O río Miño e os seus afluentes son os elementos naturais máis determinantes na cidade de Ourense. Atraen varias aves acuáticas e terrestres que teñen un marcado carácter mediterráneo.

Á beira do Miño

No seu curso medio, cando pasa pola cidade de Ourense, o Miño é un río de dimensións considerables. Aínda que se encontra no medio dunha área urbana, conserva un elevado grao de naturalidade nas súas beiras, que acollen non poucas aves. Relacionado con esta contorna, destaca un relevante elemento patrimonial: a súa ponte de orixe romana, que varias especies de aves escolleron como lugar de nidificación. Outros ríos de moita menor entidade que desembocan no Miño, como por exemplo o Lonia, ofrecen unha rede periurbana que acolle unha sorprendente cantidade de aves

Os roteiros

Roteiro a pé ou en bicicleta: Río Miño

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

5,8 km, só ida

DURACIÓN

2 horas a pé, media hora en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Barbadás, Ourense

PERCORRIDO

Río Miño

Puntos clave da ruta:

  1. Durante o itinerario hai que estar atentos á vexetación: con frecuencia pódense ver rousinois bravos, paporrubios, picafollas ibéricos na primavera, e picafollas europeos no inverno.
  2. Na primavera paga a pena deterse na Ponte Vella (1) para presenciar o frenético tránsito de cirrios comúns e algún cirrio pálido, afanados en interactuar entre eles e capturar insectos.
  3. Habemos atender tamén ás aves que voan sobre o río: no inverno podemos ver gaivotas patiamarelas e na primavera e no verán, millafres negros.
  4. Nos rápidos (2), son frecuentes as lavandeiras brancas e as reais.
  5. A ponte de Outariz (3), ao final do percorrido, é moi boa para observar andoriña de cu branco e común.

Roteiro a pé ou en bici: A Lonia - Castro de San Tomé

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

3,2 km, só ida

DURACIÓN

1,5 horas a pé, media hora en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Ourense

PERCORRIDO

A Lonia - Castro de San Tomé

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos da desembocadura do Lonia no Miño (1), onde nos reciben rousinois bravos, paporrubios e picafollas ibéricos.
  2. Temos que estar atentos ás masas de árbores, xa que é o lugar ideal para localizar un dos paxaros carpinteiros mas apartadizos: o peto pequeno.
  3. Nos rápidos podemos ver o merlo rieiro, mentres que o picapeixes pode pasar velozmente en calquera momento.
  4. No final do percorrido (2), avanzamos por zonas máis abertas, nas que podemos observar o falcón pequeno e o millafre negro.
As aves

As aves características dos cursos fluviais, como as lavandeiras reais, merlos rieiros, bilurico das rochas e picapeixes, son fáciles de observar en Ourense. Nas súas ribeiras aséntanse tamén aves típicas de bosques fluviais como o rousinol bravo ou o peto pequeno, raro nestas latitudes. O Miño e a súa contorna tamén son os lugares de alimentación favoritos de aves tan atractivas como as andoriña de cu branco, as andoriñas comúns e os cirrios. Diversas aves rapaces como o falcón pequeno ou o millafre negro tamén poden verse con relativa facilidade.

Consellos e recursos
  • Estamos nunha zona urbana, polo que debemos estar atentos á circulación.

  • As aves urbanas son un excelente recurso educativo, fáciles de observar e ao alcance de calquera

Arriba