Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

Do faro de Corrubedo ao monte Enxa... dunas de Corrubedo, areais de Porto do Son
O faro de Corrubedo
co seu ollo largasío,
ai amor, púxome medo
Triadas no mar e na noite,  Fermín Bouza Brey

A contorna de Corrubedo, famosa pola súa duna singular, ten moito que ofrecer. Costa bravía, pasa por ser un dos tramos litorais mellor conservados de Galicia con extensos areais, sistemas dunares e montes próximos dende os que contemplar quilómetros de beleza atlántica en estado puro.

Descarga a ruta
Cabo e faro de Corrubedo

O cabo Corrubedo é unha formación rochosa plana que pecha ao norte a enseada do mesmo nome. Tramo de costa próximo ás tranquilas Rías Baixas pero de fero mar aberto, mira á amplitude do océano por un lado e á pedregosa serra do Barbanza polo outro.

O faro de Corrubedo resiste os envites do vento mareiro sen protección, a ras de chan. Torre cilíndrica de cachotaría, a súa cúpula branca confúndese de lonxe coa escuma dalgunha gran onda recén chegada. Rodeado por illotes e rochedos, os baixos desta costa son perigosos e fan imprescindible a presenza do faro que ás veces, nas noites de néboa, era confundido co da illa de Sálvora.

Cara a vila de Corrubedo

Partindo do faro, unha longa recta sorprende por infrecuente na costa galega. Cara ao norte a agreste praia de Balieiros ou Furna dos Portiños, convida aos deportes que precisen de vento. Na zona as praias son furnas, “grandes cavidades naturais abertas nas rochas, producidas pola acción do mar”, testemuño evidente do violento ímpeto das ondas neste litoral.

Corrubedo é unha vila tranquila, morna no verán e ventosa no inverno. A súa enseada non chega a ser ría, pero protexe suficientemente ás embarcacións no rebuldeiro peirao. As casiñas chegan á area ou a area ás casiñas, segundo se mire. Recomendable é perderse polo labirinto de calellas. Dende o porto, un gran manto branco xorde na media distancia: a gran duna de Corrubedo.

De Corrubedo ao monte Tahume
Duna

O itinerario que propoñemos pasa a rentes do Parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, espazo que merece unha sosegada e respectuosa visita pola súa extrema sensibilidade ambiental.

Unha intersección conduce cara a Santa Clara de Novás, dende onde nos achegaremos ao monte Tahume, un dos grandes miradoiros panorámicos da costa galega.

Do monte Tahume a Xuño

De volta ao itinerario, o Centro de Interpretación das Lagoas de San Pedro e Xuño ofrece un lugar no que coñecer os fenómenos intermareais. Neste punto, a costa xa é unha praia continua que vai mudando de nome: Areas Longas, Xuño, Furnas

A incorporación a unha nova estrada en Xuño, introdúcenos nunha zona de maior densidade de ocupación e parcelario fragmentado entre Caamaño e Tarela. As vistas cara ao mar presentan ao lonxe o monte Louro; volverémolo a ver.

De Xuño a Porto do Son
Barona

Baroña é unha parada obrigada. A visita ao castro permite contemplar un asentamento costeiro datado entre os séculos I a.C. e I d.C. localizado nun pequeno istmo sobre a praia de Arealonga.

Á altura da praia da Arnela a estrada parece mesturarse co mesmo mar. O monte Louro aparece no horizonte coa súa impoñente estampa, que se repetirá en cada reviravolta da estrada.

Subida ao monte Enxa

Antes de entrar na vila de Porto do Son, un desvío condúcenos cara ao punto final do percorrido: o monte Enxa (539 m). Extraordinario miradoiro natural que nos ofrecerá amplas vistas sobre a ría de Muros e Noia, co peche cara ao norte do monte Louro, de morfoloxía inconfundible.

Dende o monte Enxa pódese realizar unha boa análise dos diversos usos do solo: rochedo e matogueira na contorna inmediata; gandeiro e forestal na media distancia; a urbanización da franxa litoral do interior da ría… Pero sobre todo, permite a contemplación dun tramo fascinante da costa galega, entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia.

Non te podes perder

Monte Tahume

O monte Tahume é un miradoiro natural privilexiado, localizado no sector final da serra do Barbanza, e que mantén similitude formal con outros altos da serra en canto a formas e texturas.

Os seus 227 metros de altitude permiten albiscar a liña de costa de modo ininterrompido dende as Rías Baixas até a Costa da Morte. No primeiro termo, unha visión integral do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, unha fermosa perspectiva do cabo e do faro de Corrubedo e as illas de Sálvora e Ons, esta xa na ría de Pontevedra.

A pista asfaltada permite o ascenso até a cima do monte, con espazo de aparcamento a carón dunhas antenas de comunicacións. Os sendeiros da parte alta do rochedo dan acceso a unha cruz que se sitúa no punto superior e dende a cal a vista é espléndida. A amplitude de vistas permite unha observación panorámica dende calquera punto do ascenso.

Arriba