Unha sobranceira paisaxe de montaña acompañaranos neste paseo polas terras máis altas de Galicia. Marcadas polo illamento e pola soidade da súa agreste natureza, son capaces de transportarnos aos tempos nos que os ermitáns e os anacoretas se agochaban nelas.

Había no Castelo do Castro un poderoso conde que tiña tres fillas moi fermosas en idade casadeira. Outro conde, tamén rico e nobre, mandoulle embaixada para lle pedir a man dunha das fillas. O do Castro recibiu os emisarios e cando lle expuxeron a pretensión, como as súas fillas eran tres, preguntou: Cal delas? E de aí ven que a xente lle comezase a chamar  Caldelas a aquela terra.
  
Vicente Risco - Lenda sobre o topónimo de Castro Caldelas

Data de celebración das romarías:
- As Ermidas: 8 de setembro e 1º domingo de outubro

Outra información de interese:
- Museo do Castelo do Bolo: Luns e martes permanece pechado. Contacto: 988 323 030

Día 1º

Comezamos a andadura desta primeira xornada no corazón da Ribeira Sacra, no municipio de Esgos. Aquí, tras atravesar un tupido bosque de piñeiros, atopamos as primeiras pegadas do cristianismo en Galicia no mosteiro de San Pedro de Rocas. Este templo, escavado en rocha viva, acubilla no seu interior un gran tesouro que agarda a que o descubrades: os restos do único exemplar coñecido en Europa dun Mapamundi Románico. O tamén chamado Mapamundi dos Beatos amosa a dispersión dos apóstolos de Cristo ao longo do mundo na súa prédica do cristianismo.

Outras das marabillas agochadas en San Pedro son o seu cenobio, que, orixinado no século VI, é un dos máis antigos de Galicia, e as súas tres capelas escavadas na rocha. Xa no exterior, seredes atraídos polo seu singular campanario situado no alto dunha gran rocha de 14 metros de altura. Non perdades as súas sepulturas antropomorfas, ás que a pedra, a choiva acumulada e o lique lles dan un halo máxico do que vos vai ser difícil desprendervos. Preto destas tumbas, buscade a fonte milagreira da que din que é capaz de curar as verrugas e mesmo de suavizar as engurras.

Non perdades a ocasión de probar a súa auga nin tampouco de visitar o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra que se atopa no mesmo recinto. Neste museo, amósase como era a vida monacal e as tradicións máis ancestrais da comarca, os oficios artesanais e, por suposto, a cultura do viño. Non esquezades que estades nas terras dos viños con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha das cinco recoñecidas en Galicia.

Se contamos con tempo e enerxía, podemos abandonar este mosteiro percorrendo o Camiño Real de San Pedro. Un moi ben indicado roteiro de antigas corredoiras que transcorren entre unha frondosa vexetación autóctona hanos levar de volta a Esgos. Dende alí, dirixímonos a Montederramo, un lugar protexido por montañas elevadas como o monte Meda e a Serra de San Mamede, onde vos atoparedes co antigo mosteiro de Santa María, fundado na primeira metade do século XII. Da obra medieval soamente queda un arco xa que foi totalmente renovada a partir do século XVI. Algo moi singular deste cenobio é a lenda que relaciona a súa construción coa da ermida sobre a que está construída. Conta que este templo foi feito por un frade da serra de San Mamede coa única axuda de dous corzos que lle ían levando as pedras. Precisamente este monxe –convertido en estatua pétrea- é o que custodia a entrada do templo. Unha oportunidade de coñecer todos os recunchos deste conxunto relixioso son as visitas guiadas que se facilitan a través da oficina de turismo. Nelas, hanvos levar por dúas das súas maiores xoias, o Claustro Procesional e o fermoso Claustro da Hospedaría. Se vos dá tempo e vos gusta a natureza, alongade a vosa visita un día máis en Montederramo para percorrer o seu bosque de bidueiros a través das súas rutas de sendeirismo.

Coa inquedanza de sentirnos observados polo eremita gardián de Esgos que deixamos ás nosas costas, chegamos a Castro Caldelas. Alí percorreremos as súas rúas ata encontrar o santuario dos Remedios e o seu castelo. En primeiro lugar, visitaremos o templo do século XVI que nos agarda na praza da vila, no lugar onde antigamente estaba localizada a antiga ermida do Prado. No seu interior, poderedes visitar o Museo de Arte Sacra. Xa no seu exterior, un cruceiro coa imaxe do apóstolo Santiago e da Virxe do Pilar é testemuña da ruta xacobea que por aquí pasaba na busca de albergue nos mosteiros da Ribeira Sacra.

En canto ao castelo, este foi mandado construír hai máis de 600 anos polo Señor de Castro, tras gañar as terras por loitar a carón do rei alcumado o Xusticeiro. Os grandes e ásperos muros deste castelo permitirán dirixir os nosos pasos á procura do noso pasado. O museo etnográfico que hoxe acolle, amósanos a importancia de Castro Caldelas na historia da zona grazas aos numerosos obxectos atopados durante as reformas: as rochas, teares de liño e apeiros de labranza farannos por un intre volver ao Medievo. A visita é unha experiencia única para imaxinar como era a vida naquela época nunha fortaleza coma esta.

A nosa viaxe continúa cara á Pobra de Trives, onde atravesaremos a espectacular ponte romana do río Bibei. Da época do emperador Traxano, a día de hoxe continúa funcionando a pleno rendemento. Esta grande obra de enxeñería romana salva un desnivel de case 23 metros. A altura impresiona especialmente cando un se achega á beira e aprecia a rotundidade dos seus piares, que soportan impasibles os continuos embates do río. Non deixedes pasar a oportunidade de degustar unha auténtica bica manteigada de Trives, un delicioso produto artesanal baseado nas améndoas, típico desta comarca.

Para finalizar esta primeira xornada, agárdanos impasible o castiñeiro de Pumbariño nas terras de Manzaneda. A esta árbore calcúlanselle preto de mil anos de existencia e é a protagonista indiscutible do souto de Rozabales. Para chegar ata ela, teremos que atravesar unha frondosa corredoira escoltados por castiñeiros centenarios que nos han proporcionar acubillo e moita tranquilidade. Ao chegar ante o veterano Pumbariño, intentade rodear os máis de 12 metros de contorno do seu tronco, unha fermosa instantánea está asegurada.

Día 2º

O segundo día do noso percorrido comezarémolo no municipio ourensán do Bolo onde iniciamos a xornada no espectacular santuario das Ermidas. Esta é unha impoñente construción situada baixo unha elevada pena aos pés do río Bibei. Este santuario, encaixado entre socalcos, toma o nome dos ermitáns que buscaban a soidade neste lugar tan afastado.

O actual santuario que a alberga escavouse directamente na rocha e construíuse sobre a antiga ermida. Unha das singularidades deste santuario é a imaxe da Virxe, que no centro do altar maior é custodiada por varios anxos de prata que bailan e fan soar unhas campaíñas.

Durante a Semana Santa, son moitos os fieis que se achegan ata aquí para seguir en procesión o víacrucis, dende o santuario ata a parte alta da vila, como unha evocación da ascensión ao Monte Calvario. É tradición completar as romarías, ás que acoden milleiros de devotos, cunha ración de polbo á feira e regalas con viño de Denominación de Orixe Valdeorras, das famosas adegas da zona.

Sen saír da comarca, visitamos tamén o castelo do Bolo do século XII que pertenceu aos Condes de Lemos. Semiderrubado tras as Revoltas Irmandiñas, foi durante moito tempo aproveitado polos veciños como escola, como cárcere e mesmo como campo da festa. Agora poderedes percorrer o seu interior e embebervos coa súa apaixonante historia.

Para finalizar o noso percorrido, nas proximidades do Barco de Valdeorras, podemos achegarnos ata o mosteiro medieval de San Miguel de Xagoaza, na ribeira do río Mariñán. O seu cenobio, completamente restaurado, pódese visitar xa que foi convertido nunha moderna adega na que tamén se celebran actividades culturais. Na súa orixe, este mosteiro foi un priorado dos cabaleiros templarios, pero máis tarde pasou á Orde de San Xoán de Xerusalén, posteriormente denominada de Malta. Observando con detalle a portada da igrexa descubriredes a Cruz de Malta gravada polos canteiros como testemuña viva do seu glorioso pasado.

Nas paisaxes destas terras, as vides colgan polas abas das montañas froito do traballo sosegado dos viticultores que, pacientemente, transforman as pendentes en pequenas bancadas de cultivo –os socalcos– e que atrapan a ollada do visitante. Nas terras de Valdeorras convértense as montañas en paisaxes humanizadas e as vides, máis que plantas, son xoias da natureza coidadas con arte e agarimo.
 

Arriba
Axúdanos a mellorar!