O mar de Lira, na enseada de Corcubión, pode considerarse que marca o límite entre as Rías Baixas e a Costa da Morte.

A coñecida como Costa da Morte representa o inicio das Rías Altas polo sur. A súa espectacular beleza sintetízase en vertixinosos cantís, praias salvaxes de area branca e fina, dunas móbiles e marismas.

O xogo de correntes marítimas, polares e subtropicais, creou aquí un hábitat especial, hoxe reserva mariña de interese pesqueiro. É o santuario da cría e reprodución do polbo. Así que propoñémosvos unha escapada para gozar deste manxar en todo o seu esplendor, pescando, cociñando, saboreando e vivindo o mar como un oriúndo máis.

Día 1º

Carnota e Lira rivalizan polo hórreo máis grande de Galicia

 

 

Chegaremos pola tarde a Lira, no concello de Carnota. Recomendámosvos elixir unha casa de turismo rural con servizo de cociña caseira, onde preparan de maneira exquisita calquera produto que chega ao seu porto. 

Antes de cear propoñémosvos un paseo por esta tranquila poboación. Un dos seus elementos máis característicos é o hórreo de estilo “fisterrán”, con corpo rectangular de granito e estreitas físgoas ciceladas en toda a súa anatomía. Destacan dous que rivalizan en dimensión e monumentalidade: o de Carnota e o de Lira. O hórreo de Carnota está considerado Monumento Nacional e, oficialmente, é o máis grande de Galicia. Ten unha lonxitude de 34,76 metros e está soportado por 22 pares de pés. Ademais, forma un excepcional conxunto arquitectónico coa Igrexa de Santa Comba, a casa reitoral e un pombal.

En coche alcanzamos o núcleo urbano de Carnota en menos de cinco minutos, seguindo a AC-550, ata chegar á súa praza, en cuxo contorno é posible aparcar. Dende aquí é fácil chegar ao hórreo de Lira, do que os seus veciños aseguran que gaña en centímetros ao de Carnota. Dende a Rúa Miñortos, no tramo urbano da mesma AC-550, deixando o mar á esquerda, atoparedes un desvío á dereita que sinaliza o camiño cara á Igrexa de Lira, onde atoparedes a impresionante construción rural.

De volta ao aloxamento, aconsellámosvos que non escollades polbo para a cea. Reservarémolo para a xornada de mañá, xa que será un dos grandes protagonistas na nosa travesía polo mar de Lira.

Día 2º

Unha xornada de pesca no mar de Lira

 

Será necesario madrugar un pouco para aproveitar intensamente a xornada de pesca deportiva e sostible que vos propoñemos na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos. Cun bo almorzo a base de produtos caseiros e naturais que aquí adoitan servir, dirixímonos ao porto de Lira, Portocubelo, baixando dende a mesma poboación.

Marabillaravos ver o porto tan tranquilo, con pequenas lanchas naseiras e de xeito a pé de praia, cabeceando levemente sobre as súas augas cristalinas. De feito, sempre estivo “espido” ata a intervención heroica dos seus habitantes, que en 1966 acudiron ao rescate de 166 náufragos da Fragata Ariete. Sacáronos da auga e aloxáronos nas súas casas. Esta actuación valeulle ao concello de Carnota o apelativo de “moi humanitario”. En agradecemento construíuse o primeiro dique de abrigo deste porto. 

Os pescadores da vila iniciarannos na pesca deportiva sostible

Embarcamos sobre as 9,30 da mañá na lancha dun dos pescadores da poboación. O habitual é que sexa o alcumado Pepe da Cacha quen nos guíe nesta xornada de pesca deportiva sostible. Home curtido polo mar, aos neófitos iniciaraos na arte da pesca, dende como montar a cana ou tirar o fío ata como poñer a carnada. Os máis afeccionados adquirirán novas habilidades típicas destes mariñeiros.

Sargos, maragotas, pintos, fanecas ou xulias son especies que poderemos pescar, respectando sempre de maneira estrita os tamaños, vedas e topes de capturas por ser, ademais, zona de especial protección. Teremos tamén a posibilidade de practicar a pesca “sen morte”, devolvendo as capturas ao mar. A xornada proporciona todos os ingredientes para que, ao tempo que gozamos da pesca deportiva, coidemos do medio mariño colaborando na conservación dos recursos pesqueiros. É importante levar algunha roupa de abrigo, que nunca sobra neste litoral.

Comemos as nosas propias capturas

Emprazámosvos a que aproveitedes as vosas propias capturas para a comida. Podedes convir co patrón a súa preparación no barco ou nalgunha taberna mariñeira ou restaurante da zona. Cociñarán a vosa pesca ao modo tradicional, en deliciosa caldeirada, á grella ou acompañada de exquisitas salsas mariñeiras. Incluso podedes entrar ata os fogóns e participar vós mesmos, aprendendo os distintos tratamentos culinarios que merecen estes produtos acabados de saír do mar.

De paseo pola praia de Carnota, unha das máis fermosas do mundo

A sobremesa non poderá ser máis estimulante se mentres gozades dun paseo vos descalzades e imprimides as vosas pegadas sobre a branca e finísima area da praia de Carnota, unha das máis fermosas de Galicia e mesmo do mundo, segundo a prestixiosa publicación alemá Traumstrände. Esta media lúa de sete quilómetros forma un conxunto único de dunas e marismas cunha lagoa interior que acolle comunidades animais e vexetais de grande interese.

Recomendámosvos partir do mesmo corazón da praia, onde a desembocadura do río Valdebois ofrece un marabilloso espectáculo na zona coñecida como Boca do Río. Os afeccionados á observación das aves deben saber que este é un refuxio de moitas especies durante os seus movementos migratorios e un dos poucos lugares de Galicia onde aniña a píllara papuda (Charandrius Alexandrinus).

Aprendemos a preparar o polbo nun taller gastronómico

Con esta imaxe na retina volvemos a Lira para entregármonos ao rei dos produtos locais, o polbo, que atopa neste mar un hábitat excelente para a súa cría e reprodución. Propoñémosvos participar nun taller gastronómico organizado por un restaurante e albergue local. Ademais de axudarnos a obter o punto exacto de cocción, amosarannos formas alternativas de preparar este cefalópodo. Á grella, con ameixas ou en paté son algunhas das posibilidades que nos ofrecerá a súa cociñeira. O curso complétase coa elaboración de sobremesas caseiras.

Listos para a súa degustación, o lugar idóneo é a terraza do local. Aberta ao mar de Lira, proporciona unha vista inmellorable á praia de Portocubelo. Se é verán, afinando o ollo alcanzamos a ver a praia de Carnota en forma de grandes linguas de area.

Día 3º

Visitamos unha antiga caseta de pescador convertida en museo

 

Na mañá da despedida volveremos a Portocubelo, onde visitaremos a emblemática Caseta de Pepe do Cuco. É unha antiga caseta de pescador restaurada e convertida en museo, que resulta un lugar pintoresco e onde se ofrece a mellor interpretación da vida mariñeira desta vila. Atopamos lanchas típicas de madeira, antigas artes de enmalle para a pesca da sardiña e nasas para atrapar o polbo, usadas tradicionalmente por estes pescadores.

Dúas mariscadoras farán de guías

O museo contén o único cascadeiro visitable de Galicia, unha instalación onde antigamente se curtían as artes de enmalle, somerxéndoas nun preparado a base de cascas de piñeiro para evitar que podrecesen no mar. Outro grande aliciente é a compañía de dúas mariscadoras da vila, con longa tradición familiar. Son as anfitrioas perfectas, porque ademais dun gran coñecemento do seu oficio, a súa particular maneira de contar multiplica o atractivo da visita.

O percorrido inclúe a lonxa e unha antiga fábrica de salgadura de sardiña, hoxe abandonada. Culminámolo na taberna do porto, tomando unha suculenta tapa acompañada de historias de pescadores.

Arriba
Axúdanos a mellorar!