Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Santuarios máxicos > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
Cabo Fisterra

DESTAQUE

Cabo Fisterra

O "finis terrae". Por que alguén querería ir á fin do mundo?

Costa da Morte

XEODESTINO

Costa da Morte

Aquí estaba a fin do mundo, o "Finis Terrae" dos romanos. Concretamente, en Cabo Fisterra, un lugar fascinante...

Santuarios máxicos

Santuarios atlánticos

Este percorrido pola Costa da Morte convídanos a coñecer as grandes lendas, crenzas, rituais e romarías mariñeiras que se suceden ao longo dun litoral ateigado de santuarios que miran ao mar desde lugares privilexiados.

Interésache!

  • Inicio: A Laracha
  • Fin: Fisterra
  • Xornadas: 2
  • Km (aprox): 135 Km
"Santo Cristo de Fisterra,
Cristo da barba dourada,
veño de tan lonxe terra,
Santo, por che ver a cara.

Veño da Virxe da Barca,
veño de abalar a pedra,
tamén veño de vos vere
Santo Cristo de Fisterra".
Data de celebración das romarías:
- Milagres de Caión: 8,9 e 10 de setembro.
- San Hadrián do Mar: Domingo seguinte ao 16 de xuño.
- Nosa Señora da Barca: Domingo posterior ao 8 de setembro.
- Santo Cristo de Fisterra: Domingo de Pascua de Resurrección.

Percorrido - Día 1º

Comezamos a nosa primeira xornada na antiga vila baleeira de Caión, onde atopamos o santuario de Nosa Señora dos Milagres.

Ampliar
Desde este outeiro, poderedes gozar dunha inmellorable vista panorámica. A vila está rodeada por un mar bravío que parece comer a pequena península con cada tempestade. É fácil imaxinar como era a vida dos pescadores anos atrás, loitando nas súas embarcacións contra a forza do mar e do vento, na procura dunha gran balea.
A romaría da Nosa Señora dos Milagres comeza o domingo anterior ao 8 de setembro. Durante unha semana, miles de persoas chegan ao santuario desde toda a comarca para pedirlle á Virxe curación ou agradecerlle a intervención divina polos favores pedidos. Centos deles van a pé e algúns incluso continúan o seu ofrecemento dando varias voltas de xeonllos arredor do templo do século XIX. A tradición di que a fonte santa é milagreira para os problemas da pel, polo que, xa que estades aquí, mollade un pano na auga e logo poñédeo ao aire para que, cando seque, todos os males desaparezan. Se vos cadra vir aquí nos días de romaría, veredes un gran manto branco arredor do manancial e, se é calquera outro día do ano, baixade á vila e empurrade a porta da igrexa parroquial para achegarvos ata o altar da Virxe, que é onde se encontra o resto do ano.
Continúa a nosa viaxe cara a Malpica de Bergantiños. Precisamente, lavarse coa auga santa é un rito que tamén cumpren os fieis no santuario de Santo Hadrián do Mar, do século XVI. O templo levántase solitario e sinxelo no cabo do mesmo nome, intimamente vinculado ao mar, coas Illas Sisargas ao seu carón. O día da festa, a procesión sae coa imaxe do santo a primeira hora da mañá da vila de Malpica. Os tres quilómetros do antigo camiño énchense de romeiros que acompañan a imaxe pola area da praia e pola beira da costa. A fama de milagreiro de Santo Hadrián reside en que librou a zona dunha praga de serpes. A tradición conta que desde que acabou coa última, o único réptil que se pode intuír en todo o cabo é o que aparece na silueta dunha das pedras dos cantís que hai ao pé da ermida.
Deixando atrás a península de Malpica, e antes de chegar ao seguinte santuario máxico, teremos a sorte de atoparnos con varios lugares emblemáticos como o orixinal e moderno faro de Punta Nariga. Foi deseñado polo arquitecto pontevedrés César Portela reproducindo a imaxe dun impresionante barco de pedra aproando cara ao mar. Tampouco perdades detalle das formacións rochosas que hai ao voso redor. O vento e o salitre labran enormes moles de granito debuxando nelas espectaculares esculturas naturais con forma de bruxas, osos ou tartarugas.
Desde aquí, albíscanse as Illas Sisargas e, cara ao sur, o cabo Roncudo onde os percebeiros de Corme arriscan as súas vidas, entre rochas e ameazantes ondas mariñas, na procura deste apreciado froito do mar. Se vos achegades a Corme, non deixedes pasar a oportunidade de degustar este tesouro do Roncudo, para moitos, os mellores percebes de Galicia, nalgunha tasca da vila. Sen dúbida ningunha, esta será a mellor maneira de saborear unha bafarada de mar no voso padal. Aproveitade tamén para coñecer a Pedra da Serpe, pois Santo Hadrián tamén pasou por aquí para liberar a comarca da praga de réptiles. Un destes ficou petrificado e, froito da cristianización, colocouse alí un cruceiro.
Seguindo o noso camiño cara ao sur, e antes de chegar a Muxía, a “terra dos monxes”, facemos un alto no camiño para coñecer o mosteiro románico de San Xián de Moraime. Trátase dun antigo cenobio beneditino, de gran beleza, que leva en pé dende o século XII. Obra da escola do Mestre Mateo, famoso escultor do Pórtico da Gloria,  na súa portada reflíctese o influxo da catedral compostelá.
Chegando xa a Muxía, e para rematar a xornada, propoñémosvos un bonito paseo pola zona portuaria, mentres o sol cae sobre o bravo mar da Costa da Morte. Alí, podedes aproveitar para cear nalgún dos seus restaurantes a pé de porto: o sargo, a robaliza ao sal ou as navallas son algunhas das súas exquisiteces.

 

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba