Na costa galega o mar entra de cheo na vida das súas xentes, que se citan na praia, nos cantís, no porto ou na lonxa. 

Déixano entrar nas súas casas, nas súas mesas, nas súas rúas e nas súas igrexas. Para advertilo, propoñémosvos unha xornada dedicada a rastrexar as pegadas salgadas do Atlántico por cidades, vilas e poboacións mariñeiras das Rías Baixas. Seguiremos un dos perfís costeiros máis sinuosos que teñades visto. E deterémonos no poderío do gremio de mareantes de Pontevedra, no singular carácter mariñeiro de Combarro e na puxanza marisqueira do Grove e Cambados.

Pontevedra

A chamada das serpeantes costas das Rías Baixas espertaranos cedo. Será imprescindible madrugar para aproveitar ao máximo a nosa travesía como mariñeiros en terra. Podemos lanzarnos á aventura pola nosa conta ou realizar unha excursión guiada por profesionais. Ademais de vivir a experiencia, esta opción permítenos saber interpretala.

Propoñemos comezar en Pontevedra. Escudriñar a súa cara máis mariñeira será o primeiro reto estimulante que afrontamos. Abordámola pola Ponte da Barca, rumbo ao casco antigo, do que presumen con razón os pontevedreses por ser dos mellor conservados de Galicia.

O gremio de mareantes sufragou a construción da Basílica de Santa María A Maior no século XVI

Na Praza Alonso de Fonseca é onde nos atopamos coa evidencia de que, a pesar das aparencias, Pontevedra naceu e debeuse ao mar. Ao contemplar a Basílica de Santa María A Maior decatámonos da riqueza e importancia que acumulou o seu gremio de mareantes, colectivo de profesionais do mar, que sufragou a súa construción no século XVI. Foi posible grazas aos extraordinarios ingresos obtidos da pesca de sardiña con artes de cerco nas Rías Baixas.

A súa fachada principal representa un dos mellores exemplos de estilo plateresco de Galicia. Na súa escalinata buscaremos entre a súa iconografía a imaxe máis curiosa, un San Xerónimo con lentes. Despois ruaremos arredor por Tristán de Montenegro, Álvar Páez, Formigueira ou San Martiño, entre outras rúas pintorescas do barrio da Moreira, o arrabalde mariñeiro da cidade.

Se vos apetece tomar un café ou mesmo un bo almorzo suxerímosvos os bares das moitas e fermosas prazas que atoparedes, como a Praza da Leña, A Verdura ou A Ferrería. Sentirédesvos como un pontevedrés máis, porque se algo os distingue é o gran partido que lle sacan a estes lugares públicos de encontro.

Combarro

Deixamos o vértice da ría de Pontevedra e collemos a estrada PO-308, dirección O Grove, para alcanzar o lado norte da ría. A pouco máis de dez minutos por estrada deterémonos na poboación de Combarro, que conserva bos exemplos de arquitectura mariñeira.

O paseo que vos propoñemos pretende pechar o triángulo perfecto que aquí forman pedra, hórreo e cruceiro.

A ruta dos cruceiros

Partiremos da Praza de San Roque, no seu casco histórico, onde atoparemos dous cruceiros, dos moitos que nos acompañarán no camiño. O que preside a praza une polos seus respectivos costados ao Cristo crucificado coa Virxe do Socorro, que porta un garrote para espantar ao diaño. A gran peculiaridade dos cruceiros de Combarro é que se miramos cara a onde o fai o Cristo estaremos dirixindo a vista a terra e se facemos o propio coa virxe orientarémonos ao mar.

Nesta praza vivimos a sensación de estar sobre unha vila esculpida en pedra que descende cara á ría. Ata podemos observar como as casas dos pescadores aproveitan esta mole granítica como cimentos. Dende a praza baixamos pola Rúa, a principal do conxunto histórico, onde apreciamos a arquitectura mariñeira do lugar, en casas pegadas, con soportais e balcóns adornados por balaustradas de pedra, forxa ou madeira. A pendente cara ao mar obríganos a descender por escaleiras labradas sobre a propia rocha.

A costa de Combarro caracterízase polos seus trinta hórreos aliñados

Continuamos ata a Praia de Padrón, que nos mostra unha panorámica sorprendente da costa de Combarro, única no mundo porque trinta hórreos percórrena aliñados, a pé de mar. Embriagados polo olor a salitre, contemplaremos a arquitectura destas particulares construcións de pedra, moitas veces combinada con madeira pintada.

Vemos que se elevan sobre pilastras para evitar a humidade porque os mariñeiros empregábanas como secadoiros de peixe e almacén de millo, patacas e outros produtos traídos en barca do outro lado da ría, onde posuían terras de labranza, por ser as da súa beira montuosas e menos apropiadas para o cultivo. O seu aspecto cativaranos ao atopalos adornados de plantas ou mesmo coa pintura descascada polas caricias abrasivas da brisa mariña, e nos seus tellados illas de herba.

Percorrendo a Rúa do Mar atoparemos que moitas das súas casas albergan tabernas e restaurantes. Así que tralo paseo pode ser o momento ideal para a primeira tapa da mañá, antes de retomar a ruta.
E xa nos despedimos de Combarro, sentindo como se vive nunha típica vila mariñeira, caracterizada pola súa grande actividade. É habitual ver entrar e saír barcos de pesca, mulleres mariscando coa marea baixa ou amañando as redes.
 

O Grove

Continuamos rumbo ao Grove, pola mesma estrada, seguindo parte da sinuosa costa galega. Para facérmonos unha idea do seu perfil tan serpeante, se puidésemos estirala obteriamos máis de mil quilómetros de perímetro, chegando ata Almería.

Polo camiño apreciamos a súa redondeada xeografía interior e sorprenderanos ver, entre impoñentes casas de granito, pequenas e maiores extensións de emparrados de uva albariña e outras variedades amparadas pola Denominación de Orixe Rías Baixas, de onde saen os seus afamados viños.

Navegaremos por un dos maiores bancos marisqueiros do mundo

Chegados ao Grove dirixímonos ao seu porto para vivir a nosa primeira experiencia mariñeira. Subindo a un catamarán con fondo acristalado ou a un veleiro poderemos navegar por un dos maiores bancos marisqueiros do mundo.

Aquí, no corazón da ría de Arousa, atópanse máis da metade das 3.000 bateas que hai nas rías galegas. Son plataformas de madeira sobre o mar para a cría de mexillóns, ostras e vieiras. Nun traxecto de aproximadamente hora e media vivimos in situ o día a día do traballo dun mariñeiro, a pé de batea. Atoparémolos manipulando grosas cordas, ás que se agarran os bivalvos, para limpalas de algas, parasitos e desenredalas. Cando as sacan, tarefa que non é fácil porque poden superar os 300 quilos, vémolas repletas de marisco. Os propios mariñeiros explicarannos as condicións nas que se atopa o molusco e o seu proceso de cría.

Co gusto do salitre na cara regresamos a porto tras saber moito máis dun dos oficios que sostén á maioría das familias da zona. Nos restaurantes próximos veremos que ofrecen aquilo que atopamos hai un anaco no mar, ademais das ameixas recollidas nas súas praias e outros crustáceos e peixes da ría. Os prezos e menús adoitan estar expostos na entrada, facilitándonos a elección. Unha camiñada polo Paseo Marítimo, con vistas á ría, cara á ponte da Illa da Toxa, será unha excelente sobremesa.
 

Cambados

Poñemos rumbo a Cambados pola PO-550, onde chegaremos en pouco máis de media hora. Ademais de ser a capital do albariño e unha vila señorial, o seu carácter mariñeiro está igual de impreso nos seus xenes.

Un tranquilo paseo polo barrio máis mariñeiro

Para comprobalo estamos obrigados a perdernos polas rúas do barrio de San Tomé. Algunhas son tan estreitas que ao estirar os brazos tocaredes as casas dun e doutro lado. Tampouco é raro que ao voso olfacto chegue o aroma das súas cociñas. Ás veces apréciase o cheiro da pintura que os mariñeiros usan para as cubertas das súas casas, a mesma que empregan nos seus barcos e que lle dá un ambiente tan colorido ao barrio. Aquí podemos visitar a Casa do Pescador, un coqueto museo que mostra a vida dos mariñeiros. 

As propias mariscadoras farannos de guías na lonxa

Se preferimos maior actividade, internarémonos na lonxa, situada na parte máis industrial da poboación, o porto de Tragove. Podemos planificar a visita para que as propias mariscadoras que van vender os seus produtos nos fagan de guía. Deste xeito participaremos de todo o proceso de tratamento do produto en lonxa, dende a selección, pesada e etiquetado ata as frenéticas poxas.

A despedida perfecta será gozar dunha copa de albariño polo aristocrático barrio de Fefiñáns, acompañada dunhas tapas ou cea de prato, co mesmo marisco que vimos tratar na lonxa.

Arriba
Axúdanos a mellorar!