Continuamos a nosa peregrinaxe polos “10 lugares únicos de Galicia” cara ao norte, ata a Serra da Capelada, onde se atopan uns dos acantilados máis altos de Europa.

O seu pico máis alto é o de Vixía Herbeira, a 620 metros sobre o nivel do mar. Dende alí, poderedes apreciar toda a grandiosidade e magnitude destes acantilados, os máis altos por detrás dos fiordos noruegueses, pois á súa elevada altitude súmase unha pendente de máis do 80 %.

As vistas son impresionantes dende alí: unha marabillosa panorámica do poderoso océano Atlántico e da agreste costa nas proximidades de Santo André son, sen dúbida ningunha, unhas das máis excepcionais de toda a costa europea.

E, falando de Santo André, non deixedes pasar a oportunidade de achegarvos ata o santuario que se atopa no camiño de ascenso ata a Serra da Capelada. Trátase dun dos máis venerados de Galicia ao que, como di o dito, “vai de morto quen non foi de vivo”. Se queredes cumprir coa tradición, depositade unha pedra nos “milladoiros” (montonciños de pedras) que hai no camiño como proba da vosa visita. E, se o que queredes é buscar parella, facédevos coa herba de namorar, nunca se sabe…

Unha vez na Serra da Capelada, continuade o voso camiño e aproveitade para visitar o Cabo Ortegal co seu faro, onde quedaredes abraiados coa forza do mar batendo contra os “Aguillóns”, rochas punzantes que emerxen do mar nas que as ondas rompen con toda a súa forza. A vosa experiencia verase reforzada se vos coincide chegar con temporal, pois daquela veredes a bravura do mar en todo o seu esplendor, unha sensación de poder que xamais esqueceredes. Unha vez alí, respirade profundo e sentide a inmensidade da terra, a forza do vento e a paz que transmite este lugar.

Se baixades ata Cariño e as forzas vos fraquean, non esquezades que podedes degustar un saboroso “guiso de raia” ou un “revolto de ourizos e algas”, produtos típicos da gastronomía local que vos inundarán co sabor do salitre.

Interésache...
- Romaría de Santo André de Teixido: A romaría principal ten lugar o 8 de setembro aínda que, ao longo do ano, celébranse outras menos concorridas (venres, sábado e domingo de Pentecostés ou 24 de xuño).

Sen dúbida ningunha, a fin desta viaxe estará marcada polo zoar do vento, o salitre na pel e o pelo enredado pero, sobre todo, pola sensación de que estivestes nun lugar de paisaxes únicas, case inalcanzables, ou máis ben… inesquecibles.

Arriba
Axúdanos a mellorar!