Conxunto histórico de cascos urbanos declarados como tal. Declarado o 22 de febreiro de 1973.

Pisar e sentir os propios pasos sobre un monumento da época romana é inevitable en Lugo. É obrigado facer o percorrido sobre as Murallas da cidade bimilenaria. Datadas no século III da nosa era, conforman un cinto de 2.200 metros perimetrais, con máis de 70 cubos, a un altura media de dez metros dende a que espreitar a vida dos dous lados do muro. Para evitar no posible esta separación, que en moitos outros lugares acarreou o seu derrube, ás insuficientes catro portas orixinais fóronse engandindo sucesivas entradas ata as dez coas que contan na actualidade as murallas, protexidas e declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Existen outras mostras da época fundacional romana como son as Termas que se poden visitar no balneario situado na ribeira do Miño; ou un pouco máis arredado, o Conxunto arqueolóxico de Santa Eulalia de Bóveda, pequeno edificio semisoterrado cunha decoración pictórica pouco corrente.

Os principais monumentos están no recinto intramuros. En primeiro lugar, cómpre mencionarmos a Catedral. Os elementos de interese principal están na Porta Norte, pola cal a tradición indica que entraban os peregrinos do Camiño de Santiago, e as Capelas barrocas de San Froilán, patrón da cidade, e da Virxe dos Ollos Grandes. Ademais non debe faltar unha observación atenta do altar maior, onde por un estraño privilexio na cristiandade, está en exposición permanente o Santísimo Sacramento. O edificio situado enfrente da catedral, nun plano máis elevado, é o Pazo Episcopal.

O Museo Provincial que contén os achados da cidade máis antiga de Galicia sitúase no antigo Convento de San Francisco. Expón entre outros fondos, luxosos mosaicos recuperados do esquecemento no sotos da cidade.

A Praza Maior é un dos centros do vivir urbano, presidida polo chamativo Palacio Municipal, pero tamén conta con outros edificios importantes como o Círculo das Artes. A praza é daquela un bo lugar dende onde decidir entrar ou saír cantas veces se desexe do animado entramado de rúas e prazas da zona vella, algunhas con acolledores soportais, entre as que destaca a Praza do Campo.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!