Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

Do cabo Udra ao cabo Home...
polos cabos de O Morrazo
Presentádeme un outro Deucalión
para invadir o mar tal Cabo Home
cunha nave de pedra, a illas remotas.
No misterio de Nerga-Cabo Home,  Benardino Graña

A ruta entre cabos conecta os espazos naturais do extremo sur da ría de Pontevedra cos do extremo norte da ría de Vigo. O percorrido pola fachada continental atlántica da península do Morrazo non perde de vista o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Entre medias un fantástico itinerario costeiro que inclúe a ría de Aldán e condensa os valores representativos das Rías Baixas: natureza, bo clima e praias.

Descarga a ruta
Cabo Udra

O cabo Udra (Bueu) é un es pazo natural localizado no extremo sur da ría de Pontevedra, compartindo a entrada coa ría de Aldán e fronte á Illa de Ons. Polos seus valores naturais foi declarado Zona Especial de Conservación e forma parte da Rede Natura 2000, contando cunha Aula da Natureza.

Paisaxe costeira de rochedos, cantís e mato, ten relevancia tamén polo seu hábitat submarino. No alto conserva restos dun castro e, bordeando o cabo, existen recomendables praias e calas.

De cabo Udra a Aldán
Frendoal

Partindo dese punto, o itinerario transcorre por zonas poboadas, na típica imaxe das Rías Baixas como lugar residencial. Entre plantacións forestais, chégase a Aldán (Cangas), terra de mariñeiros e padexeiros.

Aldán é unha pequena ría, que pasa desapercibida entre as de Pontevedra e Vigo. Mar produtivo, destaca polo mexillón e polas súas pequenas praias de augas transparentes.

De Aldán á Costa da Vela

O Hío ten como centro a súa igrexa co espectacular cruceiro que lle da sona. Dende este punto un desvío diríxenos cara a Costa da Vela, pasando preto de recomendables praias como Nerga ou Barra.

Da Costa da Vela a Donón
Donon

A chegada a Donón introdúcenos no último tramo do percorrido. O punto de referencia é A Buguina, fermosa escultura en forma de caramuxo obra de Lito Portela.

Marca o inicio do treito máis salvaxe da Costa da Vela. Dende este punto deixamos o asfalto e comeza un ancho camiño de terra en dirección aos cabos, elevado sobre os cantís. Pequenas calas ofrecen sendeiros revirados para baixar a elas.

Cabo Home

Cabo Home é lugar mítico das Rías Baixas. As Illas Cíes están máis próximas a este punto que a calquera outro. O seu faro álzase a modo de torre cilíndrica de cor branca, esvelta.

Moi preto, Punta Robaleira conta cun faro máis modesto, vermello e baixo. Pasando a praia de Melide aínda existe un terceiro faro, o de Punta Subrido.

Atlántico, cantís e fermosura.

Non te podes perder

O cruceiro do Hío

A parroquia canguesa do Hío conta cun conxunto artístico relixioso de grande relevancia, conformado pola igrexa, a casa reitoral e o cruceiro. A igrexa de Santo André ten fábrica orixinal románica e data do século XII. A casa reitoral, de potente volumetría, conta con peche de cachotaría, ampla finca e pombal. Pero dende o punto de vista artístico, o elemento destacado é o cruceiro.

O cruceiro do Hío é atribuído a Xosé Cerviño, coñecido como Mestre Cerviño ou Pepe da Pena. Popular canteiro de Cotobade, enlaza coa grande escola pontevedresa do xénero, sendo o máis afamado de todos eles. En calquera caso, a autoría do cruceiro non está clara, se ben se sabe que foi realizado en 1872.

A posición no adro da igrexa outórgalle relevancia absoluta. De estilo barroco e realizado nunha soa talla granítica, conta con escalinata e fuste historiados e na cruz relátase o descendemento de Cristo.

Considerado como un dos máis relevantes cruceiros galegos, a visita ao Hío merece unha parada tranquila para contemplar esta fermosísima peza de delicada talla.

Arriba