Ruta circular arredor do Centro de Interpretación da Castaña, antiga casa reitoral de Trasestrada.
A ruta comeza no Centro de Interpretación da Castaña no lugar da Eirexa (Trasestrada), antiga casa reitoral rehabilitada e punto de información do centro BTT, que alén disto alberga unha completa exposición sobre a castaña, protagonista da gastronomía na zona, da actividade económica do concello e da paisaxe deste percorrido. Nada máis comezar o itinerario encóntrase a igrexa parroquial de Santo Estevo, a partir de aquí a ruta alterna tramos de estrada comarcal e pistas forestais que se dirixen cara a San Cristovo, para continuar ata Riós por un camiño entre campos de cultivo e soutos. Unha vez en Riós, capital municipal, pódese visitar a igrexa parroquial de Santa María, de estilo barroco. Desde o centro de Riós, e compartindo un tramo da ruta 2, “Ruta de Valmedo” continúase en dirección norte por unha pista de terra que se dirixe cara ás Vendas da Barreira, onde se pode facer un alto no camiño para coñecer a capela de San Mauro e a pía bautismal situada no exterior do edificio. Unha vez deixado atrás este núcleo, a ruta transita durante uns quilómetros polo Camiño de Santiago do Sueste (Vía da Prata), ata que se separa deste no lugar coñecido como bosque das Mallas para continuar cara a Domiz e finalmente regresar ao punto de inicio da ruta.