As portas da Muralla

A porta de Santiago

A porta de Santiago xa existía en época romana, e está totalmente modificada. Coñécese desde o século XII como porta do Posticu, Porticu e Postigo. Todos estes nomes están relacionados coa existencia dunha portela encadrada dentro dunha porta máis grande. Mide 4,5 metros de ancho, o alto ata a clave é de 5,50 metros e ata o adarve, de 6,90 metros.

Foi unha porta privada, xa que pertenceu á Igrexa e foi empregada ata 1589 polos cóengos e os seus serventes co fin de acceder ás hortas. Esta porta era a única que permanecía aberta en tempos de peste. Ensanchada en 1759 polo Bispo Izquierdo y Tavira para facilitar a entrada de carruaxes, está formada por arcos e paramentos de perpiaños de granito. Os cubos que a flanquean teñen asentos de pedra na súa parte interior, no adarve, para descanso dos paseantes. Durante esta reforma é decorada polo interior, ao ser considerada como unha porta de saída. Ten un fornelo no que se colocou unha imaxe de Santiago Matamouros, e na parte inferior o escudo de armas do Bispo Izquierdo.

Cando se accede ao recinto histórico por esta porta, o viaxeiro atópase coa maxestosa Catedral de Santa María. Tras a súa visita, poderá comezar o paseo polo adarve da Muralla a través da rampla que sobe a ela, único acceso apto para persoas con mobilidade reducida.

Porta do Bispo Aguirre

É a cuarta porta aberta no século XIX (ano 1894). A súa apertura débese ao desexo de facilitar a comunicación co novo seminario, construído por orde do Bispo Aguirre, e co antigo cemiterio. Ao abrir a porta derrubáronse dous cubos da Muralla e apareceron lápidas romanas.

Situada nunha ladeira, mide 10 metros de ancho, a altura ata a clave é de 8,15 metros e ata o adarve, de 9 metros. Ao atravesala, veremos unhas pequenas portas que dan a dúas habitacións que servían de fielatos, e unha placa conmemorativa do bispo constructor do Seminario.

Porta do Campo Castelo

Con motivo da inauguración do novo cárcere en 1887, fíxose necesaria a apertura desta nova porta para facilitar o cambio de garda e o acceso ao xulgado. Tamén coñecida como Porta do Cárcere, foi a terceira porta que se abriu durante o século XIX. Mide 4,32 metros de ancho, a altura ata a clave é de 7,15 metros e ata o adarve, de 8,10 metros. Esta porta substitúe unhas escaleiras de acceso, o que condicionou as súas dimensións. Houbo que derrubar estas escaleiras -seguramente romanas- e o cubo no que estaban aloxadas, así como unha pequenísima parte do Reduto Cristina.

Para a súa construción aproveitouse a pedra do derribamento, e o sobrante empregouse na construción de sumidoiros nos arredores da Porta de San Fernando, e para encher a diferenza de nivel existente entre a ronda exterior da Muralla e a que hoxe é a praza do Campo Castelo. Atravesando a porta atopamos a praza de Campo Castelo, onde hai unhas escaleiras de acceso á Muralla.

Porta de San Pedro

Crese que esta porta xa existía en época romana. Durante a Baixa Idade Media aparece nas fontes escritas como Sancti Petri. Tamén en época medieval é coñecida coma Porta Toletana ou Porta Toledana ao estar situada ao final do camiño procedente de Castela, empregado sobre todo por mercadores toledanos que comerciaban na cidade. Situada nunha vagada, mide 3,70 metros de ancho, e uns 4,85 metros de altura ata a clave e 10,80 metros ata o adarve.

Antes da súa modificación efectuada en 1781, estaba alintelada con trabes de madeira á altura dos postigos. Tras esa reforma, tiña un corpo de garda cunha estrutura semellante á da Porta Miñá, reconvertido en capela, e que sería derrubada en 1846. A decoración atópase no exterior da porta, por ser fundamentalmente unha porta de entrada. Deste xeito, hoxe en día aínda se ve un frontón triangular co escudo da cidade, rematado coa coroa real, flanqueado por dous leóns rampantes, e apoiado sobre un querubín e unha cartela oval coa inscrición do ano de reconstrución da porta, 1781.

Esta porta foi e segue sendo a entrada á cidade para os milleiros de peregrinos que se desprazaban ata Compostela na Idade Media a través do Camiño Primitivo. Por aquí tamén se sae ao Camiño Real de Castela cara a Astorga. Atravesando a porta, a primeira canella á dereita sitúanos na praza do Cantiño, onde atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.

Porta da Estación

A chamada Porta da Estación abriuse en 1875 a petición dalgúns veciños como consecuencia da necesidade de comunicar a cidade coas vías do ferrocarril. Un ano despois ampliouse (derrubáronse os cubos entre os que se abrira), e en 1921 ampliaríase aínda máis, nunha obra que supuxo a derruba da primeira porta e a construción da actual. A escaseza de elementos ornamentais responde á precaria situación económica, debido ás deficiencias orzamentarias provocadas pola primeira Guerra Mundial.

Porta proxectada por Nemesio Cobreros en 1875 e derrubada en 1921. As dúas habitacións incrustadas nos seus muros serviron para a recadación do imposto de consumos, un dos máis gravosos e inxustos coas clases menos favorecidas, ao gravar produtos de primeira necesidade, durante o século XIX e parte do século XX. A súa anchura é de 10 metros, a súa altura ata a clave de 8 metros, e ata o adarve de 9 metros. Atravesando a porta, atoparemos á dereita unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.

Porta Falsa

Esta é unha das antigas portas romanas da Muralla, aínda que moi modificada. Responde ao tipo de portas que os romanos chamaban posterulae, de uso exclusivamente militar, que se abrían asimetricamente no lenzo existente entre dúas torres. A saída era unha trincheira escavada no terreo. Pechada seguramente durante a Idade Media, abriuse no século XVII ao se instalar na actual praza de Ferrol o Hospital de San Bertomeu, antes situado na praza Maior. Por esta porta entraban e saían os correos (durante moitos anos foi a máis próxima ao camiño da Coruña, sede da Capitanía Xeral e da Audiencia).

Xa no século XX péchase ao tráfico e dótase dun acceso con escaleiras. Situada nunha ladeira, o ancho é de 3,45 metros, o alto ata a clave é de 5,65 metros e ata o adarve, de 11,50 metros. Atravesando a porta, á esquerda atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.

Porta de San Fernando

A actualmente denominada Porta de San Fernando foi a primeira das portas modernas. Abriuse en 1854 no lugar onde estaba o chamado "boquete", por onde entraba na cidade o acueducto de orixe romana. En 1858, con motivo da visita de Isabel II e os seus fillos, déuselle o nome de Porta do Príncipe Alfonso, en honra do futuro Alfonso XII, que era daquela un neno de menos dun ano. En 1962 refórmase, debido a toda a poboación que se instala no norte da cidade e a dificultade do tráfico, e decídese ensanchar a porta. De paso, aproveitouse a súa construción para derrubar os edificios arrimados á Muralla na súa parte exterior, que serían eliminados totalmente catorce anos despois.

Na actualidade, un monólito á beira desta porta lembra outra visita real, a que fixeron en 1976 os actuais Reis de España, Xoán Carlos I e Sofía. Atravesando a porta e mirando ao centro da cidade, pódese ver a igrexa de San Froilán, patrón de Lugo.

Porta Nova

Existente en época romana, era a saída da cidade cara a Brigantium (Betanzos). Ata a construción en 1854 da Porta de San Fernando foi a principal vía de comunicación da parte norte da cidade. Na época medieval refíxose e é mencionada na documentación do século XII coma Porta Nova. O corpo de garda que albergaba a porta medieval era semellante ao da Porta Miñá é, o mesmo ca este, foi utilizado como capela, dedicada a Santa Mariña e á Virxe dos Remedios. Esta capela foi eliminada no ano 1785 a petición do párroco da Igrexa de San Pedro, debido á continua profanación dos recintos.

A porta actual data do ano 1900, dado que a anterior estaba en estado ruinoso e ameazaba a seguridade dos viandantes. Para a construción desta porta nova houbo de derrubarse un cubo da Muralla. Situada nunha ladeira, mide 4,60 metros de ancho, a altura ata a clave é de 8 metros e o alto ata o adarve mide 8,95 metros. Neste punto desde o adarve da Muralla contémplase unha típica estampa da cidade coas torres da Catedral ao fondo. Atravesando a porta, á dereita atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.

Porta do Bispo Odoario

O oco abriuse en 1921, con motivo da colocación da primeira pedra do Hospital de Santa María. O alcalde Ángel López Pérez ordenou dinamitar a Muralla para abrir a porta, pero fíxoo sen permiso. Cinco veciños denunciaron o feito, o que deu lugar a un contencioso fallado contra o Concello.

Este feito provocou que o 16 de abril dese ano o Estado declarase Monumento Nacional a Muralla de Lugo, co fin de dotala de máis protección. A nova porta remataríase finalmente en 1928. Mide 12 metros de ancho, a altura ata a clave é de 9,10 metros e ata o adarve, 10 metros.

Porta Miñá ou do Carme

É a porta de orixe romana que se conserva con menos modificacións. Coñecida popularmente na actualidade como Porta do Carme por estar situada fronte a capela deste nome, aparece na documentación medieval como Minei ou Mineana, por ser a saída natural cara ao río Miño, nome que derivou no actual de Porta Miñá.

Seguindo os canons de Vitrubio neste tipo de fortificacións, está formada por un arco de medio punto e bóveda de canón, e protexida por dúas sólidas torres de perpiaños de granito. Conserva no seu interior o oco destinado ao corpo de garda, aínda que un pouco alterado; este oco empregouse ata o século XIX como capela. Sometida a un proceso de consolidación en 1854, tentouse o seu derribamento para substituíla por outra nova en 1870, pero a situación económica municipal non permitiu realizar a obra.

Situada nunha vagada, o aparello é de perpiaños de lousa e ten 3,65 metros de ancho. Atravesando a porta, atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla. O Camiño Primitivo a Santiago deixa atrás a cidade ao saír por esta porta.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba