PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA - SERRA DO XURÉS

Paisaxe granítica na fronteira

tb://14954/plano.png

Natureza protexida

Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Estamos nun territorio onde as serras escarpadas se mesturan con outras de formas máis dondas

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e mais o Parque Nacional de Peneda-Gerês únense nos límites entre Portugal e Galicia, formando un espazo transfronteirizo único de 267.958 ha de extensión, declarado no ano 2009 Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Estamos nun territorio onde as serras escarpadas se mesturan con outras de formas máis dondas; onde os bosques frondosos contrastan cunha paisaxe granítica de montaña; onde os bolos cobran feituras singulares e a auga está presente en forma de ríos, pozas, fervenzas naturais e tamén encoros, que ofrecen a posibilidade de remar en augas tranquilas no corazón do Xurés.

Aquí poderás descubrir un dos grandes atractivos que garda este espazo: a variedade de flora con máis de 807 especies, das cales 117 son endémicas, como o lirio do Xurés. Ademais, conta cunha gran diversidade de fauna, con cerca de 150 especies de aves e especies singulares, como a bovina autóctona: a vaca cachena.

O acceso máis frecuente realízase pola estrada OU-540, que comunica Ourense co parque a través de municipios como Lobios ou Muíños. Outra opción é tomar a A-52 desviándose á altura de Xinzo de Limia para continuar en dirección aos municipios mencionados.

ACCESOS: O acceso máis frecuente lévase a cabo dende Ourense, pola A-52, para enlazar coa autovía AG-311 e continuar pola OU-540, en dirección Celanova e Portugal ata a sede do Parque en Lobios. Pódese continuar pola A-52 ata Xinzo de Limia e despois pola estrada comarcal OU-301 por Mugueimes, ou ben por Calvos de Randín e As Maus de Salas ata Lobios.
tb://14953/monumento.png

Patrimonio arqueolóxico

Patrimonio arqueolóxico

Un paseo pola historia do Xurés

Estamos nun lugar privilexiado para descubrir restos dos nosos devanceiros. Na serra do Leboreiro atópase unha das maiores concentracións de túmulos ou mámoas de Europa e os dolmens de Maus de Salas e Val do Salas ben merecen unha visita.

Durante a romanización, este territorio coñeceu a construción da Vía Nova, que unía Braga con Astorga, o que propiciou que se erixisen edificacións civís como o campamento militar Aquis Querquennis, en Bande, ou a vila con funcións de pousada viaria e instalación termal, Aquis Originis, próxima aos Baños de Riocaldo en Lobios. Outra visita obrigada é a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do s. VII, única construción que se conserva dun antigo mosteiro.

A aldea de Cela en Lobios, coas súas construcións sobre bolos graníticos, e as Cortes da Carballeira en Entrimo son dúas mostras de arquitectura popular que che recomendamos visitar.

MÁIS INFORMACIÓN EN:

Centro de Visitantes Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés Estrada de Portugal, 34
32870 Lobios
T. T. 988 788 755

Centro de Interpretación Aquae Querquennae Via Nova Porto Quintela. 32840 Bande
T. 988 444 401

Descarga do folletoDescarga aquí o folleto en formato PDF
tb://14956/sendeirismo.png

Camiño natural Via Nova

Camiño natural Vía nova

Retrocedemos ao século I d.C. para coñecer unha das calzadas romanas mellor conservadas e con máis miliarios de Europa

Via Nova

   
A Vía Nova, hoxe reconvertida nunha ruta pertencente ao programa estatal Camiños Naturais, pódese percorrer en bicicleta, camiñando ou dacabalo. Tamén coñecida como Vía XVIII do Itinerario de Antonino, foi construída para unir as poboacións de Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga).

A primeira etapa, de case 30 quilómetros, une Portela do Home, en plena fronteira con Portugal, con Santa Comba en Bande. Durante este percorrido pódense visitar lugares como o balneario de Lobios e os restos da antiga mansio Aquis Originis. Recentemente sinalizouse unha segunda etapa que une Santa Comba de Bande e A Saínza de Abaixo, en Rairiz de Veiga.

tb://14945/bicicleta.png

Centro BTT Serra do Xurés

Centro BTT Serra do Xurés

Descubre o Xurés en bicicleta

Trátase dun destino de bicicleta de montaña que ofrece seis rutas de diferentes niveis de dificultade que permiten descubrir a riqueza patrimonial e natural ao longo de 255 quilómetros sinalizados. Conta con servizos de información, vestiarios e duchas, aluguer de material, lavado de bicicletas e aloxamento.

As rutas do Parque Forestal de Outeiro da Cela e a Megalítica, que parte dende As Maus de Salas, son dous sinxelos percorridos para realizar en familia. Os máis expertos pódense internar nos picos de Fontefría e percorrer algunhas das poboacións máis singulares, coma A Cela, Prado de Limia, Requiás ou Guntumil.

  Distancia
R1. Parque Forestal Outeiro da Cela 5,7 Km
R2. Travesía do Xurés 25,5 Km
R3. Megalítica 12,7 Km
R4. Picos de Fontefría 32,4 Km
R5. Serra do Pisco 27,9 Km
R6. Vía Nova 29,4 Km
R7. Circular de Lobios 27,4 Km
R8. Minas das Sombras 40,2 Km
R9. Alto de Santa Eufemia 24,4 Km
PUNTOS DE ACOLLIDA:

Complexo turístico-deporativo O Corgo Outeiro da Cela s/n Mugueimes
32880 Muíños
T. 988 456 403 •  609 744 255 •  679 971 377

Centro de montaña Aviva Rúa Tulla 59. As Maus de Salas
32880 Muíños
T. 607 477 375 •  634 910 503

tb://14956/sendeirismo.png

Sendas do Xurés

Sendeirismo no Xurés

Descobre o pracer de perderte sabendo en todo momento cal é o teu destino

Para os amantes de calzar botas de montaña e descubrir novos lugares, O Xurés é o destino perfecto para camiñar por sendas sinalizadas que te achegan aos recursos máis representativos do parque.

Dende o Balneario de Lobios podes enlazar a Ruta da Corga da Fecha e coñecer unha das fervenzas máis altas de Galicia, cuxas augas finalizan o seu percorrido no río Caldo.

Se queres obter unha visión xeral dos recursos máis destacados do Parque, dende a aldea da Cela pódeste dirixir cara a fronteira con Portugal en Pitões nun dos percorridos máis esixentes e espectaculares existentes.Poderemos visitar a aldea de Salgueiro, abandoada dende metade do s.XX. A posibilidade de tránsito pola aldea debe consultarse coa sede do Parque Natural en Lobios antes de facer este percorrido.

  Dificultade Distancia Tempo Tipo
Ruta da Corga da Fecha ALTA3,6 Km3 hLINEAL
Ruta de PadrendoMEDIA / ALTA11 Km4 hCIRCULAR
Ruta de QueguasMEDIA8,5 Km3 hCIRCULAR
Ruta da Ermita do XurésMEDIA4 Km2,30 hCIRCULAR
Ruta Minas das SombrasALTA14 Km8 hLINEAL
Ruta do Río AgroMEDIA / ALTA16,5 Km4-5 hCIRCULAR
Ruta do Río MaoBAIXA / MEDIA3,4 Km2 hCIRCULAR
Ruta do Río VilameáBAIXA / MEDIA1,7 Km45 minCIRCULAR
Ruta Torrente-SalgueiroMEDIA / ALTA22 Km12 hLINEAL
Ruta A Cela-PitoesALTA28 Km10 hLINEAL
Viveiro das MámoasMEDIA49 Km22 hCIRCULAR

 

Aloxamentos | Restaurantes | Turismo activo e deportivo
Non deixes de ver
Non deixes de ver
Unha selección de catro visitas obrigadas que non te deixarán indiferente e que encarnan a esencia do Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Bolos
Bolos

Busca formas sorprendentes nas grandes pedras graníticas coñecidas como bolos que están repartidos por todo o Parque. Na aldea de A Cela atoparalos formando parte de vivendas.

A fauna do Xurés
A fauna do Xurés

Non perdas a oportunidade de ver algún exemplar de mamíferos característicos do Parque como corzos, cervos, cabra montesa, cabalos de raza galaico-portuguesa ou a vaca cachena (autóctona).

Miliarios da Vía Nova
Miliarios da Vía Nova

Estes grandes cilindros de pedras sinalaban as distancias existentes nas vías romanas. Cerca de Portela do Home (Lobios) consérvanse varios exemplares que foron trasladados dende os seus lugares orixinais.

Poza da Seima
Poza da Seima

Dende a aldea de A Cela existe unha senda sinalizada que che permitirá contemplar este salto de auga duns 15 metros de alto, cunha gran fronte de pedra e unha poza de considerables dimensións.

Arriba