A Illa da Toxa concentra o luxo, a esencia das augas mineromedicinais e a riqueza do mar. 

Está situada en plena ría de Arousa, unha potencia marisqueira. Por iso propoñémosvos un plan para coñecer as claves que converten os mariscos e peixes desta ría nun afamado manxar. Farémolo a pé de batea, compartindo unha xornada de pesca ou mariscando; guiados polos que mellor coñecen estas actividades, os profesionais do mar. E sen renunciar a algunha sesión de relax mariño e termal.



Día 1º

Sesións relaxantes en balnearios, talasos ou spas

 

Chegaremos ao hotel a primeira hora da tarde. A Illa da Toxa ten unha oferta hoteleira de extraordinaria calidade. Conta con balnearios, centros de talasoterapia e spas. O Nobel Santiago Ramón y Cajal xa recomendaba as súas augas para combater afeccións reumáticas, respiratorias, dermatolóxicas e do sistema nervioso, entre outras.

Será moi relaxante pasar o que nos queda de tarde no hotel, nas súas zonas de spa e de lecer termal, entre baños de burbullas e chorros, ou probando un tratamento de talasoterapia. Hainos tan suxestivos como os que combinan as propiedades da auga mariña coas do viño albariño.

O espectáculo de contemplar unha posta de Sol na Toxa

Recomendamos un pequeno paseo pola illa antes da cea. O seu grande piñeiro, no centro, as sendas que discorren paralelas ás urbanizacións ou á beira do mar convidan a iso. E, se é posible, non debemos perdernos o marabilloso espectáculo de contemplar un ocaso na Toxa. De volta ao hotel para cear, atoparemos unha cociña con fundamento, que trata con máximo respecto o extraordinario produto destas rías, os seus peixes e mariscos.

Día 2º

 

Un curso de marisqueo na Toxa e xantar no porto do Grove

Tamén existen alternativas moi mariñeiras para entreter a mañá sen saír da Illa de A Toxa. Se a marea está baixa podemos facer un pequeno curso práctico de marisqueo e vivir o día a día das mariscadoras. Baixo a súa guía realizaremos unha ruta dunhas tres horas, durante a cal aprenderemos a extraer as ameixas e berberechos da praia, as técnicas para recoñecer que bivalvo se atopa enterrado na area e saber como distinguilos. Ao paso sairannos outras especies como algas, lombrigas ou bucinas.

Á hora de xantar renderémonos ao produto local, regado de albariño. Fronte ao porto do Grove atoparemos abundantes mariscarías. Se a nosa visita é en outubro podemos asistir á Festa do Marisco. Aquí o produto non só se degusta “ao natural” ou cocido, senón que tamén se presenta en empanadas, salpicón, croquetas e baixo tratamentos culinarios innovadores. No contorno do porto álzase o monumento á familia mariscadora, unha fermosa representación en granito do escultor Alfonso Vilar.

Trala comida, un paseo polo dique proporcionaranos agradables bafaradas de aire mariño. Mentres estiramos as pernas recrearémonos no debuxo costeiro da ría.

O bulicio da lonxa

A tarde é o momento de ebulición na lonxa do Grove. Podemos visitala acompañados polas mariscadoras ou o patrón das embarcacións de pesca ou marisqueo, se tivemos participado nestas actividades durante a mañá, ou recorrendo a guías especializados. Sempre resulta unha experiencia vibrante, sobre todo o momento da poxa, rica en olores e en sons, pois cando as poxas non son electrónicas fanse a viva voz. Explicarannos en tempo real o proceso de entrada, pesada, etiquetado e selección do marisco e do peixe.

Unha visita ao acuario de Punta Moreiras

Pero se pola tarde preferimos unha visión máis repousada e de conxunto dos ecosistemas mariños das Rías Baixas, o acuario de Punta Moreiras é o mellor escaparate en terra. Saímos do Grove cara á PO-9101 e a tres quilómetros un cartel indícanos o desvío que debemos seguir. Non será máis dun cuarto de hora en coche.

No acuario atoparemos os moluscos, crustáceos e peixes deste hábitat. Xogar a recoñecer robalizas, douradas, ollomoles, escarapotes, fanecas, sargos ou patarroxas en movemento pode ser un reto máis difícil do imaxinado. O acuario tamén acolle a invitados de ecosistemas tropicais. A súa comunidade acuática é un sistema vivo, en continuo cambio. Un día poderemos coincidir co peixe león ou o tiburón bambú e outro ver como a morea cebra serpea nestas augas. E asombrarémonos vendo alimentar ao tiburón touro, o escualo de maior tamaño do centro.

As exposicións ilustrativas converten a este acuario nun verdadeiro centro de interpretación dos hábitats acuáticos das Rías Baixas. Maquetas de barcos ou reproducións de casas mariñeiras resaltan, en miniatura, as peculiaridades do territorio. Para culminar a visita podemos tomar algo na súa terraza mirando ao mar. E reiniciar o camiño ao hotel ou quedar a cear pola zona.

Día 3º

Nas cetarias preparan marisco para levar

 

  

Tralo almorzo e antes de abandonar a illa podedes ir ao encontro do estandarte máis mariñeiro da Illa da Toxa, a Capela de San Caralampio ou Capela das Conchas, así coñecida porque todo o seu exterior está forrado de cunchas de vieira. 

No camiño de volta é obrigatorio pasar de novo polo Grove. A localidade é o grande almacén de marisco de Galicia. Non deixedes de achegarvos a unha das súas múltiples cetarias, onde o manteñen a punto, vivo en auga da ría, para que estes crustáceos selectos, como a centola, a nécora ou o camarón, cheguen ao prato coa maior frescura.

Nalgúns sitios prepáranos para levar, na cantidade desexada, embalados en caixas que fan cómodo e hixiénico o seu transporte e onde o marisco conserva as condicións idóneas para o seu consumo no punto de destino. Podemos adquirilo pensando en nós ou sorprender gratamente a alguén con este agasallo, pois prepáranse de maneira moi coidadosa para regalo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!