Propoñemos unha visita a este encantador recuncho do interior galego, onde os castiñeiros e as aves son os protagonistas. Desde finais de abril ata principios de xuño, a observación dos paxaros que aquí crían pode chegar ser unha extraordinaria experiencia pola oportunidade de atopar algunhas das especies máis difíciles de ver en Galicia. Anímate a percorrer esta terra de castañas e a desfrutar dela!

Descubrindo os habitantes de soutos centenarios

Zona arborada de media montaña do sueste galego, denominado informalmente País de Riós. Constitúeo o concello de Riós e maior parte dos concellos de Vilardevós e Castrelo do Val, na bacía fluvial do río Mente, que flúe cara ao Douro.

Nunha zona de perfil ondulado, mesmo abrupto nalgúns puntos, con clima de marcado carácter mediterráneo. Os soutos, próximos ás poboacións, altérnanse con masas de cerquiños, piñeiros e algunhas aciñeiras e sobreiras. Os salgueiros, freixos e amieiros adornan os arroios da zona.

Os roteiros

Roteiro en coche: Vilarello da Cota - Riós

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

35 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Riós, Vilardevós

PERCORRIDO

Vilarello da Cota - Arzádegos - Enxames - Vilardevós - Vilariño das Touzas - Progo - Marcelín - Riós

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Vilarello da Cota (1), zona cunha boa poboación de peto formigueiro e picafollas de Bonelli, avanzamos cara a Arzádegos.
  2. No traxecto (2) é posible observar perdices rubias e andoriñas de cu branco.
  3. A continuación, seguimos en dirección a Florderrei Vello e Enxames. Ao leste desta última aldea (3) hai regularmente unha parella de picanzo vermello no verán e detéctase habitualmente a aguia calzada e o picafollas de Bonelli. Tamén recentemente se realizou algún rexistro de abellaruco.
  4. Avanzando cara a Vilardevós, podemos anotar algún picanzo real no alto dos arbustos ou dos cables do teléfono (4).
  5. Logo de atravesar esta vila cara a Riós (5), poderemos observar picas das árbores, picafollas ibéricos e cardeal común.
  6. Ao chegar ás veigas de Progo (6), observaremos papuxas comúns e ouriolos.
  7. En Marcelín (7) veremos o peto verde ibérico e a papuxa cabecinegra.
  8. Por último, no núcleo de Riós (8) buscaremos os soutos onde é posible observar o rabirrubio de testa branca.

Roteiro en coche: As Vendas da Barreira - A Trabe

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

37 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Riós, Vilardevós

PERCORRIDO

As Vendas da Barreira - Covelas - Castrelo de Abaixo - Arzoá - Moialde - Berrande - A Trabe

Puntos clave da ruta:

  1. Nas Vendas da Barreira (1) é posible avistar a andoriña de cu branco e, ocasionalmente, a choia de bico vermello.
  2. A continuación avanzaremos cara a Castrelo de Abaixo, prestando atención nos primeiros quilómetros (2) aos pequenos grupos de pombas (é habitual, en particular, o pombo pequeno.
  3. Antes de chegar ao desvío a Florderrei (3) poderemos observar o peto pequeno e o rabirrubio de testa branca, máis frecuentes en soutos un pouco máis ao oeste desta aldea, onde tamén crían a andoriña de cu branco e o estorniño negro.
  4. A paisaxe tórnase máis aberta a medida que avanzamos cara a Covelas (4), permitindo ver a perdiz rubia e o ouriolo.
  5. Seguimos sempre en dirección a Castrelo de Abaixo (5), prestando atención ás aves de rapina tartarañas cincentas e lagarteiros comúns) e mais aos picanzos reais e picanzos cabecirrubios.
  6. Na zona de Castrelo de Abaixo hai rexistros de petos formigueiros e de picafollas ibérico e picafollas de Bonelli.
  7. Na baixada ao val do río Arzoá (6), afluente do Mente, hai posibilidade de anotar o ouriolo e o cardeal común. O propio río acolle lavandeira real e merlo rieiro.
  8. Tras atravesar Arzoá e Moialde, onde observamos a perdiz rubia e o lagarteiro común, continuamos uns quilómetros cara a Berrande (7), onde é posible dexergar a avenoiteira cincenta e o gabeador azul.
  9. Por último, na Trabe (8) hai posibilidade de ver petos formigueiros e papamoscas cincentos.

Roteiro a pé ou en bici: Serra de Penas Libres (Vilardevós)

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DURACIÓN

2-3 horas en bicicleta e 4-5 horas a pé

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Vilardevós

PERCORRIDO

Serra de Penas Libres (Vilardevós)

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a estrada entre Vilardevós e Lamasdeite, tomamos o desvío a Soutocovo (1), que atravesa a serra de Penas Libres. Xa no cruce, podemos anotar a tartaraña cincenta, o picafollas de bonelli e a papuxa carrasqueira.
  2. A medida que avanzamos, as masas de piñeiros (2) poden deparar, fóra da época de cría, cruzabicos comúns e úbalos europeos. Tampouco se descarta a posibilidade de atopar ocasionalmente exemplares nidificantes destas especies.
  3. Continuando pola ladeira leste da serra, xa en zonas de matogueira (3), podemos anotar a aguia cobreira, a aguia calzada e a escribenta riscada. Hai que prestar atención aos afloramentos rochosos (4) pola posibilidade de observar merlos rubios.
  4. Na baixada a Soutocovo (5) pode producirse algunha observación de perdiz rubia e pica campestre.
  5. Xa na entrada de Soutocovo, en concreto nos grandes soutos ao suroeste (6), existe unha parella de rabirrubio de testa branca e tamén gabeador azul e picafollas ibérico.
As aves

As aves forestais asociadas aos castiñeiros consérvanse aínda en bo número na zona, e algunhas delas son consideradas pouco comúns en Galicia: a aguia calzada, o pombo pequeno, o peto pequeno e o formigueiro, e o rabirrubio de testa branca son só algúns exemplos. Moi localmente hai tamén presenza doutras aves aínda máis escasas en Galicia como o bufo real, o merlo rubio e o azul, a pica campestre e o pardal das rochas. Ao amencer non debemos perder o concerto que nos brindan as aves cos seus cantos desde os soutos.

Consellos e recursos
  • Imprescindible realizar a observación de aves nos soutos a primeira hora da mañá, xa que ao mediodía, entre abril e setembro, diminúe notablemente a súa actividade.

  • É recomendable prestar atención ás aves rapaces que planan por toda a zona.

Arriba