Propoñémosvos unha xornada fascinante á beira do mar observando a actividade febril das primeiras vilas mariñeiras da Costa da Morte, dende o sur. 

Poderedes ver como se realizan as descargas de peixe no porto e asistir a vertixinosas poxas na lonxa. Unha oportunidade para percorrer o perfil agreste e aberto ao océano; contemplar un dos muíños de marea máis grandes de España, lagoas e dunas que son paraíso de aves migratorias ou un río que desemboca en fervenza ao mar.


  • Inicio: Muros / Fin: Muxía ||  Xornadas: 1
  • Máis información:
    • Muíño de marea Pozo do Cachón. Tel: 981 826 050

Muros

Muros, onde as Rías Baixas marcan a súa fin, é unha das vilas mariñeiras máis fermosas de Galicia. Pódese acceder ao seu contorno municipal pola AC-550, que bordea a costa, ou pola AC-400, que chega do interior. 

Visitamos un dos muíños de marea máis grandes de España

Á entrada da capital municipal, ao bordo da AC-550, recalamos na parroquia de Serres para visitar Pozo do Cachón. Imos introducirnos nun dos muíños de marea máis grandes de España. Dende mediados do século XIX estivo activo ata hai poucos anos. Nesta época mesmo albergou unha especie de talaso, coñecido como Baños Santa Rita, especializado en curar enfermidades reumáticas a base de baños tépedos de algas e auga mariña.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Tras atravesar unha espléndida área recreativa, atopámonos con esta construción, que se nos presenta como un gran corpo rectangular e moi alongado de cantería e cachotería de granito. Para entrar dende a parte frontal o muíño esténdenos catro pasarelas de madeira que nos axudan a salvar unha canle de auga. É posible abordalo polos extremos, grazas a unha gran ponte de pedra que nos conduce dunha a outra beira da enseada. Debaixo vemos catro grandes comportas.

Se o exterior é impoñente, o interior deixaranos fascinados. Froito dun longo proceso rehabilitador iniciado nos anos 90, hoxe alberga un completo centro de interpretación sobre estas obras de enxeñería que son os muíños de marea. Con axuda de paneis explicativos e solos transparentes que nos mostran as comportas evocaremos como era o seu funcionamento antano. Ademais, quizais asistamos a exposicións de artesanía, pintura ou outra actividade, dado que o edificio é un emblema desta poboación mariñeira e está case omnipresente na súa vida cultural.

No porto contemplamos as descargas de polbo, lirio ou lagostino

A AC-550 tamén nos conducirá, seguindo a liña de costa, ao núcleo urbano de Muros e ao seu porto, visita obrigada nesta travesía. Propoñemos aparcar con antelación e ir cara aos peiraos paseando dende os xardíns do Paseo Marítimo. Así deleitámonos contemplando o mar sereno á nosa esquerda, protexido dun lado e outro polos montes Costiña e Ribeiriño, que tamén abrigan o porto. E, á dereita, deixámonos asombrar polas galerías brancas e acristaladas de edificios que recollen baixo os seus soportais tendas e terrazas. Son os mesmos soportais que antes resgardaban aos mariñeiros cando arranxaban as súas artes de pesca e ás pescantinas que lavaban e secaban o peixe.

Chegamos á zona de maior actividade, sobre todo se é día de feira ou mercado, pois aquí sitúanse longas ringleiras de postos con todo tipo de produtos. Pronto alcanzaremos a fermosa dársena de Muros, onde se amarran as embarcacións máis pequenas da súa frota pesqueira, composta por máis de 150 barcos, na súa maioría de baixura. Os demais comparten espazo nos dous peiraos que seguen.

En toda a zona observamos moito movemento, que se acelera á hora da descarga do peixe, en particular de especies típicas da arte de arrastre como o polbo, o lirio ou o lagostino. Na súa lonxa tamén notamos grande actividade porque non só se comercializan as descargas que chegan ao seu porto, senón tamén as de Lira e O Pindo.

Un percorrido polo casco histórico

Parte doutra singradura sería explorar o fermoso casco histórico de Muros, non en van declarouse conxunto histórico-artístico, xa en 1970. O especial carácter mariñeiro de todas as rúas que saen perpendiculares ao porto, que se abraza harmonioso á grandeza monumental de góticos palacios e templos, valeulle este recoñecemento. Propoñémosvos que vos acheguedes á Praza da Pescadería Vella, unha das máis singulares da vila. Na actualidade tense convertido nun espazo de lecer onde se poden tomar viños e tapas en múltiples bodegóns e tabernas, dispostas baixo os soportais.

Un fenómeno único en Europa, a desembocadura en fervenza dun río ao mar

E seguimos o periplo, sempre pola AC-550, practicamente á beira do mar. Enseguida alcanzamos a praia de San Francisco e o monte Louro, cos seus dous picos de granito, que é o peche da ría de Muros e Noia. Máis adiante atopamos a lagoa das Xarfas, atrapada por una branca lingua de area, a praia de Area Maior. Atento o ollo e o obxectivo da nosa cámara para captar a imaxe das garzas que acoden a este ecosistema de dunas, atraídas tamén pola abundancia de réptiles e anfibios.

Imos apreciando a metamorfose da paisaxe. Decatarémonos de que estamos na Costa da Morte porque as rías estréitanse e expóñense a mar aberto. Polo camiño atravesamos as pequenas vilas mariñeiras que van salpicando o bordo da comarca do Barbanza como Lira, Caldebarcos e O Pindo, ata chegar a Ézaro.

Podemos parar en Ézaro e contemplar o marabilloso espectáculo da desembocadura en fervenza do río Xallas ao mar. Atopamos o desvío ao miradoiro ben indicado na estrada. Seguiremos en coche ata o edificio da central eléctrica e, a partir de aquí, camiñamos por unha pasarela de madeira que, suspendida sobre as rochas e pegada á montaña, nos conducirá directos cara á visión dun fenómeno único en Europa, que seguro que nos impresiona.

Fisterra

E poñemos rumbo a Fisterra, o finis terrae para os antigos romanos, que desexaban asomarse á fin do mundo cativados pola súa singularidade xeográfica, a máis occidental por eles coñecida. 

Atraeranos a súa condición autenticamente mariñeira, reflectida na puxanza da súa lonxa e do seu porto, onde nos diriximos. Dende aquí interpretamos que o núcleo antigo da vila medrou en anfiteatro sobre ela. Por iso parece que os seus edificios de galerías brancas que miran ao mar soben como gabeando, axudados de costas e escaleiras.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Para comer, robaliza, polbo ou navallas

Antes da exploración detallada da vila aconsellámosvos comer en calquera grellada ou bodegón do porto. Aquí expóñense cartas completas dos mariscos e peixes frescos e de temporada. Podemos degustar unha robaliza á brasa a pé de praia, un polbo á grella ou navallas á prancha, aquí chamadas longueiróns. Ao estilo tradicional ou de autor, as cociñas traballan sempre con produto autóctono.

Para repousar a sobremesa propoñémosvos un paseo máis calmado polo porto, que a estas horas é un goteo continuo de embarcacións de palangre, de nasas ou de vetas que regresan coa pesca. Podemos comprobar a axilidade coa que os mariñeiros, coas caixas de peixe en brazos, ascenden polas escaleiras que soben da praia. E logo acompañalos á lonxa para a poxa.

A lonxa de Fisterra, ademais de ser una extensa e moderna edificación de cristal e aluminio azul, ten a particularidade de ser a primeira turística de Galicia. Isto favorece a observación privilexiada e cenital das súas animadas poxas. Recomendámosvos afinar ben o oído para escoitar ben os prezos, cantados a velocidade vertixinosa.

Muxía

Agora viramos a Muxía, para coñecer unha tradición centenaria, os últimos secadoiros artesanais de congro que quedan en Europa. Para chegar seguiremos o máis pegados posible ao litoral, collendo a AC-445 e despois a AC-2301. 

Os últimos secadoiros artesanais de congro en Europa

Dende o século XV empregan este método para tratar este manxar que acabou por ser o emblema da cociña en Calatayud, onde se segue exportando. O motivo foi a especial relación comercial entre os dous pobos que se remonta a aquela época. Os bilbilitanos proporcionaban as cordas de cánabo aos pescadores para amarrar os seus barcos e estes pagábanlles con congro seco.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O aspecto dos secadoiros de congro impresionaranos. Son estruturas elaboradas con troncos de madeira entrecruzados, a modo de gaiolas, chamadas cabrias. Sobre elas esténdese ou colga o peixe, previamente limpo e furado para que a acción combinada do sol e o vento do Atlántico o cure.

O Santuario da Virxe da Barca

Os dous secadoiros están no mesmo contorno do Santuario da Virxe da Barca, sustentados nas súas grandes rochas, o que nos facilita a visita a este lugar máxico onde acoden miles de romeiros. Por tradición baixaremos á Pedra de Abalar, un megálito de 9 metros de longo que se balanceaba cando as xentes se subían nel, e á Pedra dos Cadrís, así coñecida pola súa forma de ril. Famosa é a lenda de que cura doenzas reumáticas se se pasa nove veces baixo a mesma.

Trala visita, recomendámosvos calquera das mariscarías e restaurantes do porto ou do centro da vila. Unha empanada de millo a base de congro ou en guiso é unha excelente elección.

Arriba