Camelias de Rosalía: Versos soltos...

Parecen versos soltos. As camelias da que fora casa da poetisa Rosalía de Castro moran nun xardinciño romántico e risoño con moito de fantasía e un aquel de eirado que induce inevitablemente á poesía.

E coma se fosen o preludio dun poema reciben na entrada o visitante e acompañan un paseo que non pode ser máis lírico. Unha senda que se vira nunha revolta e penetra nun túnel de verdor cunha mesa de pedra e unha parra.

Hainas que non pasan de rebentos. Máis aínda: teñen forma de casca de améndoa, coma se encerrasen no seu interior algún segredo; algunha rima, se cadra.

Outras pousan enriba das sebes de buxo, tan placidamente coma se nunca tivesen medrado noutro sitio. Pequeniñas, perfectas, con pinta de papoula, coma as que se prenden na lapela en toda Europa cada 11 de novembro, en recordo do día do armisticio. E outras, en fin, acollidas á fragrancia das rosas, ao recendo de limoeiros e laranxeiras e á máis prosaica vixilancia da figueira, espállanse por todo o xardín: Son versos soltos.

Información visitas:
+34 981 811 204

Enlaces relacionados...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!