásico con aires versallescos, compartido polo concello de Santiago e a Xunta de Galicia; o Pazo de San Xerome, con portada do s. XV, sede do reitorado da Universidade; e a propia fachada barroca da catedral, obra de Fernando de Casas, pechándoa.

Deixamos atrás a praza e seguimos polas rúas de Fonseca e Rodrigo de Padrón para achegarnos á Alameda, na que remataremos o noso paseo. Aquí poderemos obter a mellor estampa fotográfica da Catedral e da zona vella dende o Paseo dos Leóns e unha fermosa panorámica do campus universitario (deseñado na década de 1930) dende o miradoiro do Paseo da Ferradura.

 

Arriba