Se queremos gozar da observación de aves rapaces e paxaros típicos de contornas mediterráneas, esta zona ao sueste da Ribeira Sacra é un excelente destino. Visitaremos os estreitos vales de dous afluentes do Sil: o río Navea, que parte dos montes do Invernadeiro, e o río Bibei, que nace en Sanabria (Zamora) aínda que case todo o seu percorrido discorre pola comarca de Viana. Buscaremos rochedos e matogueira e, cun pouco de sorte, habemos encontrar algunhas xoias da ornitoloxía galega.

Os vales das aguias

A contorna está formada por un conxunto de serras e vales con poboación dispersa, cubertos en gran parte por uces, toxos e masas de pinos mesturados con árbores de folla caduca. No fondo dos vales máis crebados a vexetación mediterránea e os penedais permiten o establecemento de aves raras noutras partes de Galicia, aquelas ás que chamaremos "mediterráneas típicas". Os vales do Bibei e do Navea conservan algúns dos restos de bosque caducifolio, sobre todo os cerqueirais e soutos, pero tamén bidueiros e pradairos de Montpellier. Nas alturas da cabeceira do Bibei pódense encontrar zonas con vexetación máis rasa e penedías tamén interesantes para as aves.

Os roteiros

Roteiro en coche: A Pobra de Trives - A Pobra de Trives

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

67 Km

DURACIÓN

3-4 horas en coche

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río

PERCORRIDO

A Pobra de Trives - Val do Navea (por Chandrexa de Queixa) - A Pobra de Trives

Puntos clave da ruta:

  1. Despois de saír da localidade da Pobra de Trives (1), partimos en dirección a Chandrexa de Queixa, bordeando o encoro (2), para observar bufos pequenos e picafollas ibéricos.
  2. Continuamos na estrada por Acevedo, Rabal e Drados (3), anotando no verán tartaraña cincenta e no inverno gatafornela, lagarteiro común e mesmo aguia real.
  3. No encoro podemos observar algunha acuática interesante como o mergullón cristado.

Roteiro en coche, a pé ou en bici: Parte baixa do Bibei - Larouco

MELLOR ÉPOCA

Primavera (de abril a principios de xullo)

DISTANCIA

26 Km

DURACIÓN

2-3 horas en coche, 6-7 horas a pé e 3-4 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Pobra de Trives, Larouco, Manzaneda, Quiroga,

PERCORRIDO

Parte baixa do Bibei - Larouco e volta (O Larouco)

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Trives achegámonos ao río Bibei (1). Alí anotaremos picafollas de bonelli e ouriolo.
  2. A continuación subimos ata Larouco por un itinerario que nos permite gozar de boas vistas sobre o val do Bibei (2). Durante o percorrido cómpre tamén estar atentos á aparición de rapaces como a aguia cobreira ou o raro voitre branco, e a paxaros como o rabirrubio de testa branca.

Roteiro a pé ou en bici: As Médulas de Caldesiños - Caldesiños (Viana do Bolo)

MELLOR ÉPOCA

Primavera e remate do verán

DISTANCIA

26 Km

DURACIÓN

2-3 horas a pé (ida e volta) e 1-2 horas en bicicleta (ida e volta)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Viana do Bolo

PERCORRIDO

As Médulas de Caldesiños - Caldesiños (Viana do Bolo)

Puntos clave da ruta:

Trátase dun itinerario breve pola contorna das coñecidas como As Médulas de Caldesiños, lugar moi apropiado para gozar de moitas especies de aves. Localizaremos varias especies de sílvidos, rabirrubio de testa branca e, con sorte, escribentas hortelás e pardais das rochas. Nos soutos (1) é frecuente o peto formigueiro e tamén é posible observar o peto pequeno.

Roteiro a pé ou en bici: As Ermidas - Viñedos de Soutipedre (O Bolo e Manzaneda)

MELLOR ÉPOCA

Sobre todo en primavera

DISTANCIA

9 Km

DURACIÓN

3-4 horas a pé (ida e volta) e 2-3 horas en bicicleta (ida e volta)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Manzaneda, O Bolo

PERCORRIDO

As Ermidas - Viñedos de Soutipedre (O Bolo e Manzaneda)

Puntos clave da ruta:

Partimos das Ermidas, onde cruzamos o río Bibei (1) en dirección a Soutipedre. Antes de chegar a esta aldea desviámonos por unha pista á dereita en dirección ao río, ata unha área de viñas en socalcos (2). Podemos observar rapaces como a aguia cobreira, o miñato abelleiro e outras aves como as papuxas carrasqueiras, ademais do merlo azul.

As aves

Entre as especies destacadas do fondo dos vales máis cálidos están o moucho de orellas, o merlo azul e a papuxa tomiñeira. Nas zonas boscosas máis mestas encontramos petos pequenos, rabirrubio de testa branca, picafollas de Bonelli e gabeadores azuis, mentres que nas zonas de arboredo raro podemos observar, na primavera, miñatos abelleiros, aguias calzadas, e picanzos reais. Nas alturas voan aguias reais, gatafornelas, tartarañas cincentas e tamén é posible avistar voitres leonados.

Consellos e recursos
  • Nas áreas de montaña é importante internarse coas debidas precaucións. Durante a primavera e o verán a insolación é moi forte, polo que cómpre levar auga e protección para o sol.

  • Os soutos, particularmente en primavera, acubillan un gran número de paseriformes forestais de grande interese, que son especialmente detectables pola mañá.

Arriba