Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

Do monte Cepudo ao monte Aloia... de Vigo a Tui pola serra do Galiñeiro
Somos auga, e a auga pode có máis duro.
Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola.
Manuel Rivas (en referencia a la sierra de O Galiñeiro)

Na contorna da ría de Vigo, diversos miradoiros naturais ofrecen excelentes vistas panorámicas do litoral e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Bordeando a ría, o monte Cepudo é o punto de inicio dun percorrido na procura do Parque natural Monte Aloia a través da sorprendente serra do Galiñeiro, que conecta as Rías Baixas co Baixo Miño.

Descarga a ruta
Vigo e a súa ría

A ría de Vigo, a pesar da súa concentración de poboación e desenvolvemento urbanístico ofrece boas estampas costeiras. A maior cidade de Galicia está rodeada por un cinto verde de montes e serras que convidan ao paseo e á observación da paisaxe.

Xunto ao próximo monte Alba (503 m), o monte Cepudo (527 m) é o punto de partida deste itinerario que presume de ter as mellores vistas da cidade. Dende este emprazamento divísase gran parte da urbe e un amplo treito da costa sur de Galicia, incluíndo as diferentes bocanas das Rías Baixas.

Cepudo e Alba forman parte dun gran parque forestal, equipado con diversos servizos para os días de lecer. A ermida da Nosa Señora da Alba protexe espiritualmente a ría dende a cima do monte, atraendo a ollada de quen contemple estas paisaxes.

De Vigo á Serra do Galiñeiro

Deixando atrás terras viguesas, o percorrido entra no concello de Nigrán. Chandebrito recíbenos co seu castro e coa igrexa do século XVIII.

De carácter tranquilo e rural, contrasta coas zonas máis costeiras desta comarca do Val Miñor, densamente poboadas. Logo de pasar por Vincios, antes de cruzar por enriba da autoestrada, un desvío á dereita introdúcenos xa na serra do Galiñeiro.

Serra do Galiñeiro
Galineiro

Trátase dunha cadea montañosa que se estende polos concellos de Vigo, Gondomar, O Porriño e Tui até chegar ao monte Aloia, Parque natural que se asenta no sector sueste da serra.

O tránsito polo Galiñeiro transcorre maioritariamente entre tranquilos piñeirais que, de cando en vez, permiten observar os cumios rochosos da serra, incluíndo o monte Galiñeiro, pico máis elevado que acada 705 metros pese á proximidade ao litoral.

Da Serra do Galiñeiro ao Monte Aloia
Xeomorfoloxia

Tras diversos desvíos e unha vez superada a aldea de Prado, transitaremos polo monte Aloia, que foi o primeiro espazo de Galicia declarado como Parque Natural, no ano 1979. Actualmente, é o máis pequeno en superficie dos seis parques naturais galegos.

Nas súas, aproximadamente, 750 hectáreas, as favorables condicións climáticas, de mornas temperaturas e con abundante presenza de auga, permiten a convivencia de especies autóctonas (castiñeiros, freixos ou salgueiros) e unha curiosa variedade doutras exóticas (abetos, cipreses ou cedros) resultado da repoboación dos anos 20 dirixida polos enxeñeiros Daniel de la Sota e Rafael Areses. Este último dálle nome ao Centro de Visitantes, a Casa do Enxeñeiro Areses, edificación do 1921 de arquitectura singular dende a que parte unha interesante senda botánica con diversos paneis interpretativos.

Monte Aloia

Dende o alto da Cruz de San Xiao (664 m) as abondosas vistas permiten interpretar as paisaxes do Baixo Miño, dos vales fluviais dos ríos Louro e Miño, co gran río galego facendo de fronteira natural e administrativa con Portugal e chegando ao mar á altura do monte de Santa Trega, que se pode divisar ao lonxe.

O monte Aloia é tamén lugar de relevancia patrimonial, material e inmaterial. A ermida de San Xiao e San Fins érguese dende o século XVI sobre os restos dun castro. No Alto dos Cubos, os restos castrexos dan paso a unha longa muralla de varios quilómetros e constituída a base de grandes bloques de cachotería sen argamasa, denominada Muralla Ciclópea do Aloia, cuxa función segue a ser unha incógnita.

Os misterios en relación ao monte Aloia levaron a pensar nel como localización do mítico monte Medulio, no que as tribos galaicas preferiron o suicidio á dominación romana. A visita nun día de néboa, reforzará a misticidade do lugar, trasladando o visitante a épocas pretéritas.

Non te podes perder

Castro de Chandebrito

O monte do Castro define a contorna da aldea de Chandebrito. Cos seus 359 metros de altitude, constitúe unha perfecta atalaia de fortes pendentes. Un emprazamento defensivo que permite un amplo dominio visual da ría de Vigo e dun gran tramo da costa de Nigrán e Baiona.

Ocupado entre os séculos V a.C e II d.C., a súa localización estratéxica é acompañada por unha muralla na vertente norte, a máis desprotexida pola orografía. A localización era meticulosamente escollida para establecer os asentamentos da cultura castrexa.

A disposición remite aos castros de montaña, cunha organización en terrazas pouco habitual nas comarcas costeiras. O espazo interior estruturábase para funcións concretas, contando cunha zona con numerosas covas rochosas que foron utilizadas como acrópole, tal e como testemuñan os restos arqueolóxicos atopados.

Nas proximidades, a presenza de muíños e canles e unha extensa rede de camiños practicables para o sendeirismo completan un conxunto de alto interese histórico, natural e etnográfico.

Arriba