Prata e pedra: Unha camelia branca colocada sobre unha bandexa de prata e un paniño de encaixe, podendo ser de Camariñas; iso é Oca. E unhas camelias alegres, pimpantes, descaradas, dunha rotunda cor encarnada, pendidas no que outrora fora horta; iso é Oca.
Un pazo que por barroco non pode ser máis galego nin máis fermoso. Os canos de mil fontes lembran o esmorecido son do chorro do pío nas aldeas e o lento cobreguear dos parrulos nun estanque que é, de feito, un puro soñar, a elegancia palaciana da seda. E un xardín que á luz incerta do inverno conxuga todos os matices dun poema.