A auga, doce ou salgada, é o fío que nos conducirá nesta experiencia máxica a través de santos, fontes, mananciais e pedras milagreiras, todos eles convertidos en altares para a curación de males e para a celebración de rituais de fecundidade.

“Se vas a San Benitiño / non vais ao de Paredes, / que hai outro máis milagreiro / no conventiño do Lérez”.

“Levei a miña muller / á Lanzada, ás nove ondas; / leveina a desinfeitar / e botar os demos fóra”.

Data de celebración das romarías:
- San Benitiño de Lérez: 11 de xullo.
- Nosa Señora dos Milagres de Amil: Domingo seguinte ao 8 de setembro.
- Nosa Señora das Cabezas de Armenteira: Luns de Pascua.
- Nosa Señora da Lanzada: Último fin de semana de agosto.

Día 1º

Comezamos o noso itinerario cunha visita ao centro histórico de Pontevedra, un dos máis bonitos e mellor conservados de Galicia. Pasear polas encantadoras prazas do Teucro ou da Leña, polos soportais de pedra, ou tomar un café nas terrazas da praza da Ferrería é unha experiencia moi agradable, sobre todo, cun día de sol, en primavera, e coas camelias en flor. Imprescindible unha visita á orixinal igrexa da Peregrina, que ten forma de cuncha de vieira. Elegante e coqueta, alberga no seu interior a imaxe da patroa de Pontevedra. Ideal para iniciar a nosa ruta máxica.

A poucos minutos, atopámonos co mosteiro de San Salvador, que acolle a talla de San Benitiño de Lérez. O templo, do século XVIII, érguese sobre un montículo dende o que se aprecian unhas magníficas vistas da cidade de Pontevedra e do río Lérez. A imaxe de San Benitiño de Lérez é pequena pero, como canta a copla, o seu tamaño non lle quita de ser o santo máis milagreiro. San Benitiño é perfecto para sandar as verrugas e os problemas de pel: só hai que acariñar a cara do santo cun pano e facerse co aceite máxico.

Se coincidides coa procesión do día grande, veredes como a fe que os devotos lle profesan se reflicte nunha capa de billetes que a cobren por completo. O día da  festa, se imos andando pola beira do río Lérez, poderemos ver os romeiros remontando o río en coloridas barcas, adornadas con cintas e flores. Logo de visitar o santo, podedes gozar coma un romeiro máis,  dun xantar campestre: empanada e viño galego ao son dos gaiteiros.

Continuando a nosa ruta cara ao norte, chegamos ao santuario de Nosa Señora dos Milagres de Amil, en Moraña. Nada máis chegar percibiredes que se trata dun templo de culto vivo. Sobre todo, se vos achegades nos días da festa.

O máis sorprendente desta romaría son as camiñadas nocturnas que realizan os fieis para asistiren ás misas da madrugada. Outra imaxe típica da romaría son as candeas, da altura dunha persoa, apoiadas contra as paredes da igrexa. Algunhas xa están acesas, esperando a ser compradas para saíren na procesión. O silencio invade os devotos que camiñan ou van de xeonllos, paseniño, detrás dos portadores da imaxe totalmente cuberta por ofrendas en metálico ou por fotografías dos agradecidos. Resalta a fermosa e delicada talla da Virxe. Viste manto branco bordado en ouro e o seu cabelo negro en longos rizos sobresae por debaixo do veo. Outro costume que podedes compartir é o de beber, mollarvos ou lavarvos na fonte de auga santa que hai ao pé da teatral escalinata de cen chanzos que leva ata o templo. Tamén podedes continuar o ritual seguindo os pasos dos romeiros que queren calmar o seu fervor acudindo a Rozavella, a menos dun quilómetro, que é o lugar onde está o primeiro manancial máxico.

A meirande parte dos devotos pídenlle á nosa Señora dos Milagres de Amil pola súa saúde ou protección, esa que tamén lle pregan os mariñeiros deixándolle unha réplica das súas embarcacións, o que resulta curioso ao atoparse este templo afastado da costa.

Antes de dirixirnos á nosa seguinte parada, facemos un alto no camiño para descubrir outra atmosfera máxica, desta vez relacionada coa natureza. É o lugar das fervenzas do río Barosa, magnífico espectáculo formado por muíños e pozas naturais.  Se o tempo acompaña, poderedes bañarvos nas súas cristalinas augas e sentir a forza da auga caendo sobre vós, coma se de un spa natural se tratase.

Día 2º

Logo do relaxante paseo co que finalizamos o primeiro día, desprazámonos a Meis para visitar o santuario de Nosa Señora das Cabezas de Armenteira. Se San Benitiño nos cura as verrugas, a Nosa Señora ocuparase de curar as dores de cabeza. De feito, o interior do templo está cheo de exvotos coa forma desta parte do corpo, iluminados polas candeas. Pero, curiosamente, o poder sandador da Nosa Señora das Cabezas vai más aló: o día antes da romaría, son moitos os estudantes que acampan nos arredores do santuario pedindo que os axude cunha boa memoria para poderen aprobar os seus exames.

O templo da santa está no recinto do mosteiro de Armenteira, fundado polo nobre e abade don Ero. Conta a lenda que, durante un dos seus paseos por Armenteira, o abade lle pediu á Virxe poder ver o Paraíso.  Entón, na árbore baixo cuxas ramas descansaba o abade, comezou a cantar un paxariño. O seu son era tan agradable que o monxe esqueceu o tempo que pasaba e alí quedou, sentado sobre a herba branda, ao pé do manancial. E así, parecéndolle que non estivera senón pouco tempo, pasaran douscentos anos! Este é un dos milagres da Virxe cantados por Alfonso X o Sabio, que confirma a lenda que se conta na parroquia de Santa María de Armenteira.

E, para finalizar este itinerario máxico e milagreiro, encamiñámonos cara ao santuario de Nosa Señora da Lanzada, situado no turístico municipio de Sanxenxo. O principal ritual ligado a este templo fala da esperanza de conseguir ter descendencia ou de concibir un fillo que non chega. A cerimonia máxica, herdada da antigüidade, cóntanos que, xusto na media noite da romaría ou na de San Xoán, todas aquelas mulleres que queiran facer realidade o seu desexo de ser nais teñen que dar un “baño de fertilidade” nas augas salgadas da salvaxe praia da Lanzada, deixando que nove ondas batan nelas. Pero este anaco de frío Atlántico tamén é sandador para todo tipo de males. O resto do ano, e sobre todo arredor dos días nos que se festexa á patroa, tamén vos poderedes unir á xente que se mergulla coa esperanza de “desinfeitarse”, como di a copla popular, das súas enfermidades.

Acabado o percorrido por estes lugares santos, que mellor para sandar o corpo que unha boa cea nunha das múltiples terrazas de Sanxenxo ou de Portonovo. Unha grellada de marisco ou unha caldeirada de raia, regada cun viño das Rías Baixas, son só unha mostra da rica e variada gastronomía da zona.

Arriba