Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

Circular de Camariñas... camiños da Costa da Morte
Entre Cabo Vilano e Tosto,
entre Arou e Camariñas.
Hai chuvias das sete cores
e mirei ao lume do mar cravarse nos ollos do raposo.
O Cemiterio dos Ingleses,  Manuel Rivas

A mítica Costa da Morte recolle toda a forza do océano Atlántico dándolle diversas formas e matices. A forza do vento, o cheiro do mar e o verde dos montes concentrados nun percorrido que condensa a esencia dunha das costas máis perigosas do mundo. A ruta circular con comezo e final en Camariñas achega ao viaxeiro a pobos costeiros, a paisaxes litorais, dunas, cabos e areais, reflexo de historias de mariñeiros, temporais e fareiros.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Vila de Camariñas
Camarina

Camariñas é mar, e o mar son historias de esforzo, naufraxios e xentes firmes que conviven cun medio fermoso pero perigoso. A súa presenza é o eixo deste percorrido, pero o mar e a auga tamén son historias na terra.

Como vila mariñeira, Camariñas recóllese no interior da súa pequena ría, na procura de acougo ante os insistentes ventos da zona. O moderno porto contrasta coas antigas construcións mariñeiras que manteñen o carácter tradicional da vila. Resulta moi recomendable admirar o encaixe de Camariñas, froito do traballo das palilleiras, auténticas artesás que preservan este inmenso legado cultural.

De Camariñas a Ponte do Porto
Aleman

O tránsito ata Ponte do Porto permite bordear a enseada da Basa na procura do esteiro do río Grande, para tomar axiña o desvío dirección Camelle.

Camelle e Arou, Arou e Camelle… son os reversos dunha mesma moeda. Vilas moi próximas entre si, manteñen unha estreitísima relación co mar, ata o punto de que non se poden en- tender sen el. As cores vivas das vivendas lembran os tempos no que a pintura sobrante dos barcos protexía as fachadas da invernía entre os brancos areais.

Enseada do Trece

O camiño de terra vainos achegando á Enseada do Trece, que se abre cara ao mar recibindo toda a forza do océano. O vento impulsa a fina area da praia creando unha duna remontante, auténtica parede de area que ascende pola ladeira do monte do Veo e sobrepasa o seu cumio.

No outro extremo, o cemiterio dos Ingleses aséntase na zona chaira e lémbranos a dureza deste litoral.

Da Enseada do Trece a Cabo Vilán

O tránsito ata Vilán, coa compaña das vistas ao horizonte, transcorre paseniño a carón dos cantís e os rochedos entre os que se agocha un vello foxo do lobo onde se lle daba captura a esta especie.

Os perigos desta costa levaron á construción dun novo faro en cabo Vilán, o primeiro electrificado de España (1896). Impoñente, érguese dende o rochedo acadando os 130 metros de altitude, e configurando unha das imaxes máis representativas da costa galega, nun marco incomparable para gozar de espectaculares solpores. O faro de cabo Vilán é tamén sede do Centro de Interpretación dos Naufraxios, Faros e Sinais Marítimas.

Retorno a Camariñas

O retorno a Camariñas transcorre preto da ermida da Nosa Señora do Monte que, dende un outeiro, protexe o tránsito de barcos e mariñeiros.

Non te podes perder

O Cemiterio dos Ingleses

O buque HMS Serpent pertencente á Mariña Británica naufragou nestas costas no 1890. Contaba cunha tripulación de 175 membros e só tres deles puideron salvar a vida. Os demais descansan a carón do mar que lles quitou a vida.

Un forte temporal levou ao afundimento do acoirazado na noite do 10 de novembro de 1890, no seu tránsito entre Plymouth e Serra Leona. O mar de fondo provocou que o buque batese nas rochas da Punta do Boi con tráxicas consecuencias, nun punto hoxe coñecido como Baixos do Serpent.

Os 172 corpos foron soterrados a carón do lugar do naufraxio, no mesmo espazo onde xa recibiran sepultura 28 tripulantes do Iris Hull, outro barco afundido na Punta do Boi no 1883.

O Cemiterio dos Ingleses é unha sinxela construción en pedra, dividida en dúas zonas, unha interior reservada para os oficiais e outra máis ampla para o resto da tripulación. Pola súa singularidade e relevancia histórica este camposanto foi incluído na Ruta Europea de Cemiterios Singulares. En agradecemento ás xentes da zona pola axuda prestada, a Mariña Británica enviou diversos obsequios, entre eles o coñecido como Barómetro do Serpent, que a día de hoxe pode verse na fachada dunha vivenda do porto de Camariñas.

Arriba