Este percorrido pola recortada costa norte das provincias da Coruña e de Lugo levaranos por santuarios máxicos levantados no límite da terra co mar.

Pequenos en tamaño pero grandes na devoción que se lles profesa, en cada un deles respectaremos a tradición e seguiremos os rituais para ver cumpridos os tres desexos que pediremos ao longo deste espectacular camiño.

“Quen non vai de vivo
a San Andrés,
vai de morto tres”

“O santo que che deu a enfermidade
que che dea a sanidade,
polo poder que Deus ten,
e san Andresiño, amén”

Data de celebración das romarías:
- Santo André de Teixido: A romaría principal ten lugar o 8 de setembro aínda que, ao longo do ano, celébranse outras menos concorridas (venres, sábado e domingo de Pentecostés ou 24 de xuño).
- Virxe de Chamorro: Luns de Pascua.
- San Xiao de Trebo: 7 de xaneiro.

Día 1º

Comezamos o noso itinerario na cidade de Ferrol: un paseo polo coñecido Barrio da Magdalena achegaranos á historia desta cidade industrial e mariñeira.  Durante o percorrido, non esquezades arrimarvos aos balcóns dos xardíns de Herrera, lugar dende o que teredes unha magnífica panorámica do Arsenal, impresionante complexo militar do século XVIII e unha das obras de enxeñería máis importantes da Ilustración. Aproveitade, ademais, para tomar un aperitivo nunha das tascas e terrazas do porto e repasar o itinerario do día, que vos levará polos lugares máis máxicos deste recuncho do norte de Galicia.

A primeira parada do noso traxecto condúcenos ata un alto cumio de grandes penas onde se atopa a ermida de Chamorro. Dise que o nome popular deste santuario vén da devoción que os mariñeiros lle profesan á Virxe. Ante o perigo de naufraxio berraban: “Xa morro!”, esperando que a súa Patroa os salvase. Envolveitos por esta fe e pola adoración mariñeira, entrade no santuario para deixar a vosa propia candea acesa; pechade os ollos un intre e pedide o primeiro desexo deste máxico percorrido.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Poñemos agora rumbo ás praias de Covas, cara a unha pequena illa moi próxima ao litoral onde nos agarda a ermida de Santa Comba. Coa baixamar, podedes baixar á cala que daba acceso á illa e gozar dela. Orientada ao norte, é ventosa e salvaxe; ideal para pasear en calquera época do ano. É este un lugar de peregrinación no que, dende o século XII, os romeiros lle renden tributo e lle mostran a súa devoción á citada santa o último domingo de xullo.

O camiño orixinal a Santo André está sinalizado co símbolo dun peixe (a sardiña que o santo comeu durante a súa viaxe), e únese no concello de Narón coa outra variante máis coñecida e popular que comeza no mosteiro de San Martiño de Xubia, no Couto, xoia do románico da bisbarra. Os romeiros peregrinan case 50 quilómetros ata o santuario de Santo André de Teixido. Non é difícil imaxinar como o zoar do vento e as paisaxes pintorescas acompañan os romeiros ao longo de todo o seu percorrido pero, se estades en boa forma, animámosvos a que, en vez de imaxinalo, o vivades en primeira persoa.

Día 2º

Saíndo en coche en dirección a Cedeira, mantendo o mar sempre ao noso carón, pasamos por Valdoviño, Pantín e Vilarrube. Sexa cal for a estación do ano ou o tempo que faga, reservade un momento para deixar as vosas pegadas na area mol destas praias salvaxes: sentirédesvos illados e en completa sintonía co fero mar destas costas. Preto de aquí, tamén atoparedes tascas típicas nas que serven percebes e navallas, que acadan a súa máxima expresión se son degustados na compaña dalgún dos excelentes viños de denominación de orixe galega.

Aínda co bater rítmico das ondas nos oídos, continuamos cara a Cedeira e ascendemos a Serra da Capelada ata Teixido para ver o templo do Santo André, situado no bordo dun dos maiores acantilados de Europa. A mellor opción para achegarse ao lugar, combinando verdadeiras sensacións de emoción e de vertixe, é facer a pé o sendeiro dende o famoso cruceiro do Cristo dos Carrís. Para iniciar os rituais vinculados a esta peregrinaxe, deberedes cargar cunha pedra e depositala nun dos “milladoiros” (pequenas moreas de pedras) que atoparedes no contorno do cruceiro e do sendeiro. Deste xeito, cando chegue o día do Xuízo Final, Deus saberá que estivestes aquí pois, como lle prometeu ao santo: “Queda aquí, san Andrés, / que de vivos ou de mortos / todos te virán ver”. Por isto se di que vai de morto, en forma de réptil, o que non foi de vivo.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Chegados á aldea, mentres se vai descendendo a revirada costa na busca da igrexa, atoparedes a ambos os lados do camiño os tradicionais postos de venda de roscas, de imaxes, de medallas e doutros símbolos entre os que sobresaen os “sanandreses” e os ramalletes da “herba de namorar”. Os “sanandreses” son o recordo máis característico que poderedes levar de Teixido. Trátase dunhas figuriñas de pan cocido, pintadas en vivas cores, que representan diversos motivos relacionados co santo, como a súa barca ou a sardiña que comeu durante a viaxe, e que, aseguran as vendedoras, protexen o lugar no que se gardan. Da “herba de namorar”, tamén denominada caravel mariño, valoran os seus poderes máxicos en cuestión de amores. É habitual que os romeiros máis novos e solteiros a vaian coller alí ata onde chega o salitre do mar, para arranxaren problemas amorosos ou atopar parella.

A medida que baixedes, entre as casiñas, comezaredes a descubrir pouco a pouco o tellado de lousa, o campanario e os muros encalados deste santuario do século XVIII. Conta a lenda, que neste lugar envorcou a barca do apóstolo santo André e que quedou convertida en pedra, o mesmo que lle pasou á da Virxe da Barca, en Muxía. Se esculcades con atención, no bordo dos cantís próximos atoparedes a petrificada embarcación do santo. No interior da igrexa, o retablo barroco e as imaxes do patrón están sempre rodeadas de flores e de miniaturas de barcos que piden protección para a súa tripulación. A sensación de respecto que transmite este lugar de culto ilumínase coa luz de ducias de candeas que resplandece diante dos exvotos. Estas figuras de cera con forma dunha parte do corpo son deixadas aquí, en expresión de gratitude, por aqueles a quen o santo xa lles fixo algún favor. Mentres contemplades esta escena, é hora de seguir cos rituais para pregar polo noso segundo desexo. Acendede unha candea e achegádevos á veciña Fonte do Santo ou dos Tres Canos: facede a petición e tirade un miolo de pan na pía. Se flota, significa que o desexo se vai facer realidade e que o ano que vén estaredes vivos para volver onda o santo.

O solpor dinos que é tempo de poñer fin á nosa segunda xornada: farémolo cun regalo para a vista e para os sentidos. En Vixía Herbeira, o miradoiro situado nun dos acantilados máis altos de Europa, enxergaremos a asombrosa magnitude duns cantís de máis de 600 metros. Continuando o camiño, e xa no cabo Ortegal, quedaredes abraiados coa forza dos “Aguillóns”, rochas punzantes que emerxen do mar nas que as ondas baten con toda a súa forza. Se vos coincide chegar aquí con temporal, teredes a oportunidade de ver a bravura do mar en todo o seu esplendor, sen dúbida ningunha, unha sensación que xa nunca poderedes esquecer. 

Tras o espectáculo de cores no ceo neste tramo de costa, a máis recortada do litoral, despediremos o día na pequena vila pesqueira de Cariño. De camiño, veremos a capela de San Xiao de Trebo e, xa no porto, poderemos gozar dunha experiencia gastronómica do máis suculenta saboreando unha caldeirada de raia ou un revolto de ourizos e algas, pratos típicos que falan desta terra.
 

3º Dia

Neste último día dirixímonos a Viveiro. No camiño chegaremos a  Ortigueira,  onde a zona vella e o porto nos convidan a gozar dun paseo. Máis adiante, á altura de O Barqueiro, encantadora vila de pescadores, paga a pena que nos desviemos do camiño para achegarnos a Estaca de Bares. Atoparédesvos nun lugar único: o punto máis ao norte da Península Ibérica, onde conflúen as maxestosas augas do océano Atlántico e do mar Cantábrico; todo un espectáculo da natureza.

Xa na vila de Viveiro, tras percorrer o seu fermoso e monumental centro histórico, dirixirémonos ao convento das Concepcionistas para atopar a gruta de Lourdes. Este lugar de culto é unha réplica do santuario da Virxe francesa escavado na rocha. A imaxe está colocada nunha urna sobre centos de candeas e de figuras de cera, que parecen escalar polos ocos na busca da mellor posición para pedirlle os favores á santa. Sumádevos á devoción e acendede tamén unha candea para pedir o voso terceiro e derradeiro desexo deste camiño.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Recomendamos rematar este itinerario de novo en contacto coa natureza, dando un tranquilo e relaxado paseo polo  souto da Retorta, rodeados de eucaliptos de máis de 80 metros de altura que parece que lle están a facer cóxegas ao ceo coas súas pólas: é coma un bosque de xigantes. Agora, só nos queda cruzar os dedos para axiña ver cumpridas as nosas peticións…

 

Arriba