Esta proposta está pensada para entrar de cheo no carácter máis mariñeiro de Muxía, no corazón da Costa da Morte.

Aquí podemos ser testemuñas de experiencias ao límite, como a xornada de traballo dun percebeiro, enfrontándose ao mar entre as rochas. Tamén nos deixaremos sorprender polos secadoiros de congro, cuxa técnica artesanal consérvase practicamente intacta. E chegaremos ao Santuario da Barca, situado sobre as rochas a escasos metros do océano.

Día 1º

A posta de Sol en Cabo Touriñán   
  

Propoñémosvos chegar a Muxía a primeira hora da tarde. A zona conta cunha boa oferta de aloxamentos con encanto.

Algúns deles son edificios restaurados que acumulan longos anos de historia e posúen distintivo oficial de calidade. Calquera elección é boa se o que buscamos é que nos reciban cun trato amable, nun ambiente rústico e cunha cociña fundamentada nos peixes e mariscos que chegan ao porto, preparados ao estilo tradicional.

Xa acomodados, convidámosvos a un primeiro cara a cara co Atlántico no Cabo Touriñán. O obxectivo será despedir o último raio de sol que cae sobre a España peninsular, no seu punto más occidental. Dende Muxía chégase en menos dun cuarto de hora en coche seguindo as indicacións pola estrada que bordea a costa.

Dende o faro contemplaremos como o Sol morre no mar

Cabo Touriñán intérnase no mar ao longo de máis dun quilómetro, así que propoñemos percorrelo a pé. Gozaredes dun contorno apenas modificado pola man do home e onde é habitual ver pastar cabalos en liberdade. Ao remate do camiño alcanzamos o seu faro, onde podemos asomarnos a este agreste balcón tendido cara ao mar.

Cando dende aquí o ceo vai tornándose nunha paleta de vermellos tede a cámara de fotos ben a man: será o momento de captar o instante e o lugar onde o Sol vai precipitándose no mar. E entenderemos por que moitos interpretan que o topónimo Costa da Morte deriva do ocaso, a morte do Sol. Plenos de sensacións por gozar coa natureza no seu estado puro volveremos ao aloxamento para deleitarnos coa cea.

Día 2º

Acompañamos a un percebeiro na súa xornada de traballo 
  

   

Hoxe propoñémosvos que acompañedes durante a súa xornada de traballo a un percebeiro, un dos oficios do mar que require máis coraxe. Viviremos a experiencia con total seguridade. 

En lugar de embarcarnos para acceder a cantís inaccesibles por terra, veremos como se desenvolven estes profesionais dende situacións estratexicamente buscadas por eles, sen ningún perigo para o observador.

A mellor zona de percebe da península de Muxía atópase no seu extremo, coñecido como Punta da Barca, entre o faro e o santuario. A hora na que inician o seu traballo os percebeiros varía dunha xornada a outra, pois depende das mareas, cuxas táboas de información consultan cada día. A contemplación previa do mar é vital para estes audaces profesionais. Acompañarémolos ao punto de observación e aprenderemos ao seu lado a tomarlle o pulso ao mar e ao vento, a saber con que intensidade e como sopra o aire ou de que forma rompe o mar entre as rochas para logo abordalo e esquivalo.

Fixarémonos no seu equipo, mestura de mergullador e montañeiro, e nos aparellos empregados. E comprobaremos como ademais do seu traxe de neopreno, as súas cordas e arneses e as súas rasquetas, válense sobre todo da súa gran habilidade e pericia física para realizaren saltos ben calculados, rápidos ascensos, descensos e inmersións. E estaremos ao seu lado cando limpen o produto a pé de rocha e logo o leven á lonxa. Trala experiencia comprenderemos por que este manxar, cuxo sabor equiparan a tomar un prato de mar, é dos máis caros do mercado.

A ruta dos secadoiros de congro, únicos en Europa

En Muxía abundan os mesóns e mariscarías. Podemos buscalos na zona do porto ou no centro da vila. Congro preparado en guiso, en empanada de millo, en caldeirada ou á prancha é unha opción moi oportuna, xa que parte da xornada dedicarémola a facer a “ruta dos secadoiros de congro”.

Trátase dun método artesán e secular de secar este peixe. Talvez Muxía sexa a única poboación europea na que se conservan estas estruturas, que consisten nunha serie de troncos de madeira entrecruzados, chamadas cabrias, das que colgan ou estenden o congro aberto, previamente limpo e furado en toda a súa superficie. O seu aspecto é moi curioso e pode evocar as velas feitas retallos dun barco naufragado.

Pódense ver de camiño ao Santuario da Virxe da Barca, pero propoñémosvos visitalos deténdonos nos lugares máis destacados de Muxía. A ruta ten pouca dificultade e faise moi ben a pé. Comezamos no miradoiro da Cruz e chegamos ao peirao de don Manolo, pequeno embarcadoiro onde un canón fai de bita (un tipo de amarre en terra que permite fixar a embarcación).

Pasamos diante da casa consistorial, continuamos pola Rúa Mariña e subimos por unha pequena costa ata a Praza da Constitución. Estamos no antigo núcleo urbano, no que apreciaremos a restauración das súas casas tradicionais. Máis adiante vemos a biblioteca, a Oficina de Atención ao Peregrino e a Fundación Gonzalo López Abente. En dirección ao Santuario da Virxe da Barca podemos deternos ante a fachada da Igrexa de Santa María, de estilo gótico mariñeiro.

Dende o paseo que bordea o mar e á dereita vemos as primeiras cabrias de congro. Tamén gozamos das excelentes panorámicas da ría de Camariñas e Cabo Vilán. E xa empeza a dominar o espectacular contorno do Santuario da Virxe da Barca, onde miles de romeiros acoden cada ano en setembro. Diante del buscaremos as míticas Pedra de Abalar e Pedra dos Cadrís, que segundo a lenda cristiá identifícanse con partes da embarcación que transportou á virxe a este lugar para alentar a Santiago Apóstolo na súa predicación por Galicia. Cerca apreciamos unha enorme rocha atravesada por unha fenda, é a escultura A Ferida, que lembra a traxedia do Prestige.

Ascendemos ao miradoiro de Monte Corpiño. Ademais das súas fermosas vistas chamarannos a atención os antigos valados de pedra que circundan as hortas. Dende a Rúa Matadoiro achegámonos ao outro secadoiro de congro que se conserva en Muxía, o da Pedriña, o único na parte occidental da vila e que continúa en activo, conservando todo o proceso artesanal. Posúe un almacén, unha edificación onde se trata o peixe para colgalo logo nas cabrias e a continuación, xa seco, embalalo en sacos para a súa exportación. Rematamos o paseo achegándonos á Praza do Coído, considerada a zona cero na catástrofe do Prestige, onde se levanta un monumento aos voluntarios. 

Día 3º

En Fisterra asistimos á trasfega mariñeira

 

 

Tralo almorzo animámosvos a continuar pola Costa da Morte cara ao sur, ata Fisterra, para comparar a súa constante trasfega mariñeira coa actividade máis relaxada de Muxía.

En tres cuartos de hora estaremos nesta poboación, seguindo as estradas AC-2301 e AC-445. No seu porto cruzarémonos con mariñeiros que van e veñen de pescar, amañan as redes ou poxan o peixe na lonxa. A lonxa de Fisterra é a primeira de Galicia preparada para a súa visita turística, grazas á instalación dunha plataforma que facilita a contemplación das distintas actividades sen interferir no seu desenvolvemento. 

Arriba
Axúdanos a mellorar!