A Comarca do Salnés en Pontevedra conta co primeiro Centro BTT aberto en Galicia.

O punto de acollida localízase no Campo de Golf de Meis, a 15 km de Pontevedra e a 75 de Santiago de Compostela. Dende Meis son varios os percorridos que discorren por esta fermosa comarca coñecida polas praias de fina area branca, o viño albariño e os variados mariscos de gran calidade.

O Centro BTT O Salnés ofrece 10 rutas para todos os niveis aínda que se destacan os itinerarios esixentes ao redor do Monte Castrove que poñen a proba as forzas e destrezas dos ciclistas, polo que é ideal para expertos da BTT. Nas rutas máis accesibles destaca a do Circuíto do Monte da Escusa con saída e chegada no Campo de Golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.

O Salnés é un territorio onde a terra e o mar xogan a cinguirse un no outro dando lugar a praias e zonas de incrible beleza. Ademais das rutas BTT, as pequenas aldeas rurais e mariñeiras ofrecen múltiples posibilidades ao visitante con ofertas gastronómicas, culturais e de lecer que non debe perder.

Arriba
Axúdanos a mellorar!