O centro da provincia de Lugo caracterízase por paisaxes de campiña nas que hai espalladas pequenas aldeas. No seu interior consérvanse bosques, áreas de matogueira e ríos con ribeiras sorprendentes. Destaca polo seu bo estado de conservación o río Miño, que nos ha ofrecer máis dunha sorpresa.

No corazón da campiña

Trátase dunha área cunha densidade de poboación relativamente significativa e que se atopa no interior dunha Reserva da Biosfera. A realidade ofrécenos unha área heteroxénea onde a paisaxe dominante de campiña conserva mosaicos de cultivos e prados delimitados por valiosos lindeiros, bosques ben conservados e, desde logo, bosques de ribeira cun elevado grao de naturalidade que albergan un rico patrimonio natural.

Destaca, sen dúbida, o val do río Miño e algún dos seus tributarios, nos que podemos atopar ata illas fluviais e masas forestais moi ben conservadas que chegan ata as súas beiras.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Nadela - Marei

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

74 Km

DURACIÓN

4 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Láncara, Lugo, O Corgo, O Páramo, Sarria

PERCORRIDO

Nadela - O Páramo - Sarria - Marei

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Nas proximidades do río Miño (1) podemos ver aguias calzadas, millafres negros e andoriña das barreiras durante a primavera. Son tamén frecuentes as garzas, o picapeixes común e o merlo rieiro.
  2. Nas áreas abertas, tanto de mato como de pasteiro, podemos ver tartarañas cincentas ou, en primavera, falcóns pequenos ou aguias cobreiras, especialmente na contorna do monte Páramo (2).
  3. A zona de Sarria (3) e outras áreas (5, 6) con predominio de prado son precisamente as de maior densidade de cegoña branca de Galicia.
  4. Na vila de Sarria é boa idea achegarse á zona vella (4), pois alí déixanse ver con facilidade grallas pequenas, cirrios comúns e andoriña de cu branco en primavera.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Lugo - Desembocadura do río Neira

MELLOR ÉPOCA

De marzo a xullo

DISTANCIA

17,2 km, só ida

DURACIÓN

6 horas a pé, 2 horas en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Guntín, Lugo, O Corgo, O Páramo

PERCORRIDO

Lugo - Desembocadura do río Neira

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. O itinerario discorre pola marxe do río Miño, onde habemos observar de maneira constante millafres negross. Tamén se deixan ver con frecuencia aguias calzadas.
  2. Achegarnos á beira do río (1 a 5) hanos permitir anotar o merlo rieiro, o bilurico das rochas e, cunha miga de sorte, o picapeixes común.
  3. En inverno hai que estar atentos aos corvo mariños grandes, sobre todo nas illas fluviais, xa que estas aves as escollen como durmidoiros. Tamén podemos observar garzas reais e, ocasionalmente, garzotas grandes.
  4. Ao final do traxecto paga a pena deternos na ponte que cruza o río (6), onde podemos ver o mergullón pequeno e, en paso migratorio a finais de verán, mesmo a aguia pescadora.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Pasteiros de Marei

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

3,8 km, só ida

DURACIÓN

1,5 horas a pé, media hora en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

O Corgo

PERCORRIDO

Pasteiros de Marei

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos das inmediacións da aldea de Marei (1), onde entre outros podemos observar estorniños negros, tordos comúns e andoriñas comúns.
  2. Nas zonas abertas (2) habemos reparar na aparición da tartaraña cincenta e do falcón pequeno.
  3. Nos lindeiros e zonas con algo de mato (3) observaremos o picanzo vermello.
As aves

No río Miño e a súa contorna atopamos multitude de especies ligadas ás ribeiras e aos bosques, onde nidifican rapaces como a aguia calzada e o millafre negro. No río son frecuentes os merlos rieiros, o picapeixes común e as garzas reais. Incluso poden observarse especies menos frecuentes, como a esquiva garza da noite. A campiña acolle a maior densidade de cegoña branca de toda Galicia e a tartaraña cincenta sobrevoa os campos en busca de pequenas presas.

Consellos e recursos
  • É unha zona bastante poboada, polo que deberemos extremar a atención ás estradas secundarias.

  • Os percorridos a pé, fóra do verán, poden requirir botas hidrófugas.

Arriba