Ao longo deste percorrido polo norte da ría de Arousa, descubriremos incribles lugares máxicos e espirituais. Moitos deles foron o berce de grandes figuras da literatura galega. Seguindo o rastro do Apóstolo Santiago, chegamos a estas terras dispostos a enchouparnos de literatura, de lendas e de milagres.

A Virxe de Guadalupe
cando vai pola ribeira.
descalciña pola area
parece unha rianxeira.

Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear.
   Fragmento Rianxeira

Data de celebración das romarías:
- Santiaguiño do Monte: 25 de xullo.
- Nosa Señora de Guadalupe: Domingo posterior ao 8 de setembro.
- Divino Nazareno: Terceiro domingo de setembro.

Outros datos de interese:
- Fundación Camilo José Cela: Contacto: 981 812 424/5. (www.fundacioncela.com).
- Casa-Museo Rosalía de Castro: Pecha os luns. Contacto: 981 811 204. (www.rosaliadecastro.org).     
- Centro Arqueolóxico do Barbanza: Aberto de xoves a domingo. Contacto: 981 843 810. (www.centroarqueoloxicodobarbanza.org).
- Museo Valle-Inclán: Pecha os luns. Contacto: 981 831 662 (www.apobra.org/es/turismo/museovalle-inclan ).

Día 1º

A primeira xornada deste itinerario comezámola no santuario da Escravitude, un templo do século XVIII ao que acoden moitas persoas atraídas pola fama das augas milagreiras da súa fonte.  O templo levántase, rexio e impoñente, xusto á beira da estrada principal. Unha vez alí, non perdades a oportunidade de beber do manancial, nin de entrar a ver o retablo barroco ou de dar un paseo polo bosque que hai tras o santuario. Poñédevos despois en marcha cara a Padrón, lugar ao que, segundo a tradición, chegaron os restos do Apóstolo Santiago.

Preto de Padrón, paga a pena subir ata a ermida do Santiaguiño do Monte. O camiño e as escaleiras que nos conducen ata o templo, atravesan unha frondosa vexetación, a cal ambienta cun halo máxico a localización que as lendas sitúan como o derradeiro lugar no que o santo lles predicou aos pagáns antes de regresar a Palestina. Tras anos de infrutuosa prédica, aparecéuselle a Virxe María para lle insuflar ánimos neste mesmo lugar. As rochas e a fonte que alí se conservan son consideradas como milagreiras polos seus devotos, dado que foi o propio Santiago o que fixo manar a auga ao bater co seu bordón nas pedras, despois de que unha pagá cuestionase o poder de Deus. Nos días de romaría, era costume subir de xeonllos polos chanzos das rochas e pasar polos dous buracos que hai que atravesar en vida ou unha vez finado. Se aínda vos quedan folgos, habería que intentalo.

Por outra parte, Padrón tamén nos permite achegarnos de preto a dúas figuras esenciais da literatura galega como son o Premio Nobel de Literatura (1989) Camilo José Cela, que conta cunha fundación ao carón da Colexiata de Iria Flavia, e a ilustre poetisa do Rexurdimento galego Rosalía de Castro, que pasou os seus derradeiros días na Casa da Matanza. Este pazo, actualmente convertido en casa museo, aínda conserva a bancada na que a escritora se sentaba a escribir ou agardaba pola inspiración. Foi despois da súa morte cando se plantaron as fermosas camelias que se atopan en todo o seu esplendor na primavera, entre as que se atopa unha variedade co nome da poetisa.

Antes de abandonar Padrón, non perdades a oportunidade de dar un paseo polo seu Espolón ao carón do río Sar, que vos conducirá ata a igrexa parroquial de Santiago. No seu interior, atópase o famoso “pedrón” onde foi amarrada a barca do Apóstolo. E, por suposto, non deixedes de probar os famosos pementos que lle deron sona internacional á vila que, como por aquí se di cada vez que un se dispón a dar conta dunha ración, “uns pican e outros non”.

Seguindo o camiño das verbas cara ao suroeste, chegamos á vila mariñeira de Rianxo, terra doutros galegos ilustres como Castelao, Rafael Dieste e o coñecido como o “poeta do marManuel Antonio. Na Praza Maior de Rianxo agárdanos o santuario da Nosa Señora de Guadalupe do século XVII, alcumada polos rianxeiros como a “Virxe Moreniña”. Esta Virxe é a protagonista dunha das festas máis importantes da comarca a primeiros de setembro. Por estas datas, A Moreniña sae en procesión marítima con toda a flota pola enseada de Rianxo, cuberta de pétalos de flores. Como broche final ás festas, agarda o momento máis vibrante cando, entrada a noite, a vila queda iluminada só polos milleiros de bengalas que portan rianxeiros e visitantes. Envoltos neste ambiente máxico, é inevitable contaxiarse da emoción ao cantar incesantemente a coñecida “Rianxeira”.

Sen dúbida, a mellor maneira de rematar esta xornada é degustando unhas saborosas xoubiñas de Rianxo ou uns mexillóns da ría de Arousa nunha das tascas da vila, co sol poñéndose e, de fondo, as interesantes historias dos mariñeiros.
 

Día 2º

No segundo día do noso percorrido, aínda cantaruxando o “Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van”, dirixímonos cara a Boiro e facemos a primeira parada no enclave arqueolóxico dos Castros de Neixón. Situado nunha pequena península, ao fondo da ría de Arousa, este é un dos xacementos de maior relevancia do Noroeste peninsular. Percorrede a pequena península e gozade co espectáculo que a natureza da ría vos ten preparado. Dende aquí divisaredes unha magnífica panorámica, tanto da ría coma da vila mariñeira de Rianxo. Nas proximidades dos castros, atoparedes o Centro Arqueolóxico do Barbanza onde poderedes pescudar un pouco máis sobre a pegada que deixaron os primeiros poboadores destas terras.

Continuamos a nosa ruta pola costa, en dirección á Pobra do Caramiñal. Alí atoparemos a imaxe do Divino Nazareno, na igrexa de Santiago do Deán. A romaría do Nazareno ou das Mortallas, o terceiro domingo de setembro, é unha procesión que se vén celebrando dende o século XV. Nela participan con gran fervor milleiros de fieis que acompañan o desfile de cadaleitos baleiros que preceden aos devotos que esquivaron a morte grazas á intervención do Nazareno. Os familiares do ofrecido, vestidos con hábito morado, levan o féretro e portan grandes cirios nos que atan exvotos de cera. Esta é unha imaxe impresionante, incluso para os máis escépticos, na que se ve como a vida se antepón á morte. Se non cadrades cos días da romaría, aproveitade igualmente para entrar na igrexa coincidindo coas misas da tarde. Ademais de poñerlle unha candea ao Nazareno para que escoite as vosas peticións, non deixedes de visitar a capela da Alba, unha das máis antigas do templo cuxa importancia reside en que os mariñeiros acudían alí para escoitar misa ao volveren de faenar, pois regresaban ao amañecer, de aí o  seu nome.

A mellor maneira de continuar a nosa visita é ir dando un pequeno paseo polo centro da vila: ver os seus peiraos, onde as embarcacións descansan ata outro longo día de faena, atravesar a súa coidada alameda e mesmo parar a tomar un aperitivo nas terrazas do centro poden entretervos máis da conta, pero non perdades a oportunidade de percibir o sentir desta tranquila vila mariñeira.

Alongamos o noso paseo ata a torre de Bermúdez, sede do Museo Valle-Inclán, para non abandonar esta temática máxico-literaria. Boa proba disto é o feito de que á romaría do Nazareno xa asistía o escritor coñecido como o pai do esperpento, Ramón María del Valle-Inclán, quen viviu varios anos na vila. Este edificio, de estilo renacentista, é outro dos símbolos da Pobra do Caramiñal. Nel, poderedes internarvos na sempre curiosa atmosfera valleinclaniana, ver numerosos obxectos persoais do literato, ademais de coidadas primeiras edicións das súas obras, varias delas escritas ou ambientadas na vila como Sonata de Otoño ou Divinas Palabras.

O final perfecto para este itinerario é ascender ata o miradoiro da Curotiña. Cando collades a estrada de acceso, non perdades de vista o cruceiro de Moldes. Nel, a Virxe María, de costas ao mar bravío, é testemuña da lenda que narra como hai moito tempo existía preto de aquí unha próspera vila chamada Valverde e como a cobiza dos seus habitantes fixo caer sobre eles unha terrible maldición. Segundo contan, ao verter María unha bágoa por tal comportamento, o vento comezou a bruar con tanta forza, que levantou todo ao seu paso ata que a vila quedou sepultada baixo un descomunal monte de area. Este lugar é o que actualmente coñecemos como as dunas de Corrubedo, que forma parte dun dos enclaves naturais máis espectaculares do noroeste peninsular, o Parque Natural formado polo Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Xa no cumio, entre cabalos salvaxes e vexetación propia destas alturas, e apoiados na varanda de pedra, a nosa vista reláxase no horizonte do poderoso Atlántico. Se o día está claro, poderedes ver Fisterra e mesmo as illas Cíes. A remontada á Curotiña paga a pena, aínda que só sexa nos últimos momentos do día, para gozar das cores do solpor reflectidas nas augas  calmas da ría de Arousa.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!