Neste novo camiño que iniciamos nas terras do Baixo Miño, achegarémonos dun xeito moi próximo á especial relación que os galegos temos coa morte. Os santuarios desta ruta ocultan inquedantes e sorprendentes lendas, así como rituais e romarías pouco usuais.

Santuario de Nosa Señora da Franqueira.
Diálogo entre o carcereiro e o prisioneiro:

-    Cristián, na túa terra hai chocallos?
-    Si, hainos.
-    Pois levántate cristián, que na túa terra estamos, e non me trates na túa terra como eu te tratei na miña.

Data de celebración das romarías:
- Santa Marta de Ribarteme: 29 de xullo.
- Nosa Señora da Franqueira: Luns de Pentecostés ou 8 de setembro.
- Santa Mariña de Augas Santas: 18 de xullo.
- Nosa Señora de Monte Medo: 7-8 de setembro.

Outros datos de interese:
- Museo de Arte Sacra de Allariz: Pecha os martes. Contacto: 988 440 702

Día 1º

Iniciamos a primeira xornada no concello pontevedrés das Neves. Aquí, descubriredes unha maneira inesquecible de vivir unha experiencia realmente auténtica acudindo ao santuario de Santa Marta de Ribarteme.  Grazas ao fervor dos seus devotos mantense viva unha das tradicións máis abraiantes da nosa cultura, unha procesión de cadaleitos abertos nos que van aqueles aos que a santa salvou da Gadaña.  Cada 29 de xullo, os fieis de Santa Marta ofrécense a levaren unha candea da súa mesma altura, a camiñaren de xeonllos ao redor do adro da igrexa e mesmo a vestiren unha mortalla.

Abraia ver por primeira vez o sieiro de cadaleitos acompañados por cantareiras e familiares. Aínda que algúns cadaleitos van baleiros nesta singular procesión, outros van cos ofrecidos dentro. Ás veces, a calor, a devoción ou a terrible impresión de verse en vida portado nun cadaleito fan que os ofrecidos proporcionen unha imaxe aínda máis insólita ao ver brazos que saen da caixa abaneándose ou buscando refrixerio para tan abafante penitencia.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Os acólitos que agardan subidos ao campanario comezan a tocar as campás a morto tan pronto como ven achegarse o cortexo fúnebre. A axitación, o ambiente de fervor pálpase por todas as partes, intensifícase o olor a incienso e a cera queimada dos fachóns, comezan os empurróns por tocar a imaxe da santa. Sen ningunha dúbida, algo máxico vai invadindo os presentes. Rematada a misa, o salvado goza co resto da comitiva da festa que ten lugar na carballeira na que o arrecendo a polbo, a pan e a melindres se mestura co bulir do xentío. O xornal inglés The Guardian incluso se fixo eco desta romaría, nomeándoa como unha das cinco festas tradicionais máis singulares do mundo.

Seguindo en ruta pola provincia de Pontevedra, chegaremos ao municipio da Cañiza. Nestas fermosas terras, visitaremos o santuario de Nosa Señora da Franqueira, de estilo gótico. Conta a lenda que, unha anciá atopou a imaxe da Virxe nunha escarpada zona do monte. A desigualdade do terreo facía imposible a construción dun templo na zona, polo que esa dificultade se converteu en motivo de discusión entre os veciños. Para dirimir a cuestión, decidiron colocar a imaxe da Virxe sobre un carro tirado por bois, cos ollos vendados e sen guía, para que, segundo a dirección que tomasen se decidise a localización da ermida. Así, en conmemoración deste acto, a imaxe de Nosa Señora da Franqueira sae da igrexa, cada 8 de setembro, montada sobre un carro tirado por bois. Diante do carro van tres parellas de danzantes trenzando e destrenzando as cintas atadas a un varal ata o final do percorrido, e dúas personaxes, un mouro e un cristián, representan un diálogo en verso diante da imaxe. Destaca unha peculiar tradición: as mozas que estean buscando parella e sexan quen de atar cun dedo un brote de xesta, casarán no prazo dun ano grazas á intervención da Nosa Señora.

Continuamos o noso percorrido rumbo ao municipio ourensán de Allariz, unha das vilas galegas mellor conservadas, pola que paga a pena vagar cos ollos ben abertos para contemplar todo o seu encanto. Algunha das súas rúas enlousadas hanos levar ata o convento das Clarisas, fundado en 1268 pola raíña Violante, muller de Afonso X O Sabio. No seu interior, atoparedes a imaxe de marfil da Virxe Abrideira, de finais do século XIII, que representa unha santa sedente suxeitando o Neno. Ao abrirse, semella un retablo destinado a narrar a vida de María. É Allariz un lugar ideal para  xantar nalgún dos seus restaurantes ao carón do río mentres contemplades a beleza da paisaxe. Ah!, non esquezades probar os seus amendoados, sen dúbida unha deliciosa lembranza desta viaxe.

A poucos quilómetros da vila, oculto nunha idílica paisaxe, agárdanos o santuario de Santa Mariña de Augas Santas, unha das mellores mostras da arquitectura galega dos séculos XII e XIII. A súa lenda contaravos a historia dos lugares nos que esta Virxe foi martirizada sen piedade por non corresponder aos amores do prefecto romano Olibrio. A santa salvouse milagrosamente de todos os castigos e, ao final, o seu torturador mandouna decapitar. Contan que os tres botes que deu a súa cabeza contra o chan, ao tronzar e separarse do corpo, deron orixe ás tres fontes de Augasantas, situadas na parte posterior do templo no que se garda a imaxe da mártir. O mesmo ca os romeiros que aquí se achegan, seguide os rituais para enchouparvos da espiritualidade que se respira neste lugar. Aproveitade para pedirlle os favores á santa e visitade as súas fontes mentres sentides como a lenda do lugar vos arrefría a pel.

Ao saír do santuario, agárdavos un relaxante paseo pola antiga calzada romana cuberta por unha frondosa bóveda vexetal, só perturbado polo crocante ruído das follas ao voso paso.  Seguide a ruta da procesión do día grande ata as ruínas da basílica da Ascensión, do século XIII, que nunca chegou a concluírse. Na cripta deste templo atoparedes o Forno da Santa, no que din que o prefecto Olibrio intentou queimala; pero do que se salvou pola intercesión de san Pedro. A poucos metros, está a Piouca da Santa ou fonte de Augas Negras, da que conta a lenda que deben a súa escura cor a que nela se lavou santa Mariña ao saír chea de cinza do forno. Como podedes ver, a maxia e a lenda están presentes en cada recuncho deste lugar que, de seguro, non vos ha deixar indiferentes.

Día 2º

De camiño ao santuario da Nosa Señora do Monte Medo aproveitade para facer unha pequena parada en Xunqueira de Ambía para así coñecer a súa colexiata e o seu precioso claustro gótico. Despois, xa na vila termal de Baños de Molgas, invadiravos a tranquilidade e o recollemento dunha auténtica vila da Galicia interior. Alí decatarédesvos do poder que o líquido vital ten na zona. Levan máis de cen anos aproveitándose das augas termais que aquí abrollan, e que son recoñecidas como medicinais dende 1873. Para sentir o calor agarimoso de Galicia, nada mellor que empaparse nestas augas.

Ao chegar ao santuario de estilo barroco, e un dos máis concorridos da Diocese de Ourense, teremos que facer unha viaxe no tempo ata a batalla entre os condes de Caldelas e de Pena, a comezos do século IX, para comprender mellor a súa lenda. Esta conta que tras unha dura lide no Monte Medo, o señor de Caldelas, véndose vencido, logrou darlle a volta á contenda tras pedir a intervención da Virxe. Agradecido pola vitoria, mandou levantar a ermida de Nosa Señora da Defensa que desapareceu co paso do tempo. Anos despois, unha nena atopou a imaxe da santa no interior dun carballo e esta comunicoulle o seu desexo de que se levantase alí un novo templo. Os veciños decidiron levar a imaxe á igrexa parroquial, pero antes de chegar, decatáronse de que a talla volvera ao lugar no que fora descuberta, polo que decidiron non lle levar a contraria. Actualmente, acoden fieis por milleiros, moitos deles a pé dende os seus lugares de residencia. Principalmente chegan durante os días grandes da romaría, o 7 e 8 de setembro e tamén durante o novenario, no que o fervor é tal, que fai que algúns permanezan durante os nove días na hospedaría do lugar.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba