Este percorrido pola Costa da Morte convídanos a coñecer as grandes lendas, crenzas, rituais e romarías mariñeiras que se suceden ao longo dun litoral ateigado de santuarios que miran ao mar desde lugares privilexiados.

"Santo Cristo de Fisterra,
Cristo da barba dourada,
veño de tan lonxe terra,
Santo, por che ver a cara.

Veño da Virxe da Barca,
veño de abalar a pedra,
tamén veño de vos vere
Santo Cristo de Fisterra".

Data de celebración das romarías:
- Milagres de Caión: 8,9 e 10 de setembro.
- San Hadrián do Mar: Domingo seguinte ao 16 de xuño.
- Nosa Señora da Barca: Domingo posterior ao 8 de setembro.
- Santo Cristo de Fisterra: Domingo de Pascua de Resurrección.

Día 1º

Comezamos a nosa primeira xornada na antiga vila baleeira de Caión, onde atopamos o santuario de Nosa Señora dos Milagres. Desde este outeiro, poderedes gozar dunha inmellorable vista panorámica. A vila está rodeada por un mar bravío que parece comer a pequena península con cada tempestade. É fácil imaxinar como era a vida dos pescadores anos atrás, loitando nas súas embarcacións contra a forza do mar e do vento, na procura dunha gran balea.

A romaría da Nosa Señora dos Milagres comeza o domingo anterior ao 8 de setembro. Durante unha semana, miles de persoas chegan ao santuario desde toda a comarca para pedirlle á Virxe curación ou agradecerlle a intervención divina polos favores pedidos. Centos deles van a pé e algúns incluso continúan o seu ofrecemento dando varias voltas de xeonllos arredor do templo do século XIX. A tradición di que a fonte santa é milagreira para os problemas da pel, polo que, xa que estades aquí, mollade un pano na auga e logo poñédeo ao aire para que, cando seque, todos os males desaparezan. Se vos cadra vir aquí nos días de romaría, veredes un gran manto branco arredor do manancial e, se é calquera outro día do ano, baixade á vila e empurrade a porta da igrexa parroquial para achegarvos ata o altar da Virxe, que é onde se encontra o resto do ano.

Continúa a nosa viaxe cara a Malpica de Bergantiños. Precisamente, lavarse coa auga santa é un rito que tamén cumpren os fieis no santuario de Santo Hadrián do Mar, do século XVI. O templo levántase solitario e sinxelo no cabo do mesmo nome, intimamente vinculado ao mar, coas Illas Sisargas ao seu carón. O día da festa, a procesión sae coa imaxe do santo a primeira hora da mañá da vila de Malpica. Os tres quilómetros do antigo camiño énchense de romeiros que acompañan a imaxe pola area da praia e pola beira da costa. A fama de milagreiro de Santo Hadrián reside en que librou a zona dunha praga de serpes. A tradición conta que desde que acabou coa última, o único réptil que se pode intuír en todo o cabo é o que aparece na silueta dunha das pedras dos cantís que hai ao pé da ermida.

Deixando atrás a península de Malpica, e antes de chegar ao seguinte santuario máxico, teremos a sorte de atoparnos con varios lugares emblemáticos como o orixinal e moderno faro de Punta Nariga. Foi deseñado polo arquitecto pontevedrés César Portela reproducindo a imaxe dun impresionante barco de pedra aproando cara ao mar. Tampouco perdades detalle das formacións rochosas que hai ao voso redor. O vento e o salitre labran enormes moles de granito debuxando nelas espectaculares esculturas naturais con forma de bruxas, osos ou tartarugas.

Desde aquí, albíscanse as Illas Sisargas e, cara ao sur, o cabo Roncudo onde os percebeiros de Corme arriscan as súas vidas, entre rochas e ameazantes ondas mariñas, na procura deste apreciado froito do mar. Se vos achegades a Corme, non deixedes pasar a oportunidade de degustar este tesouro do Roncudo, para moitos, os mellores percebes de Galicia, nalgunha tasca da vila. Sen dúbida ningunha, esta será a mellor maneira de saborear unha bafarada de mar no voso padal. Aproveitade tamén para coñecer a Pedra da Serpe, pois Santo Hadrián tamén pasou por aquí para liberar a comarca da praga de réptiles. Un destes ficou petrificado e, froito da cristianización, colocouse alí un cruceiro.

Seguindo o noso camiño cara ao sur, e antes de chegar a Muxía, a “terra dos monxes”, facemos un alto no camiño para coñecer o mosteiro románico de San Xián de Moraime. Trátase dun antigo cenobio beneditino, de gran beleza, que leva en pé dende o século XII. Obra da escola do Mestre Mateo, famoso escultor do Pórtico da Gloria,  na súa portada reflíctese o influxo da catedral compostelá.

Chegando xa a Muxía, e para rematar a xornada, propoñémosvos un bonito paseo pola zona portuaria, mentres o sol cae sobre o bravo mar da Costa da Morte. Alí, podedes aproveitar para cear nalgún dos seus restaurantes a pé de porto: o sargo, a robaliza ao sal ou as navallas son algunhas das súas exquisiteces.

 

Día 2º

O segundo día do noso percorrido xa comezamos a entender por que Muxía é coñecida como a “noiva do vento e do mar”. Achegarvos ao santuario da Virxe da Barca produciravos unha fonda impresión. Impoñente e maxestoso, a súa arquitectura érguese sobre as propias rochas que lambe o mar. Antes de dirixirnos ao templo, gozade da panorámica para recordar as historias que envolven o sorprendente contorno de grandes moles. A tradición conta como a Virxe María chegou nun barco ata Muxía para alentar o Apóstolo Santiago na evanxelización de Galicia.

Esta embarcación atoparémola agora convertida en pedras ao noso redor. Vemos a “Pedra de Abalar”, que sería o casco do barco da Virxe; tamén a “Pedra dos Cadrís”, as velas do barco; e a “Pedra do Timón”. Curiosos costumes xiran ao redor destas máxicas pedras: tradicionalmente, os romeiros facían abalar a gran pedra, saltando en ambos os extremos ata conseguiren que se movera e a “Pedra dos Cadrís” servía para curar as dores de riles e de costas, pasando por debaixo dela ata nove veces. Se padecedes algún destes males, probade a facer este curioso ritual, pois de seguro que a vosa doenza desaparece grazas aos poderes sanadores desta rocha.

Empapados da espiritualidade que emana destas inmensas e poderosas rochas, é o momento de achegarnos á porta do santuario. Xa se nota o típico arrecendo a incenso e a cera tan característico destes espazos. Dende as reixas da entrada, observamos ao fondo o camarín da Virxe, rodeado de decenas de pequenos barquiños. Todos eles son ofrendas que deixaron como agradecemento tantos e tantos mariñeiros que volveron con vida do mar tras superaren mareas e treboadas, grazas á protección da súa patroa.

 

Tras sentir a devoción e a relixiosidade deste máxico lugar, dirixímonos ata o punto máis occidental da España continental: cabo Touriñán. Aquí, no extremo do istmo sentiredes zoar o vento e golpearvos na cara mentres a pel se encrespa, sentindo a paz e a soidade deste recuncho do mundo. Entre vós e as terras do continente americano só queda o inmenso océano. As ondas baten con forza contra as rochas. Sentirédesvos miúdos vivindo esa experiencia íntima e abraiante.

Deixando atrás Touriñán, dirixímonos ao Finis Terrae do mundo grecorromano para atoparnos con máis experiencias ligadas a mitos e lendas ao carón do mar. A nosa seguinte parada é a iglesia de Santa María das Areas, un templo románico do século XII situado no camiño que nos leva ata ao Faro de Fisterra.Nunha das capelas, atopamos o Cristo da Barba Dourada, do que conta a lenda que chegou á vila arrastrado polo mar. Non podemos deixar pasar a oportunidade de achegármonos a esta imaxe para poder comprobar en por nós se é verdade a lenda que a envolve: aseguran que a este Cristo lle medran os cabelos e as unllas.... Será verdade?

Tras a intriga e o misterio do Cristo da Barba Dourada, no camiño cara á “fin do mundo”, debemos coñecer as ruínas da ermida de San Guillerme,outro lugar impregnado de poderes máxicos relacionados coa fecundidade. De orixe prerrománica, a capela levantouse sobre un antigo castro no que algúns sitúan a mítica Ara Solis, o altar de culto ao sol. Outro elemento de alto interese etnográfico é a chamada “cama de pedra” lugar ao que, aínda non hai moito tempo, acudían esperanzadas as parellas buscando un milagre para concibir o fillo que non chegaba. Dende esta ermida, a paisaxe deleitaravos cunha gran vista do cabo Fisterra, con el mítico faro co mítico faro no seu extremo, e intuiredes o camiño que deberemos seguir para chegar ata elzco mítico faro no seu extremo, e intuiredes o camiño que deberemos seguir para chegar ata el.

O remate deste itinerario non pode ser máis perfecto: ver desaparecer o sol na fin do mundo non ten prezo.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!