A privilexiada posición da cidade de Pontevedra fai que nunha pequena superficie encontremos multitude de hábitats que, no seu conxunto, albergan unha sorprendente lista de aves facilmente observables. 

Cidade de récords ornitolóxicos

Pontevedra e o veciño concello de Poio rodean o fondo da ría onde desembocan os ríos Lérez e Gafos (o segundo de menor entidade), o que propicia interesantes hábitats de esteiro nos que destacan grandes superficies de lodos e areas intermareais que acollen numerosas limícolas e outras aves acuáticas e mariñas.

Augas arriba a ría transfórmase en río. Sorprende encontrar ao lado da cidade un río cun contorno boscoso en bo estado de conservación, no que as aves forestais poden observarse sen dificultade. Por último, a Xunqueira de Alba é unha pequena zona húmida que chegou ata os nosos días para ofrecernos unha mostra de natureza nun ambiente periurbano, o que lle valeu a declaración de "espazo natural protexido de interese local". 

Os roteiros

Roteiro a pé ou en bicicleta: Río Lérez

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

4 km, só ida

DURACIÓN

1,5 horas a pé e media hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Pontevedra

PERCORRIDO

Río Lérez

Puntos clave da ruta:

  1. No inicio do percorrido (1) encontramos unha importante masa arbórea. É unha zona propicia para anotar o cardeal e o gabeador común.
  2. Desde a ponte peonil (2) que cruza o río, podemos observar, entre outras especies, lavandeiras amarelas.
  3. En todo o treito é recomendable manterse atentos ao cardeal, o ferreiriño cristado ou a estreliña riscada. Durante o inverno tamén se xunta a eles a estreliña do norte.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Río da Gándara - Xunqueira de Alba

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

3,6 km, só ida

DURACIÓN

1,5 h a pé (só ida), media hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Pontevedra

PERCORRIDO

Río da Gándara - Xunqueira de Alba

Puntos clave da ruta:

  1. O camiño iníciase no punto no que o pequeno río da Gándara desemboca na ría (1). Alí habemos poder ver, dependendo da época do ano e das mareas, un gran grupo de gaivotas patiamarelas e choronas, así como, frecuentemente, garzotas pequenas.
  2. Na Xunqueira de Alba (2), onde existen algúns observatorios ornitolóxicos, é posible observar lavandeira amarela, lavanco, garza real ou bico de coral e oír os fuxidíos rascóns comúns.
  3. Xa contra o final da ruta, habemos encontrar unha pequena charca (3) xusto ao lado da estrada, na que podemos ver mergullóns pequenos e galiñolas de auga. No inverno son moi frecuentes neste punto os picafollas europeos.

Roteiro a pé ou en bici: Illa das Esculturas - Ría

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente no inverno

DISTANCIA

5,5 km

DURACIÓN

2 horas a pé, 1 hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Pontevedra

PERCORRIDO

Illa das Esculturas - Peirao das Corbaceiras - Ría

Puntos clave da ruta:

  1. Na illa das Esculturas (1) debemos estar atentos aos lavancos e ás gaivotas, xa que, ademais da gaivota patiamarela, podemos ver diferentes especies como a escura ou a chorona, así como o gaivotón. Na ría (2) é frecuente o picapeixes.
  2. Polo río (3) imos poder ver corvos mariños grandes e, de novo, diferentes especies de gaivotas.
  3. O peirao das Corbaceiras (4) tamén é un bo lugar para ver garzas reais.
  4. Ata o final do paseo son frecuentes lavancos, gaivotas, corvos mariños grandes, garzas reais e garzotas pequenas, entre outras especies.

Roteiro en coche ou en bici: Peirao de Besada - Campelo

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente no inverno

DISTANCIA

3 Km

DURACIÓN

Media hora en coche, 1 hora en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Poio

PERCORRIDO

Peirao de Besada - Lourido - Campelo

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o peirao de Besada (1) é posible observar abondosas gaivotas de varias especies, así como garzas reaiss, garzotas pequenas, corvos mariños grandes e limícolas como o mazarico real ou o pilro común, dependendo da época do ano.
  2. Na enseada (2) e a praia de Lourido (3) pódense observar tamén diferentes especies de gaivotas.
  3. O itinerario lévanos a unha pequena enseada onde hai un illote chamado dos Ratos (4). Trátase dun bo repousadoiro para garzas reais, garzotas pequenas, gaivotas de diferentes especies, incluso algunha pouco frecuente como a gaivota polar, e, ocasionalmente, cullereiro común.
As aves

As aves acuáticas e mariñas que se poden ver en Pontevedra conforman unha extensa lista: desde a sempre presente gaivota patiamarela (acompañada das súas parentes, a gaivota escura e a gaivota chorona), ata a garza real, o corvo mariño grande, o lavanco ou o picapeixe. Nas zonas forestais déixanse oír petos reais e verdes, mentres a lavandeira real revisa o río na busca de comida. Ao mesmo tempo, sobre o centro urbano, o falcón peregrino vixía os movementos dos durmidoiros de estorniños.

Consellos e recursos
  • Estamos nunha zona urbana, polo que debemos ter coidado coa circulación de vehículos.

  • As aves urbanas son un excelente recurso educativo: obsérvanse con facilidade e están ao alcance de calquera.

Arriba